Coidar a vida


A censura do tribunal Superior de Galiza ao decreto do “pluralismo lingüístico” da Xunta é unha gota de aceite na seca lexislativa de catro anos de maldición. O TSG reivindica os artigos da lei de normalización lingüística e os estatutarios. En oblicuo, recoñece a inmersión lingüística do idioma galego. Algo imprescindíbel para o coñecementos e uso de calquera idioma. É isto unha defensa da vida dos galegos e do colectivo histórico, da nación.

Achámonos baixo a ameaza de perda de vida. A máxima ameaza afecta aos “desaloxados” da súa vivenda a sumarse a uns 4.000 habitantes do país que viven na rúa. Viven? Mais ben morren nunha longa noite de tristura.

Dous indicios de ameaza mortal que esta Xunta esquece e mesmo provoca: o primario, de alimentación, abrigo e albergue de milleiros de persoas. O seguinte, de educación desde a cultura propia, desde as entrañas e sentidos adecuados á paisaxe, aos sons, verdes e ventos de cada espazo do país.

Se os humanos, na Galiza como en calquera país, nos desenvolvésemos no vieiro de autenticidade, estariamos vixiantes para evitaren e venceren os obstáculos que a realidade económica, social e científica de hoxe nos quere devorar.

A desgraza interna dun pésimo goberno, súmase a global de hoxe: 147 grandes empresas “transnacionais” manexan a economía mundial; sete empresas privadas son as propietarias do 70% do “mass media” mundial. Ou sexa: desde o alimento á información dependemos de institucións escuras, sen transparencia nin control. Esta é unha realidade dun perigo mortal. E de feito as consecuencias son pavorosas.

A actuación económica das “trasnacionais” estase a apropiar de enormes espazos agrarios en África, Latinoamérica etc. A submisión da UE a eses entes desarticula a sociedade agraria. O PAC está lonxe de colaborar a unha agroindustria local ou a unha gandaría familiar; o que está é a destruír todo o articulado social e cultural a prol do poder económico das transnacionais.

A situación xeral da UE é de entrega a un neoliberalismo, a un dominio do poder financeiro e monopolista que pretenden a desarticulación social cara o individualismo para o triunfo de minarías irresponsábeis e para a submisión das maiorías. Un sistema de capitalismo terminal que produce miseria, fame, suicidios e mortes. É hora de asumir responsabilidades persoais e institucionais. Os partidos e os sindicatos están na ollada dese neoliberalismo para extirpar aos da resistencia e protexer aos submisos. Ven nos sindicatos o resto da rebeldía histórica do proletariado e, logo do pacto da Moncloa que buscaba a súa dispoñibilidade nunha negociación asimétrica, temen que renazan na defensa social.

A vida de moitos galegos periga. O estrago da emigración volve repetirse; o da miseria numerosa está a vista nas rúas das cidades. Todos estamos afectados na propia vida: ou por falta de medios ou por asfixia moral ante unha realidade dun goberno maléfico, dunhas institucións económicas egoístas e traidoras, dunha educación escolar e universitaria parasitaria e antipaís. Un pranto xeral. O mesmo que vivimos desde a ditadura franquista de 40 anos de escravitude política e relixiosa, agora volta coa gadaña para mortes nas rúas, maltrato nas escolas, restos integristas en certos cultos relixiosos e un horizonte de “negra noite” á man dunha minoría económica e dunha sociedade amedrentada.

Non quero continuar cun cadro tebroso. Coidar a vida é a necesidade maior; é o valor máis significativo de cada persoa, institución ou nación. Esta nación ve gadañas de morte; este que escribe percibe signos dunha “dereita española instalada na Galiza, esa dereita a máis rancia e casposa do planeta”. Desfacernos desa dereita e do poder financeiro é vital.