Código ético, cómico uo patético…
Calquera tolería se converte en lei si a prensa o di.
E tan porfiosa a realidade da situación da xente en Galiza que forzou ao Sr. Presidente a pasar da mentira ao disparate.
Espíritos dos castros erguédevos das vosas mámoas antes de que rematen coa vosa civilización e vide ver que Presidente temos. Amosareivos primeiro como nos están deixando o rural. Tede un pouco de valentía e de moral, non vos engurredes, iso inda pode ter amaño. Logo, ollaredes a un tal Presidente. Non por ética nin por moral, si non por precaución, non manifestedes sentimento algún. Volvede as vosas medorras e ride ou chorade, como vos pete, a “Obra” da para todo …
A distribución da poboación en pequenos núcleos por todo o territorio galego permitiu un aproveitamento in situ dos recursos e foi consolidando comunidades, xa dende a época castrexa. Despois de séculos, as corredoiras mudaron a camiños con afirmado, e do carro de bois e transporte a cabalo pasouse ao auto e o tractor. Mais as renovacións técnicas non se corresponderon con evolucións renovadoras do tecido social. Nas últimas décadas, debido fundamentalmente a nefastas políticas de abandono e desprezo polo potencial humano e riqueza económica e cultural, esas vizosas comunidades rurais de cinco décadas atrás están esborrallándose Na maioría dos concellos de menos de 5.000 habitantes mais da metade da poboación supera os 65 anos.
Temos a taxa de mortalidade mais alta do Estado e tamén a de natalidade mais baixa. Pero temos o Presidente autonómico que mais presume de non reclamarlle diñeiro ao Estado. En moitos destes concellos bota a tres anos sen nacer unha criatura. ¡Imaxínense que descobren os do INEN que en moitos destes núcleos xa non hai parados rexistrados!. Porque so van quedando vellos. ¡Que propaganda, miña madriña! Feijoo acaba co paro no rural...
…O Presidente di que vai poñer a andar un programa de traballo que solucionará o problema creando 500 postos de traballo. A realidade di que na última década abandonaron Galiza mais de 300.000 persoas, na súa maioría menores de 30 anos, e ao redor dun 20% deles con titulación superior.
A realidade segue sendo porfiosa e di: A taxa de remprazo - a división das persoas que se incorporan ao mercado laboral entre as que saen del - reduciuse ao 70% no 2011 , situación que fai inviábel o sostemento futuro dos servizos sociais básicos como a atención sanitaria e as pensións de xubilación. E sería inda peor se descobren que aquí traballa a xente hasta morrer. Son capaces de poñer aos inspectores de traballo a vixiar dende as Terras do Bolo ate o Piornedo; xa verán que bolsa de fraude fiscal, economía soterrada e corrupción atopan. Fai días, varios comentadores da radio galega atopaban fraude fiscal nos autónomos, nos parados, nos traballadores, nos pacientes da seguridade social, nos funcionarios, nos pensionistas, nos labregos …. E nos banqueiros, nos ricos, nos donos dos medios de produción e de comunicación, e nos paraísos fiscais non atopaban nada. Non faltará tampouco algunha autoridade xudicial que descubra unha caixa forte nunha tulla, nun hórreo, ou no medio das dúas pedras dun muíño albeiro. Se Noso Señor ten algo de humanidade (que é para poñelo en dúbida) que nos deixe vivir algo lonxe de tanta xustiza e de tanta ética.
Por si fora pouco, o modelo raquítico e avarento dos grupos de presión que impoñen a sociedade fórmulas de obtención de diñeiro rápido, desbotan calquera plan de potenciación da economía rural. Pola contra, recortan e retiran un tras de outro tódolos servizos públicos e tódalas axudas a iniciativas privadas; baixo a falacia de que non é rendíbel. O racional (que, para eles, se corresponde co rendíbel) é que o que non dea cartos debe desaparecer. Para que os seres humanos xeremos cartos e preciso explotarnos (e canto mais nos exploten mais cartos producimos). Tendo un pouco de sentido e humanidade os nenos son un investimento de futuro e os vellos de pasado. O noso Presidente, como bo actor do que os teóricos chaman a economía do “bingo global” so quere xogar con cartóns do momento. A súa louca adición a este xogo lévaos a non decatarse das leis fundamentais da bioloxía. Tan é así a cousa que fai pouco pegou unha espantada unha Conselleira como si rematase de “caer da burra” de golpe: Estamos, dixo, nunha situación demográfica dramática, xa non van a nacer novos para que nos poidan coidar aos que cheguemos a vellos. Porqué non se comunica a Sra. Conselleira co Sr. Presidente, el xa ten cadradas as contas: Non investir nos vellos e xa morren, non investir nos novos e emigran. ¿Quen é o presunto intelectual que di que o noso Presidente non está polo dereito a decidir de Galiza; uns loitan pola autodeterminación e el loita pola auto-extinción de Galiza. Escoitabamos a raíz do debate do dereito a decidir en Cataluña a dous expertos en “nacionalismos excluíntes”; intelectuais de talante e talento español como o Sr. Barreiro Ribas e D.Roberto Blanco Valdés, nun debate público falaban do dereito dun pobo ao suicidio. Claro que tamén defenderon con moita lucidez que os dereitos derivaban das leis e non ao revés. Ponte ti agora con estes admiradores do Sr. Feijoo a falar de principios. A bo seguro que defenden que todo depende do principio da autoridade, e autoridade ven de Deus, e de Deus pasa ao Papa e do Papa aos príncipes e monarcas. E, como excepción, tamén se lle pode dar ao Parlamento autoridade, sempre que nel goce de “MAIORÍA APLASTANTE” -como diría o ilustre Sr. Pita- un partido que sexa do sistema. Si non me fallou a lóxica e a ética, os códigos éticos fanse de acordo con deus e co sistema, que veñen sendo a mesma cousa; dúas persoas distintas e un so poder verdadeiro, O PODER, con maiúscula. E mentres, Feijoo mándalle a Rajoy mensaxes de guerreiro emocionado: “¡Pobo auto-extinguido nunca será vencido!”. Teño, así e todo, que lembrarlle a estes ilustrísimos rexedores que non teñen eles a patente deste modelo económico-biolóxico de desenvolvemento. Xa Castelao descubrira nun can dun paisano “austero”, ao que se lle vía o día polas orellas, a lóxica do modelo dos recortes. E na tradición rural está relatado o experimento do burro do “Agarrado”, quen estivo a piques de fabricar unha máquina de transporte sen ningún tipo de consumo; ¡Pero o animal non superou a proba final! O día que os galegos e galegas superemos a política do PP e colegas hispánicos, imos facerlle compaña ao burro …
Podemos dicir sen que soe a esperpento que “cando a modernidade europea chega ao rural galego os menciñeiros autóctonos da tecnocracia condúceno ao campo santo sen pasar sequera pola atención dos servizos sociais”. A grande campaña electoral destes menciñeiros inscribiríase na proclama: “Un tanatorio en cada parroquia; queremos morrer preto das nosas ruínas.” Teñan a curiosidade de preguntar nas nosas pequenas capitalidades de concello -esas que os “racionalizadores éticos” queren pechar por costosísimas - que industrias ou servizos se instalaron nos últimos anos.
Agora imos coa recente teoría do “patetismo ético” ou do moralismo patético, que din outros autores.
Nada mellor para aclaralo que o caso do meu veciño Manuel de Carballés, que en paz descanse, cando subía do río Rato despois de cruzar a vía do tren pola estrada da Fonsagrada cun carro de herba verde e un apaixoado da velocidade bateu co seu auto deportivo no carro botando para a horta da beira o carro e a mula que tiraba del. Mentres o auto quedaba revirado na beira contraria achegouse o rapazote que guiaba o auto e rifoulle a Manuel por non traer si quer un trapiño roxo na traseira do carro. A resposta de Manuel foi contundente e clara: “¡Si Oh, non viches o carro e mula, ías ver o trapiño!”....
¿E ético, cínico, cómico ou patético que se lle traspoña na testa aos máximos representantes da vontade popular aprobar un código ético para rematar coa corrupción dos representantes públicos (das outras xa non se fala) con uns conselliños cando están a roubar a mans cheas inda con penas enriba d testa que os levarían a cadea? ¡Si, home, si, o trapiño vermello.... E, si a un cargo público o pillan forrado de diñeiro gardado en paraísos fiscais? Pois nada, rifámoslle un pouco e quitámoslle o cargo; ¿Total, o cargo non se pode transformar en fondos bancarios. Patético!
Mentres o Presidente usa a ética os cidadáns temos que usar a moral (a moral do Acoiano) escoitando como o Sr. Presidente presenta tódolos días – en directo ou en diferido algunha actuación do Goberno na que logran que Galiza sexa pioneira no Mundo. A parte de ter moita moral os cidadáns estamos dándonos conta de que con Fejoo entrou unha nova era na nosa Galiza que debería ser analizada por tódalas Universidades. ¡Magoa quen os teñan mais fondos! Todo o que sae ben ou que parece, ou fan ver que sae ben, é froito do Goberno, e o que sae mal é por culpa dos que estiveron antes.
¿Recordan que tamén se fixo un Código Ético para evitar o transfuguismo? Como non teña mais éxito o da corrupción que tivo o do transfuguismo van ter que aumentar o número de paraísos fiscais. Que doado era no caso do transfuguismo darlle autoridade aos partidos parar relevar aos tránsfugas, pero tódolos poderes, preferiron o transfuguismo ao control dos tránsfugas, o mesmo que prefiren o control do Fondo Monetario Internacional ao control do Parlamento do Estado a hora de usar o diñeiro que depositamos os cidadáns coas nosas costosísimas contribucións. Digo eu, e non terá o noso Pioneiro Presidente un modelo de “Código Ético Pioneiro” para agasallar a Sra. Merkel para quen os trate cun pouco mais de ética no asunto do intercambio dos euros?....
En fin, que si non for porque é dramático e patético, todo este asunto do Código Ético sería esaxeradamente cómico. A ver galegos e galegas seo día de votar nos acordamos de quen nos fai ben e nos abre os ollos, e defendemos o noso. Si en Cataluña ou Euskadi defenden o deles fan ben, e nos se deixaramos de mirar par afora e ollaramos a nosa realidade Galiza sería outra cousa e non o escenario desta traxi-comedia ou esta farsa patética....