Cianuro (e arsénico) por compaixón

Cianuro (e arsénico) por compaixón

Pode parecer fácil xogar co título da comedia de Frank Capra protagonizada por Cary Grant ao termos que falar de novo da mina de ouro de Corcoesto. Mais a publicidade inserida nalgúns medios de comunicación hai uns días por parte da empresa Minería de Corcoesto baixo o título “Proxecto Mineiro de Corcoesto: unha mina de futuro para todos” parece que non deixa máis saída. A mensaxe da empresa é claro: canto máis cianuro e canto máis arsénico poñamos nas nosas vidas mellor, pois produtos e refugallos tóxicos van vencellados a progreso e riqueza. O resto é un atraso e “datos incorrectos”. Tranquilidade! Mineira de Corcoesto e a multinacional canadiana Edgewater Exploration só pensan no mellor para o desenvolvemento da comarca de Bergantiños e do noso país.

É verdade, como xa dixo Paracelso, que “todo é veleno, nada é veleno; só a dose fai o veleno”. Paracelso foi un dos máis importantes alquimistas no século XVI e un dos primeiros en investigar o papel da química na medicina e en establecer as causas das enfermidades derivadas da minaría e das gravísimas consecuencias que para a saúde humana tiña a inxestión ou inhalación de metais.

E está claro que na historia dos velenos, a fama do arsénico e do cianuro está xustificada. Unhas poucas centésimas de gramo de arsénico son suficientes para matar a unha persoa. A inxesta continuada de auga potábel cun contido de arsénico de millonésimas de gramo por litro pode provocar arsenicose, unha intoxicación crónica que ten relación directa coa aparición de varios tipos de cancro e outras enfermidades. Ainda que a presenza detectada de arsénico na bacía do río Anllóns poida ser en parte unha consecuencia natural das arsenopiritas da zona, o estudo da Universidade de Vigo e do CSIC deixa claro que os sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de Corcoesto, e que xa actualmente teñen uns niveis moi altos. O enorme movemento de terras, trituración e tratamento con cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico sen dúbida conlevaría a liberación de grandes cantidades de arsénico, moi por riba dos actuais niveis.

En canto ao cianuro, poderiamos lembrar que o gas cianhídrico era o gas coñecido como Zyclon B, o gas utilizado nos campos de exterminio nazis na segunda guerra mundial, o que nos dá unha idea da súa eficacia como veleno letal ou causante de graves enfermidades como parálise ou Parkinson. Para extraer o ouro con eficiencia (económica) emprégase unha solución de cianuro de sodio no proceso coñecido como lixiviación do ouro. O cianuro de sodio é un sal solúbel en auga extremadamente tóxico. É ben coñecido desde antigo: xa Cleopatra e Lucrecia Borgia o elixiron como o seu veleno favorito. Unha dose dunhas centésimas de gramo é suficiente para matar a unha persoa. Ademais, como resultado da súa manipulación e reacción con outros compostos pode liberarse gas cianhídrico ao ambiente se non existe un control absoluto do proceso mediante o uso de substancias como sosa cáustica.

,A publicidade da empresa céntrase soamente no uso do cianuro e na presenza de arsénico. Non son –por desgraza- estes os únicos problemas derivados dunha explotación mineira a gran escala como a que se pretende en Corcoesto e noutros lugares do noso país, se ben temos que recoñecer que son dous puntos moi importantes.

Segundo o proxecto presentado pola empresa, na mina empregaríanse 1490 quilogramos diarios de cianuro. Con esta cantidade poderiamos envelenar diariamente a unha poboación equivalente a tres veces a poboación galega. Todo este cianuro, xunto con cantidades semellantes de sosa cáustica (hidróxido de sodio) e ácido clorhídrico vai circular polas estradiñas galegas durante todo o ano, chova ou faga sol. Vaise manipular diariamente na explotación. Vai estar almacenado. Vai producir inxentes cantidades de lodos e refugallos que se van almacenar en balsas e almacéns tóxicos no mellor dos casos. É doado imaxinar as posibilidades de accidentes ou problemas que fiquen fóra de control por descuido, abandono ou falta de recursos económicos na seguridade e recuperación da mina.

“A posibilidade de que ocurra un accidente na minaría a gran escala con uso de cianuro é só cuestión de tempo”. Esta foi a advertencia do Parlamento Europeo (outra terxiversación de Edgewater) en 2010 cando por amplísima maioría solicitou a todos os paises da Unión Europea a prohibición total do uso de cianuro na minaría, argumentando que só deste xeito se podía garantir un bo estado químico das augas e a protección dos recursos hídricos e da diversidade biolóxica.

Sería preferíbel non ser tan alarmista. Pero a empresa Mineira de Corcoesto está a poñer toda a carne no lume. Dispón do apoio e connivencia da Xunta, dos alcaldes da zona e do Partido Popular. Dispón dunha potentísima maquinaria de comunicación para desinformar, para manipular e terxiversar, para moldear os datos e informes científicos no seu interese e descualificando a todos aqueles que cando menos mostran activamente unha sinceira e desinteresada preocupación co proxecto mineiro de Corcoesto en particular e coa explotación dos recursos pola destrutiva minaría a gran escala en xeral. A todos aqueles habitantes deste país que se preocupan polo seu territorio e polo benestar dos seus habitantes, e que non procuran o beneficio egoista senón un futuro de calidade para todos e para todas.