Cerdedo ou como fundir un concello

Cerdedo ou como fundir un concello

Certo que estes artefactos artificiais creados polo Estado Español para homoxeneizar o seu territorio non son entes “naturais”. Mais cando se puxeron a facer a nova planta aló polo 1833 atopáronse con que na Galiza existía unha cousa que se chamaba a parroquia que había que respectar a hora de establecer aquelas arbitrarias demarcacións se querían evitar un levantamento popular contra este artellamento e lograr que se tragase co fundamental, as provincias, para descuartizar a identidade galega. E eran as parroquias naturais?. Entón antes de que os Suevos as estableceran xa existían?.

O caso é que foron sedimentando afectos e vencellos comúns nestas demarcacións territoriais e establecéronse referentes colectivos que cos séculos perviviron mesmo na emigración onde se reunían para obras, servizos e actuacións políticas orientadas cara a súa comunidade de orixe.

Agora que se presenta desde a alcaldía unha proposta de fusión do Concello de Cerdedo co de Cotobade está a poñerse sobre a mesa moitas cuestións que se derivan desta decisión. Mesmo hai quen, como Alba Rivas, ironicamente agradece ao presidente da corporación que fixese isto para provocar a reacción popular que está a xerar. Lembremos o exemplo da ra que en auga fervendo salta fóra e si a vas quentando pouco a pouco fica quieta até cocerse.

Mais a miña primeira preocupación, quizais prepolítica, foi por como ía chamar agora a toda unha serie de lembranzas e emocións que teño asociado con ese topónimo. Puidera parecer unha frivolidade diante do drama que supón a despoboación e a fuxida. E cando falo disto último é con nomes e apelidos. Onte mesmo unha alumna me anunciaba que para o ano deixaría o Instituto porque ía vivir para outro concello xa que seu pai, que tiña uns establecementos en Cerdedo, estaba farto e largábase.

Son outros e outras, con veciñanza deste municipio quen están desmontando os argumentos do PP sobre as vantaxes que lle suporía aos seus habitantes -en canto a ingresos e servizos- o unirse con Cotobade. A miña primeira impresión foi que o facían para poder ter un soldo máis alto o alcalde que quedaba ao cargo disto mentres ao outro lle buscaban posto en Madrid (ía de cuarto na lista do PP de Pontevedra e na primeira volta non saíu, pero agora de segunda xa se verá). Pois por sentido común non parece que un concello reciba máis fondos que dous, por moito que mellore de categoría. Mais, xa digo, hai unha plataforma cidadá que está a destapar toda a mentira da con-fusión xerada. Eu simplemente quixera achegar unha apreciación persoal que seguramente a ninguén mais que a un importa. Consideracións que non aparecerán nos cálculos que se están a botar sobre os devanditos beneficios da unificación.

No meu primeiro contacto con Cerdedo non sabía que estaba en Cerdedo. Eran as Tres Aldeas, nin sequera era consciente de que estaba na parroquia de Quireza até que na Santa Apolonia vin por primeira vez como se pegaban uns adultos e sorprendeume por non ter a beleza estética das pelexas coreografadas nas películas de vaqueiros e polo feito de que os bandos se artellaron en función da lealdade cunha ou outra freguesía. Cerdedo como tal presentóuseme coas mobilizacións do ano 90 na defensa dun prezo xusto para o leite e fronte aos impagos, abandono de recollidas, etc... Alí coñecín aos labregos e, sobre todo, as labregas de Figueroa que ocuparon co daquela SLG a delegación do MAPA en Pontevedra. Lembro como foron quen de montar unha tractorada o 26 de abril a pesares de non ter tractores, cortando a N-541 entre Pontevedra e Ourense á altura do seu concello.

O primeiro mitin do BNG que tivo lugar aquí deuno Bautista Álvarez. Só había un asistente quen ao final do discurso se acercou ao intervinte e confesoulle: "perdoe pero é que estou medio xordo". Bautista sempre lembra con humor este acto, que para os que o organizamos quedou patente que só un político auténtico e non un destes novos de deseño era quen de celebrar. Os cálculos dos novos resolverían en telo suspendido. Mais como realidade política e inquedanza vital polos problemas deste territorio, o Concello de Cerdedo, quedou patente coa entrada do nacionalismo na corporación con Isidro e Dionisio, aos que seguiron Manolo e Roberto. Aí púxose sobre a mesa a necesidade doutro tipo de política para acadar a supervivencia deste municipio e o benestar dos seus veciños, poñendo freo a sangría do envellecemento e o despoboamento. E a verdade, co alcalde vello houbo diálogo e fixéronse cousas. Era un caciquismo que estaba arraigado e que desde o paternalismo e a conveniencia se presentaba sen complexos e con total franqueza. Mais a dinastía seguiu e as novas xeracións que herdaron o cargo non ían conservar o mesmo estilo.

Comprendín moito mellor este Concello a través dos estudos de Dionisio Pereira sobre a terríbel represión franquista que sufriran as súas clases populares, a súa tradición de canteiros e labregos combativos. E tamén souben de como esas cousas explican o presente até tal punto que chegaron a sentar ao autor destes libros no banco do xulgado da Estrada polo delito de exercer de historiador. Carlos Solla amosounos como o que para outros non era máis que un cumio onde plantar aereoxeradores tratábase dunha montaña máxica, do vello olimpo celta, dun espazo rico en bens arqueolóxicos e lendas fermosas e profundas. Soubemos que ao pé dese monte Seixo naceu Frai Sarmiento e percorremos os seus pasos até a casa natal que cae en ruínas a pesares de que os seus propietarios lla teñen ofertado gratuitamente ao Concello para que explotara as súas potencialidades. Mais como se van lembrar deste tan antigo ilustre conveciño vendo como tratan a outros máis recentes escritores como Xosé Otero Espasandín ou Antonio Rodríguez Fraíz.

Cerdedo non é un ermo. O activismo cultural que ademais de Verbo Xido e Capitán Gosende se estende polas súas múltiples expresións, sobre todo no campo musical cos Abrentes ou o labor impresionante que está a facer Xandre. Como todos os movementos sociais e políticos o activismo non é liñal, nin só acumulativo e nin só ascendente. Nalgúns casos pásase por horas baixas e noutros acúsase cansanzo. Mais non hai rendición. Veuse agora diante da ameaza da desaparición do concello. E quizais unha cousa relevante deste municipio é que sexan mulleres as que teñan en moitos casos que liderar e ser motor da reacción contra o caciquismo. Compre lembrar o labor de Lola e de da Asociación de mulleres Espadela, pero tamén que foron mulleres como Ana Fraga ou Fátima Peón quen deron a cara polo nacionalismo encabezando as candidaturas do BNG a pesares dun previsíbel mal resultado. Son mulleres como Maite, Montse, Alba, Ana Santiso ou Rita entre outras quen están a dar resposta a abafante ameaza de extinción que se impuxo sobre este Concello.

Son moitas as imaxes, as experiencias, as persoas, as paisaxes, as loitas, as derrotas, as ilusións, as esperanzas, as decepcións, etc... que se condensan nunha soa palabra: Cerdedo. Quizais sexa un acto egoísta de querer preservar este Concello para que non se perdan todas esas sensacións que están suxeitas para min ao seu nome.

Poida parecer esta unha alegación íntima e persoal mais seguramente sexa moito máis compartida e colectiva do que eu penso, e ao fin, esta reflexión que eu chamei prepolítica ten tamén a súa dimensión pública e social. Mais iso xa é labor da Plataforma contra a Fusión de Cerdedo e Cotobade. E quizais haxa quen pense que se ben isto non é cousa persoal, como moito é un problema local, mais tamén pode que se sintan retratados na radiografía dos seus propios concellos, que se decaten de que o problema non é que queiran fundir dous concellos, a cuestión de fondo é que están a fundir a unha nación enteira, Galiza, e se respondéramos como tal nación, tal como o están a facer neste momento os veciños de Cerdedo, quizais a apocalipse que magnificamente retratou o poeta cerdedense no seu libro “Holocausto zacoe” non só non teña lugar senón que poidamos construír entre todos un porvir mellor, vencendo o fatalismo e o derrotismo.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.