Collermos “días de permiso” por riba das nosas posibilidades

Collermos “días de permiso” por riba das nosas posibilidades

Parellas que casan só para poder ter quince días de permiso, mulleres que quedan embarazadas só para ir á clase de preparación do parto e así perder un par de horiñas no traballo, xente que cambia de vivenda para poder ter un día libre e, tamén, nais que lle quitan o freo aos patíns para a ver se o seu fillo rompe o menisco e pode conseguir dous días para ir verlle ao hospital. Ah! E quedan os enfermos. Quen non quere padecer insuficiencia renal para ter que ir a diálise? Quen non gostaría de sufrir hopoglucemia diabética para acabar, de cando en vez, no hospital? Nin que dicir dos catro días posteriores á morte dun familiar de primeiro grao que se atopa en Badajoz ou Huesca. Pasamos “Non vos riades que o conto é triste”... isto é o que alude a patronal española para afondar, aínda máis, no escravismo da clase obreira. A ninguén se lle escaparán, xa a estas alturas da semana, as declaracións dun dos responsábeis da CEOE, quen cualificou de “excesivos” os catro días recollidos no Estatuto dos Traballadores por defunción dun familiar de primeiro grao. A xustificación: “los viajes no se hacen en diligencia”. Quizais debería a patronal, fóra dos jet privados e dos billetes de avión en business, comprobar o “gran desenvolvemento” en infraestruturas e medios de transporte tan “frecuentes” e “veloces” cos que nos agasallou o centralismo español en Galiza.

Os xefes da patronal española, que recibe, cada ano, máis cartos públicos que os sindicatos, colleron sona, da mala, logo de pronunciar desafortunadas impresións que non son máis que o reflexo do sistema capitalista. Ademais das demandas de despido libre, rebaixas salariais, supresión de convenios... e un sinfín de medidas que empobrecen, cada vez máis, a clase traballadora, foi coñecida a proposta da CEOE para avaliar e mesmo despedir “a los prepotentes e incumplidores empleados públicos” ou a súa opinión sobre as pontes, “un verdadero escándalo”. Tamén sabemos que a CEOE, que considera “inconcebible” que as persoas no desemprego cobren paro se recibiron unha oferta de traballo “como si es en Laponia”, advertiu de que no Estado español “hay una mentalidad de que el paro es una especia de renta, y que se tienen dos años para buscar trabajo”. A próxima, será impedirnos ir ao baño en horario laboral, así haxa que volver aos cueiros. A patronal, como a dereita, a Europa dos mercaderes, o FMI e a troika, é insaciábel, nada lle resulta suficiente.

A modernidade, segundo a patronal e o FMI, que insiste en esixir o abaratamento (aínda máis!!) do despido, consiste en volvermos ao século XIX, ás xornadas de sol a sol, coa eliminación de todos os dereitos conquistados, que non regalados, pola clase obreira. E esta modernidade, que está plasmada, en gran medida, na última reforma laboral, ten un nome: escravismo. Se non, que llo pregunten os colectivos máis precarizados, as mulleres e a mocidade. As mulleres, que xa contaban salarios máis baixos que o dos seus homólogos varóns, vense relegadas, de novo, ao fogar, ao papel tradicional que lle ten reservada a dereita máis ultra e son máis vulnerábeis á dependencia do home e á violencia machista. A mocidade (a “afortunada”, a que non tivo que emigrar) vese na obriga de traballar até os 30 anos, mesmo durante 3 anos, e cun soldo de apenas 480 euros, e vese condenada a ser aprendiz eternamente. Neste panorama de empobrecemento, que propón a CEOE? Que todas sexamos precarias ou desempregadas, que non teñamos a oportunidade de exercermos un dereito básico, o dereito á remuneración, ao contrato de traballo. Ser precaria é ser escrava.

Non podemos ficar impasíbeis á espera de respostas de combate que non chegan. A austeridade só crea destrución. Os resultados están á vista: máis paro, máis débeda, máis emigración, máis miseria, máis fame, máis desesperación... É hora de reaxirmos, de nos solidarizar, porque ou gañamos todas ou perdemos todas. Esa é a loita, a loita daquelas ás que nos culparon da crise dicíndonos que viviamos por riba das nosas posibilidades, daquelas que nunca tiveron salarios altos, daquelas coas pensións contributivas máis baixas, das mozas, das empregadas públicas, das obreiras, das persoas con discapacidade e das que se atopan no desemprego, das estudantes... En definitiva, da inmensa maioría do pobo. Ou gañamos todas ou perdemos todas.