Coidar

Non foi quen de reprimir as bágoas. Era a impotencia, a frustración, a opresión, a alienación o que manaba dos seus ollos. A reunión estaba a piques de rematar e ela non puido aguantar máis.

Daquela comezou a explicar que a súa sogra non acudiría ao centro de día até que se comezase ver o final da pandemia, o seu home non quería que a nai volvese ao centro, dáballe medo polo virus, e el era o que tiña que decidir, aínda que era ela quen coidaba a muller, cun deterioro cognitivo que lle impedía controlar os seus impulsos violentos e deixarse acompañar. Dixo unha e outra vez que ela non decidía, que se por ela fose, mais que era o seu home, que tiña medo do virus, e ela tería que seguir a coidar da vella, aínda que lle gustaría que non tivese que ser así, pero ela non decidía, era o seu home quen dicía que a súa nai tiña que quedar na casa, até que pasase o virus, que se por ela fose...

Con esa teimosía coa que a realidade se impón á ficción, unha muller que aínda non chega aos corenta anos chora ao meu lado. De certo, esas bágoas súas poucas deben ser comparadas coas que deixará caer na soidade da casa.


Ela é unha muller que non é independente economicamente, que asume o rol que a sociedade patriarcal lle asigna e carga sobre si todas as carencias das políticas sociais dos sucesivos gobernos do PP na Xunta. Unha desas mulleres que nin se propón traballar fóra da súa casa, pois considera que é alí onde ten que estar para ser ela quen coide directamente dos seus. Até que un día rompe, porque coidar non é unha tarefa sinxela e para poder dar cabo dela hai que comezar por se coidar unha mesma, ou alguén imaxina que unha mesa de madeira que non foi vernizada e na que acaba por entrar a couza vai poder soster a fraxilidade do cristal ou a porcelana? Mais coidarnos cando somos coidadoras non é algo que estea na axenda dos gobernos, nin para concienciar desta necesidade á sociedade en xeral, nin para adoptar medidas diversas que vaian nesa dirección. Asúmese que é a nosa tarefa e xa está, como termos ovarios e menstruación.

Por iso o lema da CIG este ano foi "Descoidar a quen coida é violencia machista".

Por que coidar dos pequenos, dos maiores e de quen non se vale por si, malia ser unha actividade das que agora chamamos esenciais, nunca foi debidamente valorado. Polo mesmo que non se valora o traballo doméstico, porque son tarefas que permanecen na esfera do privado, dentro da casa, o espazo que o patriarcado destinou á muller. É a mesma discriminación que seguen practicando os pobos que as ocultan baixo velos e burkas, actitudes que emanan desa consideración, de que o espazo da muller é a casa. Nin a rúa, nin o traballo.

Evidencia desta consideración é o tratamento que teñen os coidados cando se profesionalizan. Se analizamos os salarios naqueles sectores profesionais en que os coidados son a tarefa esencial, veremos que reflicten a minusvaloración desta tarefa. Así o comprobamos nos convenios de atención á discapacidade, educación infantil ou residencias privadas. Nestes tres convenios atopamos salarios por debaixo do salario mínimo interprofesional, nada menos, 760,12€ no de discapacidade e 900 no de Infantil, por citar os máis baixos. E a que categoría adoitan corresponder estes salarios? Si, persoal de servizos domésticos, cociña, limpeza, mantemento...

Nas táboas salariais das residencias privadas, que nestes días están tristemente de actualidade nos telexornais, existen tamén salarios por debaixo do SMI, concretamente 946,4€, iso é o que cobran as persoas que lavan, pasan o ferro, traballan na cociña ou limpan.

Mileuristas en traballos en que os riscos para a saúde forman parte de toda a invisibilidade que rodea ás mulleres, pois existindo, nin se repara neles, nin na súa gravidade. Agás que chegue unha pandemia, coma o COVID-19, e escoitemos que as traballadoras deste tipo de centros sofren unha alta taxa de incidencia. Mais esa exposición está sempre aí, ou imaxinan traballar con crianzas e expoñerse a todas as enfermidades infantís?, ás veces estando embarazada? Alto risco.

Si, sabemos, esas cifras reférense ao salario base, logo están os complementos, a antigüidade... si, si, si. Mais o salario base é a referencia para as cotizacións, para as incapacidades laborais, para a percepción do desemprego, para as pensións de xubilación.

Así que cando este 25 delegadas e delegados da CIG nos concentramos diante do edificio da Xunta, algunhas das pancartas dicían “a precariedade tamén é violencia”, os datos nin nos deixan mentir, nin nos falan doutra realidade. A fenda salarial é a que o pon en evidencia, e a día de hoxe segue a ser superior ao 20%, unha fenda que se agranda até o 36% cando atendemos ás pensións de xubilación, a gota que colma o vaso das diferenzas.

Unha fenda do 100% cando poñemos baixo a lupa os coidados dentro do fogar, alí onde as mulleres, asalariadas por conta allea ou non, rematan o día atendendo os seus.

Estamos esgotadas fisica e emocionalmente, cun esgotamento que se traduce nun abano de enfermidades en que ten lugar destacado a depresión. E por riba de todo isto, sentíndonos culpábeis por non ser quen de estar en todo, de estar sempre, co mellor humor, e con habilidade. Coidámolos, descoidámonos e cargamos coa culpa de non facelo mellor.

De verdade que é a nosa responsabilidade?

A resposta é non e cómpre que esixamos políticas sociais que creen unha estrutura que dignifique os coidados e que lle dea soporte a todas as persoas, a todas as mulleres que levan esta carga, evitándolle unha inversión á Administración. E melloras laborais que dignifiquen estes traballos absolutamente esenciais.