Coas mans nos petos
Estamos xa na campaña (oficiosa) dunhas eleccións municipais que se presentan case como unhas primarias para o goberno da xunta e todos os inquéritos parecen darlle uns resultados aceptables en canto que as promesas electorais non se cumpren a día de hoxe nin se reiteran publicamente coa vehemencia propia dos iracundos buscando o atallo mais corto. Máis tamén tamén sabemos que son iso, inquéritos e que o verdadeiro plebiscito será o 22 de Maio.
Pero tampouco nos enganemos, que ese día de Maio sexa o día "D" non significa que non haxa puntos de inflexión intermedios ou, como diría un profesor meu, que a sucesión de puntos nos leve a unha recta, un camiño ao fin no que poder dignificar a nosa opción política como seres íntegros e racionais. Nesta andaina é onde temos que traballar arreo dende a primeira pedra que nos sirva de firme até a derradeira que marque a meta, sen equivocacións, xa que a meta é transformar este pais non é exclusivamente gañar unhas eleccións. Mais si de transformación falamos teremos que pararnos a pensar e a dimensionar todo o relacionado coa mentalidade, coa finalidade e co fundamento do que estamos a facer, tanto por acción como por omisión. Non nos esquezamos, toda a parafernaria que arrodea indiscriminadamente á maior parte dos debates que se dan no seo do nacionalismo galego son estériles e, até certo punto, poden levarnos camiño da inanición.
E todos e todas temos a nosa parte, sen rémora, baténdonos nos ollos, nos feitos e nos indultos ao decorrer dos feitos. Resulta fácil caer na voracidade de todas as partes que se poñen a discutir coa súa razón por espada flamíxera que nunca quere apagarse, pero non resulta tan fácil, tan doado rascuñar no fondo das cuestións e dilucidar dunha vez por todas cal é o núcleo e cal a cortiza. A radiografía está feita e cada día constátase con precisión nos medios de comunicación desexosos da carnaza que nos mesmo estamos alimentando ao xeito dunha fagocitación endóxena, algo que criticamos agreamente cando os demais se aproveitan deses feitos, precisamente nos que andamos sobrados de recursos de transmisión públicos. Pero a pelota non é de ninguén e no medio hai moita xente agardando que alguén semente un pouco de sensatez. A pelota non é de ninguén como dicía antes e ninguén, polo tanto, debe marchar sen acabar o partido porque non lle deixan meter gol e ninguén debe, do mesmo xeito, pensar que xoga mellor que os demais e decidir quen está no equipo e quen non.
Algunhas veces deberiamos aprender da dereita, eles téñeno clarísimo, os esforzos en determinadas épocas son para "pescar votos", para rabuñar no mundo dos indecisos e controlar o vento dos especuladores, os mesmos que van da man da economía libre. O BNG é patrimonio dos galegos e galegas, a súa dirección depende de quen o formamos libremente, certo é, mais tamén coas ataduras que supón a lealdade á mesma, ocupe quen ocupe o delgado púlpito desta nave, desta fronte atrevidamente descarada na defensa dun pais, coas consecuencias que isto supón para pelexar polas estradas adiante neste mundo cada vez mais submiso e de corto percorrido. Somos nos, a xente do BNG a que temos que predicar co exemplo e non deixar un centímetro mais de terra por riba da nosa dignidade como persoas e como identidade. Pensemos logo antes de actuar e non o digo dende a inmobilidade senón dende a liberdade que podo exercer dentro deste marco, a liberdade que hoxe moitas organizacións non teñen para transmitir publicamente o seu pensamento, a súa opción, hoxe están silenciadas nun baleiro que (perdoade se molesto a alguén) elas mesmo axudaron a construír, non sei se como dogma de autocracia revolucionaria, non sei se como defensa duns atributos endóxenos ou, simplemente, como ensalzamento da intelixencia. Hoxe por desgraza temos unha lei de augas aí, enriba das nosas cabezas, imaxinades que esa lei fora promulgada por unha consellaría do BNG? Cal sería a resposta? Sería mais visceral? Poñámonos a imaxinar, preguntémonos, analicemos e vexamos que o fácil é o mais visible, a inquedanza queda sempre nun segundo termo agardando que o tempo e o vento a descubran. Negociar non é fácil, nunca o foi, pero tampouco é fácil abrir as portas da casa para que a roube quen queira. Dicía o Ché Guevara que prefería aprender das derrotas que celebrar as vitorias. E as vitorias, recordade, son pírricas canto mais cruenta sexa a batalla.
Quitemos as mans dos petos e miremos á fronte e despois camiñemos.