Cidadáns do mundo na Fin da Historia (II)

Cidadáns do mundo na Fin da Historia (II)

Anteriormente analizábamos as implicacións do título no seu eixo espacial, é dicir, a constitución do marco de referencia “mundo” na mentalidade colectiva e especialmente da mocidade. A segunda metade da frase incorpora o eixo temporal da idea que se quere amosar. Analogamente, o equivalente a “mundo” no espacial sería estricar o eixo temporal ata o máximo, é dicir, ao remate ou paralización do mesmo.

Isto é unha interpelación á idea de Fin da Historia que enunciou Francis Fukuyama: a fin das ideoloxías, a fin da loita de clases e a consolidación da democracia liberal como organización perfecta da sociedade. Certo é que todos os grandes relatos se presentan como autoconclusivos, polo menos ao longo prazo; o neoliberalismo vai máis alá e declárase autoconclusivo de partida, é dicir, coa súa chegada rematou a Historia. O que podería quedarse en simple soberbia ideolóxica, pois non é máis que a súa propia utopía (a nosa distopia), e do mesmo xeito que acontecía coa translación do marco de referencia espacial, constrúe, porén, unha percepción subxectiva bastante asentada.

O millenial formado precario creceu coa idea de que vive mellor ca nunca antes viviu o ser humano. Seus pais, avós e xa non falar de xeracións anteriores, carecían das prestacións das que el agora dispón (prestacións e comodidades materiais, que son as únicas que a modernidade contempla). Ademais, o mundo é como é: a hexemonía dunha ideoloxía, a capitalista, é practicamente total con diferencias de matiz e disidencias marxinais. Por tanto, efectivamente, mellor non tocar nada e conformarse co que nos foi dado. Unicamente son posibles pequenos retoques, mera xestión, dentro dun modo de vida xa definido de por vida.

Realmente, as dúas etiquetas: ser cidadán do mundo e habitar no Fin da Historia, son dúas caras da mesma moeda. As dúas actúan neutralizando calquera expectativa de cambio. Se para o cidadán do mundo non existe nada por debaixo da escala planetaria, habitar na Fin da Historia significa non ter pasado, é habitar un presente sempiterno, unha foto fixa. Esta ausencia de pasado conxúgase coa fenda espacial impedindo manter en pé identidade algunha. O futuro existe só como fetiche da sociedade de consumo, novos gadgets, novas tecnoloxías, novas formas de gastar os cartos; xa non como un proxecto a debater, reflexionar e construír de xeito colectivo.

Certo é que este mundo é cambiante nun grao frenético. E isto non choca coa idea dun tempo parado? A wikipedia (fonte bastante oportuna para a ocasión) di dos millenials:

Son persoas que se adaptan doada e rapidamente aos cambios, pois pasaron de usar o vídeo Betamax, ao VHS, ao DVD, ao Blu-Ray e navegan con soltura nas aplicacións streaming. Empregaron o teléfono fixo para comunicarse cos seus amigos e toda clase de teléfonos móbiles ata chegar aos chamados teléfonos intelixentes. Pasaron de usar disquetes para almacenar a súa información, a queimar CD, usar USB e ata o almacenamento na nube. Estes cambios aconteceron en menos de 20 anos e aprenderon a adaptarse. É unha xeración caracterizada pola hiperconexión, a necesidade de auto expresarse, a realidade financeira, o interese pola saúde, o inmediato e a busca de experiencias entre outras cousas.


Esta descrición parece valer tanto para unha persoa nacida en Los Angeles en 1984 como para outra nacida en Barcelona en 1992. É obvio que a definición adoece de primeiromundismo e dun enfoque cronolóxico unicamente baseado nos avances tecnolóxicos. Mais non é casualidade, pois o que saia do ámbito xeográfico dos países do capitalismo avanzado e da cultura con soporte nas novas tecnoloxías no longer exists (xa non existe, xa non importa para nós). O que se presenta inocentemente como unha excepcional capacidade de adaptación é realmente a condición forzosa, adaptarse ou morrer. O individuo ten que comezar de cero cada pouco, e esa é a verdadeira e traumática abolición do tempo. Polo tanto, esa existencia en constante cambio non é máis ca unha ilusión, un truco de hipnose que mantén apuntaladas a estrutura do sistema e mantén ás persoas demasiado ocupadas na tentativa de adaptarse. Porque a dimensión tempo é manipulada tamén limitando a súa dispoñibilidade para ser invertida fóra das continxencias da vida capitalista.

Polo de agora, a intensa precarización do mundo do traballo e as altas taxas de desemprego (que golpean máis violentamente á mocidade) non conseguiron alterar significativamente as premisas anteriores, ao contrario fomentaron o individualismo e a competitividade, valores sistémicos onde os haxa. Isto confirma o asentada que está, de maneira consciente ou non, a idea da Fin da Historia. En síntese, unha realidade que se presenta nunha magnitude demasiado grande como intervir nela e un tempo histórico pretendidamente conxelado (ou como moito revolucionando sobre si mesmo) conxúganse nunha dirección que só pode levar ao individualismo, a buscar o encaixe persoal, as nosas coordenadas nun taboleiro ben delimitado. Esta pasividade forzada é o primeiro que hai que derrubar.

Remato reiterando que o propósito destes artigos era caracterizar brevemente o campo de batalla cultural millenial. O enfoque empregado desde o principio xa albergaba poucas sorpresas: este campo de batalla é un terreo irregular onde somos albo fácil do bombardeo cultural, con poucos refuxios e onde dependemos de nós mesmos para avanzar. Para non caer no estereotipo mencionado de carecer de pasado, aclararei que non creo que no pasado fora máis doada a nosa acción política, simplemente distinta. Parafraseando a Gramsci: “o revolucionario debe coñecer as realidades culturais que está chamado a transformar porque as contrahexemonías, capaces de desafiar efectivamente a hexemonía dominante, nacen da realidade e das vivencias cotiás do pobo oprimido”. Esa é a única maneira, devolver o foco sobre a nosa realidade cotiá, coas diferentes formas de opresión en que esta se nos presenta, para construír desde aí as ferramentas que nos permitan actuar sobre ela. Porén, non hai ningunha solución máxica, mais é indiscutible que, desde as filas dun proxecto transformador de ámbito xuvenil, debemos coñecer a nosa realidade cultural xeracional, guste esta máis ou menos, e incluso dominar os seus códigos no que teñan de potencial de cambio (nunca cando fan o xogo á cultura dominante) e vencellar esta á proximidade da realidade obxectiva sempre que sexa posible.