Coidado! Que chegan as soberanistas!

A ningunha se nos escapa que hai palabras que fascinan, cativan, persuaden. Outras repélennos. Teñen olor, sabor e color. O sentimento que esperten en cada unha de nós depende, en gran medida, das nosas vivencias e ideoloxía, mais depende, sobre todo, do significado colectivo, daquel significado imposto polos poderes fácticos, que condicionan a percepción das palabras e diríxenas. O contido dunha palabra vai máis alá da relación aséptica dos dicionarios. E é que as palabras tamén teñen forma e poden manipularse, como a plastilina. Pidámoslle a unha persoa allea ao nacionalismo que elixa entre estes dous pares de palabras: liberdade/democracia e soberanía/independencia. É doado adiviñar a escolla, non si? A intoxicación lingüística ten as súas causas políticas e económicas. Acotío, soberanía ou independencia empréganse para confundir, atemorizar e, sobre todo, para manter a ignorancia sobre as relacións de dominio/explotación. Pola contra, as fascinantes liberdade e democracia están maquilladas até o punto de chegar a xustificar un asasinato.
De seguro que reparastes estes días no tratamento informativo que os medios de comunicación convencionais lle outorgaron á Asemblea Nacional do BNG. Á marxe das disparatadas expresións do tipo “alaridos de independencia”, os “aplausos al terrorista Otegi” ou o “apoyo a la dictadura cubana”... perdín as contas das veces que lín e escoitei a expresión “deriva soberanista”... e aínda hai quen asume a linguaxe prostituída sen se decatar da dose de veleno que inocula. A noticia, o escandaloso e o refutábel sería que unha formación nacionalista como o BNG, en vez de defender a soberanía nacional de Galiza, se dedicar a aprobar unhas teses que nos levasen cara a unha deriva españolista. Obviamente, non aludirían á nación, falarían de región, que é o que se estila neses ambientes pseudoprogres. É a perversión da linguaxe. Á vez que se crearon eufemismos para suavizaren os efectos nocivos do capitalismo, creáronse imaxinarios ao redor de palabras como soberanía, independentismo e mesmo nacionalismo que lle inoculan a este conxunto de letras doses de arsénico capaces de enganar a unha sociedade idiotizada. De aí a necesidade urxente de colaborar a que o pobo abandone a inxenuidade e desenvolva un pensamento crítico e independente. As palabras enganan. Non podemos deixar que pensen por nós.
Seguro que á túa veciña do lado non lle gustaría que ti lle impuxeses o xeito en que ten que distribuír os cartos que entran na súa casa; se, para aforrar, debe recortar nas revistas do corazón ou en iogures; nin se debe plantar xeranios ou tomates; nin se debe consumir máis cacao ou máis café; nin se debe empregar máis días saia que pantalón; nin se se debe deitar con homes ou con mulleres; nin se debe ser nai ou non ter crianzas... Pois isto é soberanía. Si! Esa palabra que proe, que repele. Esa palabra máis propia de demos como Chávez que de “xente progre-guai” como Chacón.
Soberanía é a capacidade de gobernarmos en defensa dos nosos intereses: é decidir non darlle un peso máis á igrexa, ao exército español e á casa real; é decidir deixar de sufragar colexios que segregan por sexo; é dicir “basta” á desertización industrial e á deslocalización de empresa; é dicir non á explotación dos nosos recursos, como a mina de Corcoesto; é levantar o veto ao naval; é decidir sobre o noso corpo; é decidir, eu María, e ti, que estás lendo, e non a troika, nin a amalgama de siglas dos mercados sobre o noso sector financeiro; é decidir sobre os nosos recursos produtivos: pesca, agro, conserva, téxtil... ; é decidir a nosa xornada laboral e o salario mínimo interprofesional; é decidir se as enerxéticas poden seguir chuchando dos nosos recursos para se encarecer; é decidir o financiamento municipal; é decidir o nivel de déficit; é decidir sobre os servizos sociais... En definitiva, ser soberanista é sermos máis donas de nós mesmas, sermos libres e participarmos en democracia.
A min non me gustan as palabras politicamente correctas, aplaudidas e sacralizadas polo sistema, como “democracia” para escoller un Goberno que vai actuar contra todas nós e como “liberdade” de ter coidado para non nos desviar do pensamento único. Eu prefiro seguir sendo das dos “cornos e rabo”, seguir a empregar soberanía, nacionalismo e independentismo como palabras que representan confianza, ilusión, xustiza social e futuro... e se lle renxe ao sistema, MELLOR.