Chambonada impresentábel

Chambonada impresentábel

Presenta o ministro Montoro un texto sen pes nin cabeza, elaborado sen consenso algún entre partidos e sen intervención das partes interesadas: un auténtico disparate, unha broma pesada a imaxe e semellanza do persoeiro. Tras largo tempo demandando a modificación dunha norma obsoleta como é a Lei 7/1985, que é un texto de referencia que non debe estar suxeito a vaivéns políticos e polo tanto de obrigado consenso, aparece este Anteproxecto, enésima versión dun despropósito, feito por persoas sen coñecemento da realidade da Administración Local e que caso da súa improbábel aprobación sería de imposible aplicación, tanto polos innumerábeis recursos que se presentarían como polos irresolúbeis problemas administrativos, políticos e lexislativos que provocaría.

Unha auténtica chambonada, un esperpento como o propio ministro, que conseguiu unha unanimidade sen precedentes entre alcaldes e alcaldesas das máis variadas forzas políticas en canto ao seu rexeitamento máis absoluto. Un texto que ten que servir de referencia en canto a definición do mapa local en todos os seus aspectos non pode estar suxeito ás variacións políticas que os distintos resultados electorais van provocando tras distintas eleccións. É por elo que precisa ser consensuado entre as distintas forzas para que teña vocación de permanencia no tempo, e, sobre todo, debe consultarse á propia administración local, que é quen sabe das súas problemáticas, das súas necesidades, das súas realidades económicas, sociais e territoriais. Uns persoeiros desde Madrid, descoñecedores das distintas realidades territoriais non poden atreverse a redactar un texto deste calibre sen consultar e, ao facelo, retrátanse na súa propia ineptitude.

O texto nin racionaliza nin moito menos acada sostibilidade algunha por canto nin sequera achega un proxecto de lei adicional que reforme a normativa reguladora sobre facendas locais. Basea o suposto aforro nunha economía de mercado calculada cuns parámetros trapalleiros, baste relatar o procedemento de cálculo explicado nun powerpoint (nin software de código aberto utilizan): compara o custe dun servizo (gasto medio total) en concellos menores de 5.000 habitantes, 1.219,98 €, co custe do mesmo nun municipio de máis de 100.000 habitantes, 445,44 €, concluíndo que se gasta a tripla de cantidade e que polo tanto todos poden gastar isto último, asumindo as deputacións eses servizos nos menores de 20.000 xerando economías de escala. Esquecen que non é o mesmo recoller o lixo, por exemplo, nun concello de poboación dispersa, tipo galego, que nunha cidade de poboación concentrada. Onde cabe aquí a economía de escala? É que por asumir o servizo a deputación vai saír máis barato ir de núcleo en núcleo recollendo?

Con eses cálculos da conta da vella, ou do conto da leiteira, sáenlles 7.129 M€ de aforro que xa se pode imaxinar o lector son totalmente ilusorios. De eliminar duplicidades obteñen 3.282 M€, e da lectura detida do texto conclúese que en vez de eliminalas as aumenta, tal e como se fai na clarificación de competencias que quedan absolutamente confusas e que para eles supón un aforro de 2.232 M€.

Claro que todos estes argumentos son a desculpa para o verdadeiro motivo da modificación cal é a recentralización máis absoluta do Estado e a diminución da calidade democrática. Sendo a Administración Local a que menos supón no déficit do Estado (5%, e máis da metade corresponde a cidade de Madrid) pretenden que sexa esta a que cargue coa culpa.

O trato aos concellos é absolutamente indignante, vulnerando en varios dos seus preceptos a autonomía local, principio consagrado na, para eles, sacrosanta Constitución e na Carta Europea de Autonomía Local. Trato de menores de idade que converte aos municipios de menor poboación en meros entes administrativos. E todo elo para potenciar as Deputacións, ás que non se somete a ningún control e se lles encargan uns servizos que non serían capaces de desempeñar. Preténdese que a administración central interveña directamente en decisións de ámbito exclusivamente local.

A aprobación desta reforma impediría, xa que non sería unha lei de bases senón que invadiría competencias que o Estatuto de Autonomía confire a Galiza, deseñar un mapa local axeitado á realidade galega. Unha regulación homoxénea que negaría unha adaptación á normativa do noso país adaptada á realidade do noso territorio, das características da nosa poboación, e dos nosos condicionantes socioeconómicos.

O texto da disposición adicional decimoquinta, nun pinchacarneiros alucinante, pretende que o traspaso das competencias que agora teñen os concellos en materia educativa, e que se pode estar de acordo en que son impropias, se faga con cargo ao financiamento que agora teñen os concellos. Ou sexa, quitan a competencia pero tes que seguir pagando por ela! E todo elo a un custo estándar que pode ser maior, e de feito así sucedería en Galicia, ao que na actualidade esta gastando un concello.

Cando todo o mundo empeza a estar de acordo coa desaparición das Deputacións vai este texto e pretende potencialas a costa dos concellos e da propia comunidade autónoma. Unha broma cando a estratexia ten que ser sentar as bases con vistas a súa desaparición a través dunha reforma constitucional.

E poderíamos seguir e seguir a contar despropósitos do texto, pero non paga a pena, o texto é absolutamente rexeitábel, non se pode aproveitar nin un solo paragrafo e o que cumpre é empezar a casa polos cimentos e procurar un documento novo consensuado e coa colaboración imprescindible das Entidades Locais que co seu coñecemento e experiencia teñen que aportar as claves da reforma, que nunca pode ser homoxénea para todo o Estado e que polo tanto ten que estar adaptada as características peculiares de cada territorio, características que no noso país son tan diferentes ao resto do Estado e que nos definen tan ben como nación.

Claro que o obxectivo final é acadar a soberanía precisa para establecer nos mesmos o noso mapa local, elaborado, pensado e adaptado ao noso territorio e as nosas peculiaridades sociais e económicas. Feito por nos e para nos.