Chámanlle liberdade mais non o é
Unha das características do sistema e, polo tanto, dos seus distintos axentes, actores e peóns variados, é a de practicar unha procaz e desvergoñada confusión terminolóxica. Confusión dos termos e dos conceptos para, por unha banda, manter á sociedade na manipulación e, por outra banda, combater aos movementos sociais e políticos que adoptan unha posición belixerante e combativa fronte aos abusos do actual modelo.
A isto obedece que desde hai xa ben tempo se acompañe de adxectivos ao termo "nacionalismo", que de súpeto pasa de ser o concepto que define ao movemento político liberador -por tanto progresista- que se articula para a defensa da soberanía dunha nación, para se converter nunha especie de comodín que serve para identificar calquera outra expresión política, iso si, sempre negativamente connotada. Cómo, senón, podemos explicar que de súpeto aparecese o denominado "nacionalismo étnico"? Cómo, senón, se pode explicar que se fale de "nacionalismo racial","ultra-nacionalismo" ou de "nacionalismo expansionista"?
Trátase pois de confundir para deixar na sociedade o pouso de que o nacionalismo ten mácula, de que o nacionalismo non é de fiar. Mais agora, que xa teñen experimentado co nacionalismo esa perversa operación de confusión masiva, agora é a quenda da "liberdade". Xorden por toda a partes adalides e campións da liberdade, aquí e acolá. Xorden campións da liberdade en Italia, estado de recente actualidade onde os ex amigos Berlusconi e Finni confluían nunha sorte de Partido da Liberdade, mais, para o que a nós nos atinxe e concerne, xorden "defensores da liberdade" tamén en Galiza. En efecto, asistimos abraiados ao nacemento de toda unha fornada de "libertadores" da que nunca antes tiveramos noticia. Así, os mesmos que aínda a día de hoxe -por seren herdeiros ideolóxicos de Francisco Franco- non son quen de condenar o Franquismo -ausencia de condena, por certo, que non lles acarrea a aplicación da Lei de Partidos nin de ningún proceso de ilegalización, malia terse tratado dun réxime baseado no "terror" e no que o "terrorismo", como acción de exercer o terror sobre a poboación, era inherente á súa propia existencia- permítense o luxo de soster determinados plantexamentos políticos baseándose da "liberdade individual" ou de adxectivar aos adversarios alcumándoos de "liberticidas". É, por un acaso, normal que a quen defendemos o dereito a empregar a nosa lingua no noso país se nos acuse de "liberticidas" e, precisamente, quen pretende a secundarización e desaparición do noso idioma se arrogue a papel de "libertador"?
Cómprenos desvendar esta manipulación e situar a estes falsos "libertadores" no banquiño dos "liberticidas", porque hai cousas coas que non se pode xogar e cousas polas que non se pode pasar.