Chano Piñeiro
En Ourense do 1 ao 9 de outubro estase a celebrar a décimo quinta edición do Festival de Cine, certame que despois de tres lustros aínda anda na procura da súa identidade definitiva.
Ourense celebra a madurez dun evento que aínda quere desenvolverse, seguir sendo potencia e medrar. Celebramos ter o privilexio dunha nova edición para enchermos os soños de soños, a cabeza de ilusións... e de preguntas. Celebramos, logo, que ao longo de quince anos xa nos afixemos a ter o mellor cine de Galiza e do mundo. Aquí, en Ourense.
Porque Ourense é unha cidade que vive o cine como poucas. Desde as exhibicións ambulantes de Pinacho e Barbajelatta, a finais do XIX, á aparición do Principal en 1916, as cintas que recibiamos dos emigrantes en América -onde cobrou forza a figura de Carlos Velo, de quen recibe o nome o premio á mellor director-, até o fenómeno do cineclubismo, que perdura hoxe en día da man do Cineclube Padre Feijoo... En Ourense gostamos de sumirnos "na obscuridade, que non na escuridade, un matiz semántico que lle debemos ao portugués", segundo anota o xornalista Arturo Lezcano.
Os máis cativos, para os que o cine non é só evocador de soños senón que cumpre un papel fundamental na súa educación e desenvolvemento, xa recordan de sempre o Festival de Cine de Ourense. E o Festival adica aos escolares unha sección con vocación de futuro, na dupla finalidade de fomentar a creación audiovisual e de formar espectadores críticos, OUFF Escola. O II Certame de Cinema OUFF Escola ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Na presente edición presentáronse 61 proxectos, chegados de centros escolares non universitarios de toda Galiza e do Bierzo.
O público de Ourense que enche as salas segue a demandar, logo destes quince anos, unha programación alternativa, novidosa, chea de argumentos. E abofé que a oportunidade que nos brinda o Festival é notoria e notable: dando a mellor versión de nós como anfitrións; proxectando o noso nome ao primeiro plano da actualidade cultural do mundo; servindo como punto de encontro para a vangarda da produción cinematográfica e audiovisual; ofrecendo portas abertas á innovación e á formación; festexando que, edición tras edición, a nómina de creadores aumente... É a revolución permanente que nos ofrece, ano tras ano, o Festival de Cine. Unha revolución á que aínda lle quedan moitas páxinas por escribir.
Polo festival ourensán pasarán duascentas proxeccións entre todas as seccións oficiais: longametraxes, documentais, curtas, animación e novos medios, e as temáticas, entre outras, cine gay/lésbico, cine fantástico, cine e muller, cine inédito... Moitas das cintas participantes xa foron galardoadas en festivais internacionais e outras chegan co marchamo de proxectarse por primeira vez no Estado español. Este é o caso da película do acto de inauguración da presente edición, 18 Comidas. Este filme realizou a súa estrea mundial o pasado 12 de xuño na apertura da Mediterranean Competition (Competencia Oficial do Festival), dentro do Festival Internacional de Taormina, tendo unha grande acollida tanto por parte da prensa especializada como do público. O galardón que recibe Jorge Coira á Mellor Dirección consolida o éxito da estrea mundial de 18 comidas. Producida por Tic Tac Producciones, Zircozine e Lagarto Cine, todas elas produtoras galegas, é unha historia de historias, dirixida polo realizador galego e ambientada en Santiago de Compostela. 24 personaxes, 6 historias, 18 comidas, entre almorzos, xantares e ceas. Nesta visión coral de situacións persoais mestúranse episodios cotiáns: unha parella de anciáns que almorzan, xantan e cean xuntos en silencio. Un músico da rúa que hai tempo que perdeu o tren do amor; unha muller casada e cun fillo que, insatisfeita coa súa vida, aínda soña co músico da rúa; un macedonio afincado en Santiago de Compostela; Dous amigos bébedos; un home que espera pola visita da súa namorada, que non chega; dous homes que son parella descoñecida para o irmán dun deles que acode a comer cunha recén coñecida; unha moza que non se resigna a ser a querida; un amante que non pode dar todo o que esa moza quere; un mozo que celebra o seu aniversario; dúas irmás que serven comidas; unha delas que quere ser cantante; un pai e un fillo que precisan dunha cantante para a súa orquestra.
No plantel de actores destaca a presenza de Luis Tosar hoxe recoñecido internacionalmente mais galego que exerce de galego. Entre os outros 18 actores a maioría tamén son galegos e galegas: Víctor Fábregas, Fede Pérez, Esperanza Pedreño, María Vázquez, Cristina Brondo, Víctor Clavijo, Juan Carlos Bellido, Mario Zorrilla, Pedro Alonso, Nuncy Valcárcel, Camila Bossa, Xosé Barato, Milan Tocinovsky, Sergio Peris-Mencheta, Jorge Cabezas, Ricardo de Barreiro, Xosé Manuel Oliveira "Pico" e Antonio Mourelos. Todos e todas enfrontáronse a unha aventura de improvisación, posto que ningunha das situacións rodadas foi ensaiada previamente polos protagonistas, o que engade naturalidade á posta en escena, e converte este filme nunha gravación onde a espontaneidade e o bo facer actoral é un valor.
Eis a importancia dun festival de cinema: poder exhibir o que están a facer produtoras, directores e actores galegos e galegas. E mesmo mostrar os traballos de escolares galegos en galego. Só por iso estaría xustificada xa a existencia deste Festival.
Xa que logo celebremos un paso máis nesta actividade que facemos todos e todas e acudamos ás salas para soñar, reflexionar, medrar... e brindar por outros quince anos máis de Festival de Cine.