Comentarios sobre as eleccións catalanas

Comentarios sobre as eleccións catalanas

As eleccións catalanas produciron un novo escenario político en Cataluña con importantes repercusións no plano estatal. CiU volve á Generalitat e as forzas que compuñan o goberno sufriron un importante retroceso nomeadamente o PSC e ERC.

Xa se celebraron as eleccións catalanas e xa se resolveron as tres incónitas fundamentais que se formulaban:
-CiU gañaría as eleccións, pero tería maioría absoluta?
-O PSC ía retroceder, pero canto?
-Qué forza ocuparía a terceira posición?

A federación de partidos CiU gañou as eleccións pero quedou a seis escanos da maioría absoluta.

O PSC retrocedeu até o punto de obter o resultado máis baixo da súa historia tanto en número e porcentaxe de votos como en número de escanos.

O PP pasou a ser a terceira forza política obtendo a cifra de escanos máis elevada da historia da formación e das súas predecesoras, se ben situándose 0,8 puntos por debaixo da súa mellor marca en termos porcentuais (13,1%).

Coas tres incónitas xa resoltas queda de manifesto que se inicia unha nova etapa na política catalana e se anuncia un novo escenario na estatal.

Datos significativos
Co propósito de caracterizar o proceso fixémonos nalgúns datos relevantes:
-A participación electoral foi superior a 2006 en 4 puntos (153.600 votantes máis).

-En 2006 as forzas que obtiveron representación sumaban o 95,5% dos votos válidos, en 2010 este conxunto representa o 90,2%. O 9,8 restante componse por un 2,94 de votos brancos, 0,92 puntos máis que en 2006, e un 6,86 que recibiron as outras candidaturas.

-O nacionalismo pasou de representar o 45,6% dos votos válidos ao 50%, e o españolismo retrocedeu sete puntos quedando no 44%. En termos de representación, o nacionalismo ten agora 76 deputados fronte aos 69 de 2006.

-A lexítima coalición de goberno “tripartita” perdeu 22 escanos (48 fronte a 70), pasando do 50,4% dos votos ao 32,7% (en 2003 sumaban o 54,9%), en número de votos o retroceso foi de 476.900 sufraxios.

Sobre os resultados e a sorte de cadaquén

Neste proceso electoral confluiron dous factores que foron decisivos: por un lado, o “clásico” desgaste do goberno, a coalición levaba sete anos á fronte da Generalitat; e, por outro lado, a crise económica e a conseguinte penalización aos partidos que gobernan, nomeadamente a aqueles que desdebuxan o seu perfil político e ideolóxico.

O PSC perdeu 8 puntos polo efecto incisivo dos dous factores sinalados. Se observamos a evolución do partido desde 1999 constatamos que leva perdidos 19 puntos (4,4 en 2006 e 6,6 en 2003), en termos absolutos falamos dunha perda de 613.000 votos. Xa que logo, o PSC sofreu o peor resultado da súa historia, por debaixo do 22,4% e dos 33 escanos de 1980.

Esquerra perdeu sete puntos que se poden explicar polo desgaste do goberno e por un factor engadido e sempre decisivo: os graves avatares internos que sofreu nesta lexislatura. O retroceso electoral da formación independentista tradúcese en 9,4 puntos e 325.000 votos menos desde 2006. A porcentaxe do 7% dos votos é o peor resultado do partido desde as autonómicas de 1988.

Iniciativa perdeu 2,1 puntos, malia a tendencia alcista de IU, que se explican esencialmente polo desgaste do goberno. En todo caso a porcentaxe acadada (7,4%) sitúase por riba do resultado de 2003.

Vexamos agora as proclamadas como forzas gañadoras.

A gañadora sen matices foi CiU. A federación recupera a Generalitat despois de sete anos de “incómoda” oposición, e despois de realizar unha campaña centrada en cuestións relevantes para a posición de Cataluña no Estado como é o concerto económico.

Os medios de propaganda da dereita española destacan o éxito do PP que crece 1,7 puntos, e nomeadamente da estratexia á contra e de fondo calado centralizador.

As outras dúas forzas que máis “éxito” tiveron foron a SCI de Laporta e Cidadáns de Rivera. Ambas as dúas de carácter “outsider”, a primeira de recente aparición, e a segunda preparada para iniciar a súa segunda lexislatura. A principal diferenza entre as dúas é que a SCI conseguiu acadar representación en Girona e non só na enorme circunscrición barcelonesa (na que o 3% dos votos garante dous deputados).

As eleccións autonómicas e as xerais

Hai dous fenómenos constatábeis en Cataluña, e na maioría das CCAA, cando comparamos as eleccións autonómicas coas xerais: o denominado voto dual e a cualificada como abstención diferencial.

O voto dual reflicte o comportamento diferenciado do electorado en función do tipo de proceso electoral. En Cataluña o “clásico” transvase CiU-PSC e PP nas eleccións xerais.

A abstención diferencial refírese ás diferenzas na participación en función do proceso electoral, e nomeadamente entre as autonómicas e as xerais. Nos procesos máis recentes reflíctense estas diferenzas de maneira clara, así nas xerais de 2008 a participación foi do 70,3% e nas autonómicas de 2006 do 56%.

A combinación das dúas variábeis amosa os seguintes resultados: en 2008, e con 760.000 votantes máis, CiU e ERC perderon 156.000 e 125.000 menos respectivamente, pola contra o PP gañou 294.000 e o PSC 894.000. Nas eleccións xerais de 2008 o PSOE atopábase nunha situación favorábel.

Vexamos agora un proceso desfavorábel para este partido, as xerais de 2000, e comparemos coas autonómicas de 1999. Neste caso CiU perdeu nas xerais 200.000 e ERC 81.000 votos, o PP gañou 470.000 e o PSC perdeu 33.000. Neste caso a participación nas xerais foi do 64% e nas autonómicas do 59,2%, en cifras absolutas 255.000 votantes máis.

As tendencias actuais aproxímanse máis ao segundo caso que ao primeiro, pero ademais existe unha situación socioeconómica que complexifica o escenario e os “previsíbeis” movementos electorais. De calquera xeito, para o PSOE Cataluña é fundamental na súa posición no Congreso dos Deputados en tanto que o 15% do grupo socialista procede das provincias catalanas.

En definitiva, en Cataluña chegou ao seu fin un ciclo que leva aparellado a crise dos actores que o protagonizaron e daqueles que os apoiaron, un final que anuncia crises de maior calado mais tamén abre unha nova etapa na que o nacionalismo ten moito que dicir e que decidir.

CIU recupera a Generalitat despois de sete anos de “incómoda” oposición, e despois de realizar unha campaña centrada en cuestións relevantes para a posición de Cataluña no Estado como é o concerto económico.