COLOMBIA VIROU


Era difícil, era moi difícil conseguilo. Cando falamos de Colombia non estamos a falar de calquera país; Colombia é exemplo de capitalismo neoliberal, con unhas estruturas políticas e económicas dominadas por unha oligarquía que actúa por medio de un turnismo exercido por liberais e conservadores case desde a independencia, e que se complementa cos intereses do narcotráfico e o paramilitarismo.

Ademais, cando nos referimos a ese país, debemos ter en conta a súa función como principal base desde a que os EUA despregan desde hai décadas as súas actuacións de inxerencia en toda América Latina, e as accións para desestabilizar calquera goberno da rexión que queira actuar como goberno de un país soberano, e decida adoptar decisións contrarias ao que ten deseñado o xigante do norte para o que segue a considerar o seu patio traseiro.

Ás dificultades das que todos e todas éramos conscientes, sumouse un resultado na primeira volta das eleccións presidenciais o 29 de maio, que levantaba moitas dúbidas e aumentaba a preocupación sobre o posíbel desenlace. A candidatura do Pacto Histórico tería que enfrontarse en segunda volta, a un candidato que non era o representante oficial do uribismo e dos sectores oligárquicos; o Pacto Histórico tiña en fronte a un candidato sorpresa, Rodolfo Hernández, que coa chamada Liga de Gobernantes Anticorrupción representaba unha especie de trumpismo á colombiana.

Pero o 19 de xuño Colombia virou coa vitoria do Pacto Histórico en segunda volta, e se nada se torce o binomio formado por Gustavo Petro e Francia Márquez accederá á presidencia e vice-presidencia do país o vindeiro 7 de agosto.

Falar neste caso de un feito histórico non é exaxeración; na confrontación electoral colombiana estábamos diante de moito máis que un enfrontamento entre candidaturas. O pobo colombiano vén de abrir a porta á democracia, tras moitas décadas de inxustiza, violencia e opresión, nas que quedaron no camiño milleiros de persoas, dirixentes sociais, militantes das organizacións de esquerda, candidatos presidenciais, integrantes da diversas guerrillas, membros dos distintos pobos orixinarios....

Non vai ser doado desmontar as estruturas da política neoliberal nin atallar a corrupción, responsábeis da desigualdade e da violencia existentes. E ademais os sectores que agora son expulsados do goberno, non van permitir que se lles despoxe sen resistencia.

E ademais a historia colombiana fai que debamos ser moi cautos, dado que nos case dous meses que separan o día das eleccións da toma de posesión presidencial poden producirse tentativas para que o cambio gobernamental non se produza. E quen teñen o poder non se van cortar á hora de empregar calquera tipo de instrumento para conseguir o seu obxectivo, desde o poder xudicial até o paramilitarismo; ao tempo que buscarán crear un ambiente social favorábel a unha actuación que impida a aplicación do resultado electoral.

Conseguir unha paz real, aplicando os acordos da Habana e reabrindo as conversas co ELN; iniciar unha reforma agraria que favoreza unha mellora das condicións de vida no rural e permita a substitución do cultivo de coca; garantir o acceso á auga e poñer coto á deforestación; atallar a situación de miseria que afecta a millóns e colombianos e colombianas; reactivar a economía e construír unha nova institucionalidade que garanta dereitos sociais e laborais básicos. Son moitos os retos que ten por diante o goberno de Gustavo Petro no ámbito interno.

E no externo os retos non son menores. Colombia ten que reintegrarse no seu marco natural, empezando pola necesidade urxente de unha mellora nas relacións coa veciña Venezuela Bolivariana, pero tamén co resto de estados da rexión; de xeito que deixe de actuar e deixen de vela como representante dos intereses do imperialismo norteamericano. O marco rexional é favorábel, pola existencia dun número importante de gobernos progresistas que desenvolven políticas moi diversas, pero todas elas coincidentes na defensa da soberanía e do dereito de cada pobo a elixir o seu propio camiño.

Certo que non se pode facer todo a un tempo, e calquera proceso político ten distintos ritmos en función das circunstancias puntuais e das necesidades. Pero recollendo o que dicía hai uns días un militante da esquerda colombiana, o goberno do Pacto Histórico precisa emitir desde o primeiro día sinais claras de que se van dando pasos. Uns pasos que fagan ver ao pobo que a esperanza que levou á vitoria electoral non se vai frustrar, e que se está edificando a Colombia do futuro; nun proceso de construción que necesita manter a mobilización social para defender os avances e enfrontar a unha oligarquía que a día de hoxe segue tendo todos os resortes de poder.