Ciclo do carbono e monte

Ciclo do carbono e monte

Dentro dos ciclos da natureza nos que nos vemos inmersos e obtemos recursos fundamentais para a humanidade, como por exemplo o ciclo da auga, do nitróxeno, etc, atopámonos co ciclo do carbono. O carbono é un elemento presente a nivel planetario e que resulta compoñente principal na materia orgánica, por tanto a súa presenza actúa nun ciclo mediante o intercambio entre a atmosfera, xeosfera e a hidrosfera, incluíndo por tanto aos seres vivos (biosfera).

Durante séculos, o uso humano do medio levou á perda de biodersidade, o que diminuíu a capacidade das comunidades e ecosistemas de absorber perturbacións sen alterar as súas características, pudendo regresar ao seu estado orixinal unha vez que a perturbación desaparece, é o que se coñece como resilencia, por tanto, o medio ten diminuído a súa capacidade de captar carbono da atmosfera.

Ademais aumentouse a capacidade de que o carbono volva á atmosfera, mediante a deforestación, por exemplo, con obxectivo agrícola. O que eran enormes almacéns de carbono, son substituídos por áreas agrícolas ou urbanas, reducindo así a capacidade de retención e almacenamento de carbono, de modo que o resultado neto do proceso é que máis carbono permanece na atmosfera.

Por tanto, o que estamos a experimentar, dende a chegada da humanidade ao planeta, e aceleradamente dende a revolución industrial, é que se aumenta a emisión de carbono á atmosfera e se reduce a capacidade de captación dos ecosistemas terrestres e marítimos.

Redución do carbono atmosférico e monte

Os montes acadan unha grande importancia na mitigación do cambio climático debido á enorme capacidade de fixar o carbono atmosférico por parte dos ecosistemas, sobre todo forestais, tanto pola vexetación viva como polos chans e produtos, é dicir, son un bo sumidoiro de carbono ao menos de xeito temporal.

Esta importancia foi o que fixo que a fixación de carbono fóra incorporada como un obxectivo na xestión forestal sostible dos bosques, e así foi recollida en moitos documentos de importancia dentro da loita contra o cambio climático: Protocolo de Kyoto e Convenio Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (UNFCCC), a nivel internacional; a Estratexia Forestal Española, a Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa ou a futura Estratexia para o uso enerxético da biomasa forestal residual, a nivel estatal; xunto coas trasposicións á lexislación de galega.

As principais estratexias para a redución do carbono atmosférico son:

1.- Conservación e incremento das existencias de biomasa en pé. A preservación da masa forestal e a posibilidade de maximizar a fixación de carbono poden levarse a cabo mediante estratexias como aumentar a lonxitude da quenda, ou variando o número de claras e/ou a intensidade, idade de iniciación ou a rotación das claras. Por tanto, a prevención dos incendios forestais como medio de conservación dos sumidoiros é fundamental.

2.- Incremento do carbono fixado en produtos de longa duración. Practicando unha silvicultura que estea encamiñada á obtención de produtos forestais nos cales o carbono estea longo tempo acumulado, como na madeira de mobles de alta calidade.

3.- Substitución por produtos forestais daqueles produtos que na súa fabricación causen maiores emisións. A fabricación de certos materiais, p.e. o aceiro ou formigón que se emprega na construción, presenta unhas emisións maiores que a obtención da madeira. Conseguiríase unha diminución destas emisións coa substitución dunha parte destes produtos. Dado que existen coñecementos técnicos para maximizar estas producións do monte (madeira e /ou cortizo, para a substitución de produtos usados na construción), estaríase traballando na mitigación do cambio climático, coa promoción e uso destes bens.

4.- Utilización de biomasa forestal como combustible, substituíndo aos combustibles fósiles. O emprego da biomasa forestal evitaría a emisión de carbono de queima de combustibles fósiles, considérase que estas emisións están dentro dun ciclo de fixación moito máis rápido que o carbono dos combustibles fósiles, polo cal o balance considérase nulo.

O monte baixo, tradicionalmente utilizado para a obtención de enerxía en fogares rurais, están pouco xestionados na actualidade dado o abandono no uso dos seus produtos finais. Así, moitas das súas masas atópanse nunha situación de estancamento, debido a un cese no crecemento, presentando grande acumulación de biomasa e un alto risco de incendio.


Compromisos en proxectos sumidoiro

Dadas as circunstancias, neste momento faise necesaria a necesidade de dispoñer procesos que reteñan e fixen o Dióxido de carbono-CO2 co fin de cumprir coa Convención Marco sobre Cambio Climático das Nacións Unidas (https://unfccc.int/resource/docs/convkp/convsp.pdf), Montreal 1987 e Kioto, 1997 e 2013 (http://www.un.org/climatechange/es/hacia-un-acuerdo-sobre-el-clima/), na que se establecen compromisos e accións para mitigar e enfrontar o cambio climático do planeta.

Por tanto, a fotosíntese e o monte son un proceso e un espazo que cada día gañan máis importancia, xa que, ademais de adquirir compromisos por parte dos principais responsables de emisións CO2, e outros gases de efecto invernadoiro, o protocolo de Kyoto establece mecanismos flexíbeis para compensar emisións destes mesmos países. Unha das formas é o desenvolvemento de proxectos de captación de carbono a través de proxectos- sumidoiro consistentes en plantacións forestais.

Exercicio de estimación de captación de CO2

Nun traballo forestal arxentino recolléronse as medias do rendemento de todas as especies de frondosas, eucaliptos e piñeiros. Calculouse o balance de CO2 en base á diferenza entre o gas fixado e os distintos tipos de emisións de acordo cos procesos de cultivo, transporte e transformación da madeira. A porcentaxe de elementos, en masa, que ten a madeira son Carbono 50%; Osíxeno 41%; Hidróxeno 6%; Nitróxeno 1% e Cinzas 2%. Xa que logo, a cantidade de Carbono por tonelada de materia seca aproxímase a 500 kg (50%). Por similitude con outras especies agroenerxéticas é de 1,25 g de Carbono por gramo fixado na madeira, e o 0,25 restante é o fixado en forma de mineralización, humus do chan e raíces que forman o tocón.

Como a molécula-gramo de CO2 pesa 44 g (C= 12, O=16 e CO2= 44). Nun quilo de madeira, medido en materia seca, fíxanse 44/12= 3,67 kg de CO2. Por tanto unha árbore para producir 446 g de madeira, deberá absorber 650 g de CO2 e liberará á atmosfera 477 g de Osíxeno, polo cal un m3 de crecemento en biomasa forestal (toro, raíces, polas, follas) absorbe 0,26 tonelada de carbono equivalente, ou o que é o mesmo, 1 tonelada de carbono son fixadas en 3,8 m3 de madeira.

A xeito de conclusión

As plantacións forestais son a solución ás dúbidas abertas respecto dos sumidoiros e os montes. O mellor uso para fixar CO2 é o da madeira para a carpintería e construción, compróbase como o resto de usos da madeira tamén fixan gas, mais en menor medida en función do uso e do tempo de vida dos materiais.

Por tanto, as plantacións e ademais os usos da madeira aumentan a capacidade de captación, dado que CO2 queda fixado nun produto de madeira cuxa permanencia pode ser longa no tempo.

Os proxectos de repoboación con especies de longa vida, compatibles con outras de vida máis curta mais de uso duradeiro, a eliminación dos lumes, xunto cunha certificación ambientalmente responsable, permite minimizar as fugas do proceso dende o punta de vista económico, social e ambiental, e das emisións de gases invernadoiro.

Con todo isto comprobamos que non estamos equivocados, que a reclamacións da rexeneración do bosque atlántico, do uso e valorización da madeira e a nosa posición contra os lumes non é equivocada.