Ciberutopía

En 1991 o enxeñeiro informático, Loren Carpeter, xuntou un cento de persoas e deulles unha especie de cartón de cor verde por un lado e vermello pola outra; sen que ninguén lles dixera nada, todas as persoas alí reunidas, separadas en dous grupos a partes iguais, comprobaron que a grande pantalla que tiñan diante reaccionaba de xeito distinto se amosaban o cartón dun lado ou do outro. Ao cabo duns minutos, o enxeñeiro dispuxo na pantalla un sinxelo xogo electrónico, o Pong, un vídeo xogo de tenis moi rudimentario. Sen que ningunha persoa dera orde algunha, a xente alí congregada sabía perfectamente que parte do cartón tiña que amosar para que as palas que había a ambos extremos da pantalla electrónica subiran ou baixaran para evitar que a pelota se saíse polos lados.
Con este experimento, este enxeñeiro quixo demostrar que coas ferramenta axeitadas todas as persoas serían capaces de traballar colaborativamente e en rede para conseguir un determinado fin, sen ningún organismo nin autoridade reitora que as guiase. Un mundo perfecto, moi semellante ao funcionamento de calquera comuna hippie, persoas actuando individualmente para o ben dun colectivo.
Nesa altura, na década dos 90 do século pasado, a informática empezaba a popularizarse e a usarse en todos os eidos da vida; por outra banda, internet daba os seus primeiros pasos para interconectarnos a todos e todas. Estaban a colocarse os alicerces dunha nova sociedade, a da sociedade da información e das redes sociais, na que hoxe estamos inmersos.
Dez anos máis tarde, e coa inauguración dun novo século, o XXI, no que moita literatura de ficción e moitas películas situaron un futuro de viaxes interestelares, impúxose a idea de que estabamos perante unha nova era e unha nova economía, unha nova revolución industrial.
Ao calor dos avances tecnolóxicos, o mundo fíxose máis global que nunca, e as transaccións económicas cruzaban o planeta en milisegundos polos cabos da rede global. Millóns de operacións matemáticas, millóns de datos succionan riqueza da economía real, dos pobos e das persoas, para o casino global das finanzas, un mundo sen regulamentacións, sen autoridades que coartaran o seu funcionamento. Esta é a nova economía, esta é a revolución industrial que anunciaban, un mundo perfecto, un mundo autorregulado onde as mazás podres serían expulsadas do mercado, pero só no caso de que os estafados foran os propios membros da comuna de privilexiados que controlan as finanzas globais (Bernard Madoff, todo un exemplo).
E no mundo “real”, inevitabelmente, a sociedade da información invadiu todas as nosas vidas, mudando de xeito importante o noso comportamento. Por unha banda, atribuímos á tecnoloxía propiedades case máxicas, que solucionan todos os nosos problemas. Así, a modo de exemplo, chama a atención que se volquen demasiados esforzos económicos, pero tamén humanos, en implantar o sistema Avalar no sistema educativo galego, como se iso fora a mellorar substancialmente a educación, cando hai carencias moi graves en case todos os centros educativos do noso país, e, sobre todo, cando hai alumnos que teñen que pagar do seu peto as fotocopias que lles reparten na escola.
E por outra banda, a tecnoloxía, e sobre todo as redes sociais, son a terra prometida, un mundo feliz, un mundo perfecto, un mundo libre, onde cada individuo, cada persoa, traslada a estes medios os seus sentimentos e as súas emocións, nas que se amosa o lado máis positivo da nosas vidas, e converte a cada un de nós nun ciberactivista político en potencia.
Porén, malia que este ciberactivismo político non é malo, ao contrario, córrese o risco de substituír outras formas de loita política, ou mesmo a propia política, restando protagonismo aos representantes políticos eleitos democraticamente, un proceso no que participamos todos e todas, os que teñen acceso á rede e os que non.
Neste sentido xa non é estraño escoitar propostas de participación política dos cidadáns 2.0, de referendos virtuais, etc, unhas propostas das que quedarían fóra amplas capas da sociedade, mesmo moitas persoas que teñen conexión a internet, porque non todo o mundo se adica ao ciberactivismo político, a meirande parte da xente, lamentabelmente, ten outro tipo de inquietudes.
Resumindo, que pensamos que a tecnoloxía nos fará libres e felices, e ao contrario, estamos cada vez máis presos dela, non só porque consideramos imprescindíbel trebellos que hai vinte anos non tiñamos (o móbil, por exemplo), senón porque consume boa parte do noso tempo libre, xerando verdadeiros tecnodependentes por mor das redes sociais (twitter, facebook, whatsapp, etc) e da tecnoloxía. E recordemos que en todas as ordes da vida, mesmo na redes sociais, hai quen ten máis influenza que outros, e o que é peor, que hai quen ten a capacidade de influír utilizando toda a información que hai dispoñíbel nas redes sociais.