Coa dignidade da clase traballadora
Hai días que me vén á memoria aquel retrouso do poema “Mirando ao chau” de Manuel Curros Enríquez: “se eu fixen tal mundo, que o demo me leve”, porque non outra afirmación cabe nos tempos que corren.
Que o demo me leve se non hai mil e unha razóns para maldicir os días que vivimos. Que o demo me leve porque cada día hai unha loita que de nós precisa, que nos convoca e nos conmove.
E tal día coma hoxe, día da nosa patria, necesito falar da dignidade da clase traballadora, pois considero que xusto nestes días estamos a vivir dous exemplos de loita que precisan da nosa atención, do noso apoio, e da difusión que os mal chamados medios de comunicación non lle dan. Porque a clase traballadora, a nosa clase, segue a fornecernos de exemplos de dignidade que son verdadeiros azos para continuar na loita.
O mes de xullo iniciouse ás seis da mañá do día 1 coa resposta dos delegados e delegadas da CIG de PSA-Citroen ao despedimento absolutamente inxustificado de dous traballadores, Paco e David. Adoptaron unha medida da máxima contundencia, o inicio dunha folga de fame indefinida, para responder a unha decisión desmesurada, inadmisíbel e inédita como foi un despedimento sen existiren sancións previas, un despedimento que interpretamos como unha medida dirixida a impor entre @s traballador@s un clima de terror destinado a que non se discuta ningunha decisión adoptada pola empresa por máis inxusta ou improcedente que sexa.
Nada novo baixo o sol, poderiamos citar outras tantas medidas coma esta. É o novo procedemento dos neoescravistas do século XXI, elegantemente vestidos de traxe de verán e garabata, que falan de despedimento libre e redución dos salarios sen engurrarse, mentres oprimen @s traballador@s e incumpren a lexislación, a pouca lexislación que nos protexe. Ben, tamén hai xerentes aparentemente “progres” e “modernos” que pagan avogados que lles axuden a andar na corda frouxa da lei, para mellor controlar os seus traballadores e traballadoras. Vaia, que a especie dos neoescravistas ten unha morfoloxía variada e perfectamente adaptada ás circunstancias.
Henrique e Miguel, Ernes, Eduardo e Manuel, Brais e Maquieira, delegad@s da CIG de PSA-Citroen levaron adiante unha folga de fame durante 24 días para esixir a readmisión dos compañeiros e denunciar ante a sociedade as prácticas represoras dunha empresa que leva 50 anos facendo o que lle peta: como cando nos anos 80 recibiu elevadísimas sumas de diñeiro público para pór na rúa centos de traballadores.
Onte, 24 de xullo, finalizaron a folga para dar unha marxe de reflexión á empresa antes do acto de conciliación que se celebrará o vindeiro día 6 de agosto. Mentres tanto agardan a saber cal será o apoio do Pleno municipal de Vigo á moción que presentará o BNG en demanda da readmisión de Paco e David o próximo día 29 de xullo.
A loita emprendida polos delegados e delegadas da CIG é un exemplo de dignidade e xa recibiu o apoio de comités de empresa de todo o país e mesmo o apoio da Federación Sindical Mundial que lle esixe á empresa a readmisión dos traballadores despedidos e saudou a loita emprendida para apoialos, expresando claramente que “O despedimento dos compañeiros Paco e David , levado a cabo sen tan sequera terlle feito amoestación ningunha ou advertencia previa aos dous traballadores, é inxustificado e forma parte dunha campaña de terror patronal contra os traballadores máis conscientes e combativos desta plantilla.”
Mais este clima de terror non só se está a instaurar desde o ámbito da empresa. Tamén desde o poder que nos goberna, pois non doutro xeito podemos cualificar a condena de traballadores e traballadoras por participaren en mobilizacións ou piquetes de folga.
Levamos meses mobilizándonos para esixir que Serafín e Carlos, dous traballadores do transporte, non sexan condenados a entrar no cárcere. A condena é absolutamente desproporcionada e só pode ter por obxecto trasladar unha mensaxe de amedrentamento para impedir que as traballadoras e os traballadores defendamos os nosos dereitos. Neste sentido sería un paso máis dentro dunha campaña que vén precedida do incremento de sancións económicas e denuncias contra mobilizacións de todo tipo.
Mentres reclamabamos que se lles concedese o indulto, outras dúas traballadoras foron condenadas por motivos semellantes. Esta situación tamén se está a dar no resto do Estado onde un traballador entraba na cadea recentemente.
A situación das nosas compañeiras e compañeiros contrasta con algúns dos indultos concedidos este mesmo ano, o que nos reafirma na conclusión de que este tipo de penas están destinadas a reprimir as lexítimas mobilizacións da clase traballadora. E desde aquí fago un chamamento a permanecer a alerta, alerta para comprobar cal vai ser a actitude do goberno central ante a petición formulada polo propio Parlamento galego que aprobou a petición de indulto para est@s traballador@s. Alerta para comprobar que non se benefician desta medida políticos corruptos que están entrando na cárcere estes días, mentres nós temos que seguir a reclamar que se atenda a nosa petición.
As compañeiras e compañeiros precisan o noso apoio, mesmo a través da palabra escrita para difundir o que sucede hoxe no mundo do traballo, para denunciar as novas formas de represión, para pór en evidencia que as armas do sistema capitalista se renovan e especializan para evitar que as traballadoras e os traballadores non só non academos os nosos obxectivos, senón que até renunciemos a invocar e exercer os nosos dereitos.
Cada día que pasa, unha nova fórmula de opresión pretende esmagarnos, e o pantasma da desilusión e da derrota aparécese nos nosos soños. Mais non caeremos no desalento, non porque hai mans que se tenden e que nos entenden e porque temos memoria e lembramos a entrega das avoas e os avós, que até deixaron a vida, literal ou metaforicamente, para darnos un mundo diferente do seu. E porque a dignidade das compañeiras e compañeiros que loitan cada día é o mellor motivo para avanzarmos.
Quen fixo este mundo, o demo que o leve!