Chegaron os catastrofitas, os comunistas e os terroristas

Levamos decenios aturando aos controladores da opinión pública que atacan, condenan e fan mofa de quen non profesamos os seus dogmas de fe, tales como o "libre mercado", a " competitividade", a "globalización", o "adelgazamento do Estado" e moitos outros.
Para quen non adoramos este credo teñen unhos produtos ideolóxicos exterminadores cos que nos condenan ao fondo dos infernos: Chámannos catastrofistas, comunistas, terroristas, ou algo máis suave, pero eficaz, como integristas, trasnoitados, utópicos... Ou o sempre recorrido bicábalo de nacionalista coa adxectivación pexorativa de violento, extremista...
A mágoa de todo isto é que esteamos a sufrir unhas sobredoses tan fortes de alienación colectiva, en forma futboleira, ou noutras formas, que nos impida aos cidadáns do común usar aquelo que nos distingue doutros seres do reino animal; a intelixencia e o sentido común.
Usando un pouco o sentido común atoparíamos que aqueles que nos acusaron e acusan de herexes están a ser os mais catastrofistas, os máis "comunistas" (si entendemos o comunismo como o entenden eles: a falla de liberdade e o dominio de todas as relacións sociais por un poder único); e tamén os máis integristas, os máis utópicos, os máis fanáticos e os máis dictadores.
Vexamos algunhas destas herexías:
CATASTROFISMO
Non vai contra a intelixencia preparar a xente para a catástrofe de ter que traballar até morrer cando sociedades moito menos avanzadas tecnicamente garantiron a xubilación, incluso anticipada? Que din que aumentou a media da idade o duplo? E por canto se multiplicou a productividade?
Non vai contra o sentido común e contra a intelixencia dicir que farán unha reforma laboral para solucionar o problema do emprego e do investimento económico e recoñecer ao mesmo tempo os gobernos, os empresarios e os sindicatos que non vai resolver ningún destes graves problemas? Dito en expresión popular: "é como o que ten tose e rasca o cu"... Como se di que a reforma vai beneficiar aos traballadores e ninguén sabe explicar en que os beneficia? Si é que beneficia a alguén, pódesenos dicir a quen? E, se prexudica a alguén, pódesenos dicir a quen e en que?
Non é dabondo catastrófico que nos traten de subnormais a todos os cidadáns?.
Non é catastrófico que se desfaga o actual sistema de protección social obrigándonos (quen poida) a recorrer a os seguros privados, cando nos propios EE.UU. ese modelo conduciu e conduce a condena de morte por falla de medios económicos a moita xente, incluso despois de hipotecar e perder todo o seu patrimonio?
COMUNISMO INTERVENCIONISTA
Dinnos por unha banda que compre eliminar a intervención pública, privatizar as empresas públicas e pasar a mans privadas os servizos e os fondos do Estado e por outra banda intervén o Estado para subir os impostos degaxando aos que xa están anoréxicos (parados, pensionistas, autónomos, etc.), cando se nos repetiu e repite até a saciedade, sobre de todo por parte do PP, que a solución á crise pasa por rebaixar os impostos.
O cambio revolucionario do PP, do PSOE, do FMI e de toda esta fauna do liberalismo salvaxe consiste en que antes, ademais de poñerlle aos probes e aos traballadores impostos directos e indirectos tamén se lle poñían algúns impostos aos ricos que axudaban a pagar algúns dos seus moitos vicios; agora estanlle eliminando os poucos impostos que tiñan os ricos e temos que quitar das nosas necesidades para sufragar os vicios custosísimos dos novos oligarcas, e iso encargase de facelo o Estado practicando o "comunismo intervencionista" ou si queredes, o "comunismo ao revés".
Dixéronnos no derradeiro saqueo de luva branca que fixo a banca por valor de quiñentos mil millóns de € en Europa, que ese atraco tiña a finalidade de salvar a economía e revitalizar a actividade empresarial. Xa nos rematan de avisar cunha pantomima de pánico bolsista que se quedan con todo e que non pensan devolver un can. Sabemos quen son os prexudicados diste acto de piratería, pero, quen se apropiaron do botín e onde o teñen? Reflexionou alguén sobre dos beneficios que se producirían si se repartise esa cantidade entre, por exemplo, a metade da poboación máis desfavorecida de Europa? Que moitos os malgastarían?... Xa! Pero deste xeito malgastáronse todos.
Obrígannos por decreto a perder dereitos históricos da xente traballadora e rebáixannos o poder adquisitivo. Pola contra, e tamén coa intervención e bendición do Estado (non comunista), decrétanse subas astronómicas de tarifas as empresas enerxéticas e a moitas outras.
Avisaron desde Francia de que ducias de "traficantes de diñeiro" de España gozaban de boa saúde fiscal evadindo impostos; e a sabia decisión do Goberno foi darlles prazo para "regularizar a situación". Ningún poder fático, comezando polo PP dixo nada. Será que todos teñen algún "familiar" nesas covas de Alí-Babá?
Identificáronnos sempre o comunismo coa falla de liberdade e de soberanía das persoas das empresas, dos Estados... Viron algo máis patético que o Presidente dunha "Nación Soberana" dicindo, eu fago o que me dicte un que lle chaman o Fondo Monetario Internacional, e o xefe da chamada oposición dicindo: "xa o tiñas que haber feito antes". Non sería preferíbel que reclamásemos que houbera eleccións libres directas e secretas para o "Parlamento do FMI"?
TERRORISMO
Non nos di o sentido común que despois da chegada de Obama intensificáronse os ataques e bombardeos dos países invadidos ou ocupados pola OTAN dos EE.UU., abrindo novas agresións e ocupacións en Centoamérica e rexurdindo fortemente o terrorismo de estado promovido polos aliados do Sr. Obama? Namentres, en Europa, pagamos as hipotecas lixo dun imperio que derrete a súa economía en destrución e guerra polo mundo adiante.
E por si fora pouco, namentres o terrorismo bélico se practica con mais perfección, o terrorismo informativo; tanto na versión de ocultar a desapiadada destrución de tribos, pobos e culturas, como na de intoxicación e propaganda fascista e imperialista que trata de xustificar calquer abuso de poder ou situación de dominación individual ou colectiva; reforzase e esténdese.
Fai poucos días nun programa da televisión Española, xefes do Exército dos EE.UU. explicaban o uso das novas tecnoloxías na primeira guerra do golfo referíndose ao inimigo como se se tratara de exterminar ratas. E ademais protestaban porque as televisións europeas deran algunhas imaxes recollidas por televisións árabes nas que se mostraban feridos ou mortos.
Que diferencia hai entre a concepción política do nazismo e a do Pentágono?
Sería bo e saudábel, namentres teñamos sanidade pública, que se elaborara algún programa de desintoxicación mental; abondaría con adicar media hora diaria a repensar se o que nos meten polos ollos é verdade ou non.