Chega o verán… coidemos o planeta
Cando eu estea enviando este artigo á Fundación será practicamente o momento do solsticio do verán. Non pretendo falar cientificamente sobre un tema que non domino en absoluto, pero sí quero facer unhas consideracións vulgares sobre o tempo, a calor e os cambios que os seres humanos provocamos no noso medio.
O mes de maio que rematou foi medido como cercano á media nos seus valores estatísticos xerais, mais tamén como extremadamente seco e cunha media de 2 graos de temperatura por riba do normal (AEMET, METEOSAT); é dicir, que non destacando ostensibelmente nos seus valores totais a respecto de outros anos, sí que resultou que, a percepción da rúa foi de tempo de moito mais calor e moita menos choiva.
Hai tempo xa que chanzas coma aquela do "primo de Rajoy" que non acreditaba no cambio climático non son causa de risa, mais tamén é certo que a percepción de moita xente racionalízase con aquilo de que "se os que mandan non cambian, para que imos cambiar nós" ... e así nos vai.
A apreciación da xente de que o clima non é como era, que agora vai mais frío, que chove menos, que vai mais calor ou que neva menos nos lugares onde sempre nevaba dá imaxe da percepción de cambio que existe entre as persoas, pero realmente, moitos de nos non temos asumido que eses cambios do clima poidan supor algún impacto na vida real. O xeito de vida extremadamente urbano no que nos desenrolamos impón un alonxamento da natureza que nos fai perder de vista as consecuencias e non ter perspectivas globais sobre os nosos actos; e así desde accións pequenas como non pechar a billa da auga, até outras mais grandes coma non nos preocupar se as farolas da vila fican acesas toda a noite porque alguén esqueceu apagalas, imos sumando pequenos despilfarros que, sumados aos grandes que tamén fan as institucións e as empresas, levan pouco a pouco este planeta á ruína.
A estimación científica fala da previsión de grandes alteracións nos ecosistemas globais, da suba do nivel do mar, de episodios treboentos moito mais violentos, vagas de calor (A do 2003 provocou directamente141 mortes no Estado Español, aínda que se lle poden achacar até 6.500, Wikipedia), desaparición dos glaciares, maior número de incendios e de inundacións, especies da flora en perigo de extinción... Se ben é certo que a previsión non é sinxela de facer e que nos movemos nun ámbito de grande incertidume, tamén o é que os desequilibrios sociais e económicos derivados das alteracións climáticas poden ser enormes: Pensemos tan só que as glaciacións (das que temos unha imaxe mental como de algo imposíbel de ocorrer hoxe) foron debidas a cambios de temperaturas globais moi semellantes aos que agora estamos a experimentar no sentido contrario.
En países como Galiza, que teñen seus máximos valores nos recursos naturais, a importancia deste tema é absolutamente central e deberíamos colocala nun dos primeiros puntos das axendas. Precísase un traballo coordinado e estratéxico da familia e a escola até a gran corporación, de nenos a maiores, de aldeas a grandes cidades. Sen unha concienciación clara de que este é o único planeta que temos, por moita grandilocuencia que teñan as declaracións institucionais, por moito que os concellos instalen luminarias de leds de apagado automatizado e nas nosas casas teñamos bombillas de baixo consumo, mentres o gran capital non comprenda que a busca do beneficio económico non pode estar por riba da saúde do planeta, a perda dos recursos naturais será cada vez maior e chegará un momento no que se faga irreversíbel...E a terra estoupará, farta de nós.