Chamamento ao profesorado potencialmente insubmiso
No inicio deste novo curso, entre a voráxine e os nervios dos primeiros días, por se for pouco, xorde a implantación de facto do chamado Decreto para o "plurilingüismo". Ao descontento da cidadanía que manifestou sucesiva e maioritariamente unha e outra vez a súa firme oposición a el, súmase agora o dilema que ten perante si moito profesorado, ao que se lle impón que deixen de dar as súas aulas en galego e as pase a dar, obrigatoriamente, en castelán, sexa cal for a lingua vehicular do alumnado co que se comunicar.
Entre as múltiplas reaccións en contra deste Decreto, hai que salientar neste comezo de curso académico a do colectivo de profesores e profesoras que van cumprir as leis existentes e continuar a dar as súas aulas en galego, a pesar de que desde o Goberno da Xunta xogan a meter medo dicíndolle ao profesorado implicado directamente "que se ateña ás consecuencias", da maneira máis retrógrada posíbel.
Estes días a rede é un fervedoiro de artigos, presentacións, vídeos e manifestos de apoio a este profesorado que está a cumprir coa Lei. Porque incumprindo o Decreto do PP, o profesorado está a cumprir textos legais de maior rango: a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, a Lei Orgánica de Educación, e a Lei de normalización lingüística, concretamente.
Xuristas como Luís Villares Naveira ou Alba Nogueira, entre outros, fornécennos as bases legais necesarias para comprendermos a ilegalidade en que está a incorrer este Decreto contra o galego, e por tanto, da insubmisión á que Feixóo e o seu goberno levan a incorrer ao profesorado que o acate.
É por isto que se fai máis que nunca necesaria a implicación de todos e todas, mais moi especialmente do profesorado: continuemos co consenso lingüístico e sigamos a dar as aulas en galego, especialmente naquelas materias de orientación científica, que é onde máis necesario se fai, posto que desta forma estaremos a empregar a nosa lingua con normalidade en ámbitos en que foi vetada durante moitos anos, fornecendo o alumnado de vocabulario específico na lingua propia, vendo o mundo desde unha óptica galega integradora, non excluínte.
Non devolver os libros de texto dos cursos anteriores e empregalos neste novo curso supón, a todos os efectos, un acto ético, de legalidade xurídica e responsabilidade económica. Non dar as aulas en castelán nas materias como Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, entre outras, supón cumprir todas as leis a nivel europeo, español e galego que existen no tocante ás linguas minorizadas.
Á pregunta que se fai o colectivo "Profes co galego": "Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?" xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia. A coherencia de quen fala a lingua propia do País e quere expresarse nela as 24 horas do día sen que ninguén lle impoña a lingua colonizadora, e sen servir de elo deste lingüicidio que están a acometer co galego sen ningunha impunidade.
Ao profesorado que aínda está a pensar que facer, dubitativo sobre se mudar a súa lingua de comunicación normal nas clases ou non, sobre se acatar un Decreto que vai en contra da legalidade vixente ou "aterse ás consecuencias", a todo ese profesorado potencialmente insubmiso eu dígolle: agora máis que nunca é o momento de romper as cadeas do medo e de se manifestar cada un no seu posto de traballo, coa responsabilidade de que teñen o ensino do futuro pobo galego nas súas mans.
Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas de Longa noite de pedra titulado "Non":
"Si dixese que si, / que todo está moi ben, / que o mundo está moi bon, / que cada quen é quen.../ Conformidá. / Ademiración.../ Calar, calar, calar, / e moita precaución. / Si dixese que acaso / as cousas son esí, / porque si, / veleí, / e non lle demos voltas. / [...] Si dixera que si... / Entón sería o intre / de falar seriamente / da batalla de froles / nas festas do patrón. / Pero non."
É o momento de dicir que non, de sermos coherentes co noso e de corresponsabilizarnos do que ocorre na nosa sociedade e tentar mudalo. Lembremos que a complicidade pagámola todos e todas.