Cine e descargas ilegais

Cine e descargas ilegais

A todo o mundo lle gustar cobrar polo seu traballo. Un albanel que traballa oito horas ao día quere recibir o seu salario correspondente a final de mes. Do mesmo xeito un cantante, escritor, actor ou cineasta gusta tamén recibir a parte correspondente da venda do seu produto, que está suxeito a dereitos de autor/a, e que en determinados casos pode considerarse arte; con todo, moi poucas persoas conseguen vivir da cultura, en todas as súas amplas variábeis, un club só reservado a determinados persoeiros, cuxa fama, nalgúns casos, pouco ten a ver coa calidade cultural.

Dito isto, pode entenderse que determinados cantantes, actores e actrices, etc, reivindiquen os seus dereitos como autores dunha obra que circula libremente pola rede, apelando aos lexisladores para que fagan leis que protexan os seus dereitos vulnerados.

Mais calquera que vaia a unha sala de cine e olle a carteleira -por certo, que a ninguén se lle ocorra sacar unha foto á carteleira, está prohibido, está protexida polos dereitos de autor/a- verá que o cinema español, europeo e, obviamente, o galego, brilla pola súa ausencia, cuxa dominación absoluta corresponde ao cine ianqui, ao cine "made in Hollywood". Neste sentido, resulta chamativo que a que foi elixida mellor película da última edición dos Premios Goya, "Pa Negre", só se estreara nun número reducido de salas do Estado Español.

Pero se nos cinemas o panorama é desolador, a cousa non pinta mellor nos videoclubs onde podemos alugar películas para velas tranquilamente nas nosas casas. Moitos destes comercios pertencen a cadeas transnacionais, que, como os cinemas, terán os seus contratos de distribución con determinadas empresas do entretemento americano.

A televisión tampouco é unha excepción. Malia ao TDT, nas que se dispón dunha morea de canles, pero en todas elas se emite o mesmo unha e outra vez, a presenza da industria do entretemento ianqui é practicamente dominante.

E como doadamente se pode supoñer, no mundo da internet, nas descargas, ou se se prefire, na pirataría, o panorama para o cine español é dramático, xa que practicamente non existe nas webs e buscadores, que supostamente violan os dereitos de autor/a. Curiosamente a mesma película que indiquei anteriormente, "Pa Negre", a gañadora dos Goya, resulta case imposíbel de atopar nas redes de intercambio de ficheiros.

Daquela, con este cadro clínico do cine español, pode entenderse o rebumbio formado por directores, actores e actrices, e algún que outro cantante, a prol da aprobación da Lei Sinde? En boa lóxica non. Entón cabería preguntarse a quen defenden, porque está claro que ao cine español, non.

O problema do cine, e incluso diría, da industria do entretemento en xeral no Estado Español, non son as descargas ilegais, o problema radica nunha lexislación permisiva co cine americano, que reduciu á mínima expresión a presenza, non xa do cine feito no estado español, senón tamén do europeo, nas salas de cine; unha redución que foi parella a práctica desaparición tamén nos video-clubs, na internet e por suposto, na televisión.

Por iso resulta resulta sorprendente que se nos queira vender que a Lei Sinde será a táboa de salvación do cine español, cando é obvio que o problema que ten este non son as descargas ilegais, é o dominio do cine ianqui en todos os eidos. De aí o interese e as presións dos americanos sobre o goberno central do PSOE para que se aprobara unha lei acorde aos seus intereses comerciais, como se desprende dos cabos filtrados por Wikileaks, e en contra da presunción de inocencia das persoas e da liberdade de expresión, que permitirá pechar webs sen xuízo previo.

De todos os xeitos non sei a quen pode sorprender que o PSOE, pero tamén o PP cando tivo oportunidade, lexisle para beneficiar aos mercados, ás transnacionais, a fin de contas, é o que levan facendo os últimos 30 anos, e con especial virulencia nos últimos meses.

Por certo, aínda que é unha obviedade, hai que dicir tamén que a Lei Sinde non só afecta ás descargas ilegais de software, música e cine, nos dereitos de autor que protexe esta lei, tamén están incluídos textos, audio e imaxes que circulan pola rede. Avisad@s quedades!