China: desenvolvemento xigante, contaminación insoportábel

China: desenvolvemento xigante, contaminación insoportábel

Os erros medioambientais cometidos fundamentalmente durante os séculos XIX e XX nas industrializacións dos actualmente chamados países desenvolvidos repítense de novo nos actuais países en vías de desenvolvemento. A destrución do territorio, o desarraigo das persoas, a polución do aire, a contaminación das augas e das terras de cultivo son o resultado de antepoñer a economía ás persoas, aos pobos. Xa cando a degradación do medio ambiente e da vida e saúde das persoas alcanza un nivel insoportábel, os gobernos recoñecen os abusos e comezan a tomarse tímidas medidas de protección. Para que isto ocorra ten que haber unha forte presión interior, dunha poboación que xa non pode soportar máis, e do exterior, onde a imaxe do país vese afectada pola permisividade contaminante e destrutora.

E neste momento semella estar China. As imaxes de Beijing cunha espesa néboa que apenas deixa ver a uns metros son xa cotiás. Esa néboa, que pode durar varias semanas, está formada por partículas contaminantes moi nocivas para os seres humanos. Este mes de febreiro foi especialmente alarmante, até o punto de que se chegaron a prohibir as actividades dos nenos ao aire libre e se recomendou á poboación ficar nas casas. Os niveis de contaminación superaron con moito os considerados altamente tóxicos pola Unión Europea e pola Organización Mundial da Saúde (OMS). As máis perigosas son as partículas máis pequenas (unhas 25 veces máis delgadas ca un cabelo humano), pois fican máis tempo en suspensión e chegan con facilidade aos pulmóns, ao non ficaren detidas polo nariz ou a gorxa, en moitos casos nin sequera por máscaras protectoras normais. Estas micropartículas, de diámetro igual ou inferior a 2,5 micras (PM2,5), proveñen fundamentalmente da descomposición de metais pesados emitidos a atmosfera polas fábricas, pero tamén teñen boa parte de culpa as emisións dos máis de cinco millóns de coches que circulan en Beijing e as calefaccións alimentadas por carbón. Nos pulmóns adhírense á superficie das células, podendo producir cancro e outras enfermidades respiratorias e pulmonares.

A contaminación das augas tamén é dramática. Un recente informe oficial do Ministerio de Recursos Hidráulicos chinés indica que o 64% das cidades ten as augas subterráneas moi contaminadas e un 33% levemente contaminadas. No que atinxe ás augas superficiais, as autoridades chinesas recoñecen que o 40% dos ríos están seriamente contaminados e en 1 de cada 5 a auga é considerada demasiado tóxica incluso para o contacto humano. En total, un 90% da auga de China está contaminada.

A contaminación máis grave das augas prodúcese de novo polas partículas de metais pesados como chumbo, cadmio e mercurio procedentes das actividades industriais e do procesado do carbón e que son moi difíciles de eliminar nas depuradoras convencionais (cando estas existen). A contaminación por refugallos domésticos tamén é moi importante, pero máis doada de abordar. E para rematar, un 10% das terras de cultivo contén tamén altos niveis de contaminación por metais pesados. E todos estas son datos oficiais e moi recentes.

En Galiza temos problemas de contaminación. Pero posibelmente nos resultará difícil imaxinar uns niveis como os chineses: aire irrespirábel, auga contaminada, terra erma. Até o punto de admitiren a existencia de máis de 247 “aldeas do cancro”, lugares cun alto índice da poboación afectada por enfermidades canceríxenas orixinadas –segundo as propias autoridades chinesas- pola contaminación do aire e das augas.

Unha parte moi importante da contaminación é debida ao elevadísimo consumo de carbón para producir enerxía, tanto no seu lavado como na súa combustión. En China ademais estanse a fabricar produtos químicos xa prohibidos nos países máis desenvolvidos e sen as mínimas condicións de seguridade, co que continuamente se producen accidentes con emisións moi tóxicas á atmosfera e verquidos aos ríos. Tamén os produtos tecnolóxicos teñen unha boa parte de culpa. China fabrica gran parte das baterías e a industria dos refugallos electrónicos é a principal actividade de moitas vilas (China é o segundo produtor mundial e merca o 70% do lixo electrónico mundial). O procesamento destes refugallos para extraer os materiais reutilizábeis é altamente contaminante e de graves consecuencias para a saúde dos traballadores, especialmente os máis novos e os máis vellos. Hai cidades, como Guiya, no surleste, onde o 95% dos habitantes traballa desarmando equipos electrónicos (unhas 60000 persoas en 2005). O 70% dos nenos e nenas do Guiya supera os niveis normais de chumbo no sangue, acadando niveis de envelenamento.

Semella que as autoridades chinesas comezan a tomarse en serio o problema, co recoñecemento da contaminación química como un dos problemas máis graves de China e cun plan para controlar a fabricación de químicos tóxicos e o impacto contaminante de determinadas actividades industriais moi importantes como o textil, a minaría ou a industria química e nuclear.

Os últimos trinta anos de industrialización salvaxe e aperturismo permitiron a centos de millóns de chineses saír da pobreza. A cambio, enormes desigualdades sociais, corrupción e degradación medioambiental. No desenvolvemento, parece que sempre se prioriza o beneficio das empresas. Pero incluso agora estanse a decatar que a contaminación lles pode saír cara, pois o ritmo de crecemento é imposíbel de manter con este nivel de destrución e deterioro. En palabras de Ma Jung, activista medioambiental chinés e Premio Goldman 2012, “se perdes a saúde, de que vale que suba o PIB?”.