Clase política
Con certa frecuencia escoito falar nos medios de comunicación da "clase política" do noso país. Non teño totalmente claro a quen abrangue esta expresión, pero si teño a convicción de que esta teima por identificar ás persoas que participan máis activamente en política como pertencentes a unha clase específica e propia agocha unha serie de implicacións que poden chegar a seren aberrantes.
O mero feito de encadrar nun mesmo grupo a toda a xente politicamente comprometida non dista demasiado de sentenciar que "todos os políticos son iguais", xa que cando menos estamos a asumir que son da mesma "clase" e, o que é máis grave, diferentes ao resto da poboación.
O intento de definir "clase social" ao longo da historia ten levado a multitude de interpretacións e análises diverxentes, mais todos os autores semellan coincidir en que as clases son unha consecuencia das desigualdades sociais. A partires desta idea teremos que admitir que a categorización dos representantes públicos como clase suporía estabelecer automaticamente unha desigualdade social entre representantes e representados. Deste xeito unha persoa, por exemplo da clase obreira, que sexa elixida para un traballo político pasaría a ser fulminantemente desclasada e a formar parte dunha dificilmente definíbel "clase política", deixaría de pertencer en definitiva á clase que podería representar.
Engels e Marx na obra "A ideoloxía alemana" consideran que os individuos só forman unha clase cando están implicados nunha loita contra outra clase. Esta reflexión ten unha gran importancia no tema que nos ocupa. Unha parte da poboación está a asumir esta idea e estase a posicionar en loita contra esa suposta clase política: non hai moitos meses foi publicada unha enquisa na que "os políticos" eran considerados pola cidadanía como un dos principais problemas do Estado Español. Parte da cidadanía está empezando a identificar aos "políticos" como un problema contra o que loitar... non ao goberno, non a unha ideoloxía determinada, senon aos "políticos". Considero que non pode haber maior evidencia de que o discurso uniformador está resultando efectivo: para unha parte da poboación os políticos son todos iguais e ademais son un problema; como clase deben asumir solidariamente a responsabilidade dos acontecementos económico-sociais que se están a producir. Tanto ten xa a ideoloxía que representan, o programa que defenden, se están no goberno ou na oposición: son parte da "clase política" sen máis.
Esta desviación semántica semella, ao meu entender, un intento máis de filtrar no pensamento colectivo a idea de que a política é unha cuestión allea á maioría das persoas, algo reservado a un colectivo pechado e mesmo constituído en clase do que se debe desconfiar. Un xeito máis de lembrarlle sutilmente á cidadanía que aquelas persoas que non pertencen a esa categoría social non están chamadas a participar en política.
O obxecto de tentar alonxar a sociedade das cuestións políticas, mesmo de facela desconfiar dos seus representantes sen maiores distincións non é inocente. No escenario internacional actual é o gran capital quen exerce o poder efectivo, pero isto non significa que os/as representantes políticos non poidan condicionar en certa medida ese poder. A única oportunidade que temos de facer fronte á voracidade do gran capital é precisamente mediante medidas políticas e a través de representantes comprometidos co pobo que defendan os intereses das maiorías sociais. Facendo que a xente desconfíe da política en xeral, sen maior discriminación nin xuízo crítico, asimilando a todas as persoas politicamente activas nunha mesma "clase" estase en realidade a neutralizar a única vía que a poboación ten para evitar quedar inerme baixo o xugo de quen ostenta o poder económico.
Será pois, parte importante do noso traballo demostrar, transmitir e sobre todo non esquecer que non todas/os somos iguais, que non todas as opcións políticas representan o mesmo e desde logo que somos moitas as persoas politicamente implicadas que non formamos parte de máis clase que da clase traballadora.