Ciberadictos: unha sociedade ca cabeza baixa

Hai uns meses estiven nunha cea cunha serie de persoas, unhas 12 aproximadamente. Nun momento dado da velada a metade delas estaban mirando o móbil. Non é que tiveran unha chamada perdida, xa que non se levantaron a falar. Non. Estaban mirando as últimas actualizacións do Facebook, do Twitter ou as últimas mensaxes de WhatsApp. E xa que tiñan o móbil na man, aproveitaron a ocasión para sacarlle unha foto ao postre para colgala nalgunhas das redes sociais citadas ou compartírona con algún dos seus contactos na mensaxería instantánea.
Isto non é un caso illado. É moi habitual ver xente pola rúa que vai máis pendente do móbil que do chan que pisa. Vas a unha estación de autobús e podemos observar a persoas, especialmente as máis novas, mirando o móbil. Calquera persoa que estea esperando nunha consulta, vaia no tren, no autobús, en calquera sitio, está mirando o móbil. Vivimos completamente atrapados e hipnotizados por uns trebellos que hai pouco menos de 20 anos non estaban ao alcance da xente do común.
Twitter, Facebook, WhatsApp, Telegram, Pinterest, Instagram e todo tipo de xogos son algunha das aplicacións que nos teñen completamente enredados. Tanto é así, que non é estraño ver como os sábados e os domingos pola tarde o “time line” de Twitter énchese de mensaxes de persoas que están comentando as xogadas dos partidos de fútbol ou doutros acontecementos deportivos aos que asisten, un contexto no que debía primar por enriba de todo a diversión e o esparexemento social e persoal.
Como unha fervenza, estas redes sociais ofrécennos unha enxurrada de información sen fin a calquera hora do día, sempre actualizada, sempre diferente, sempre unha cousa nova que atrapa os usuarios dun xeito que recorda moito ao poder hipnótico da televisión, cuxa veloz secuencia de imaxes reclama sempre a nosa atención en calquera situación na que nos atopamos.
Mais a respecto da televisión, hai unha sutil e importante diferenza. Na caixa tonta temos unha actitude pasiva, miramos o que crean outras persoas para térmonos entretidos. Nas redes sociais somos nós os que creamos os contidos, somos nós os que nos enredamos. Facebook, Twitter, etc, só poñen a infraestrutura a nosa disposición, onde acumulan millóns de datos, que convenientemente analizados e peneirados son unha mina de ouro de información sobre a sociedade.
Non digo que este tipo de ferramentas non sexan útiles, que o son, mais, non é unha paradoxa que estes aplicativos que permiten comunicarte con centos de persoas, sexan precisamente o impedimento para comunicármonos coas que temos máis preto, illándonos e parapetándonos nos teléfonos móbiles?
Como dixen, estas aplicacións poden ser moi útiles para o activismo social, é así como as venden precisamente, máis non é unha paradoxa que pobos que supostamente se “liberaron” a golpe de píos no Twitter están hoxe baixo ditaduras, cando non na anarquía total? Exipto, Túnez, Libia e máis recentemente Ucraína son un exemplo perfecto de que as redes sociais non liberan pobos, os pobos son liberados polas persoas, pero estas están moi entretidas mirando o teléfono móbil.