Centenario do ferrocarril Betanzos-Ferrol: uns fastos funestos
Organizado pola Sociedade Cultural Medulio, ADEGA e a Plataforma en Defensa dos Camiños de Ferro, o pasado 13 de abril levouse a cabo un acto reivindicativo contra os recortes nos servizos ferroviarios na liña a Ferrol. Nesta ocasión, o acto contou tamén cun interesante complemento cultural e paisaxístico. A tarde dese día luminoso, un dos primeiros nos que reapareceu o sol na chuviosa primavera que levamos, case cen persoas fixeron o traxecto en tren de Ferrol a Pontedeume, secundando a convocatoria. Desde a Estación da vila emprendemos a subida ao monte Breamo, a uns 300 metros sobre o nivel do mar, para visitar a fermosa ermida románica que existe no cumio deste mítico monte, considerado un dos mellores miradoiros do golfo ártabro. Elixiuse unha ruta relativamente doada, alternando tramos curtos de forte pendente con outros prolongados máis chans, e procurando as mellores panorámicas do esteiro do Eume, o val inferior do Eume, a ría de Ares e Betanzos. Desde a rúa de Porto de Arriba, que conserva a súa feitura tradicional, o percurso desenvolveuse por camiños antigos de carro, aínda ben conservados, non arrasados, como pasou na maior parte de Galiza, pola febre das pistas forestais. Houbo ocasión de pasar ao lado da Fonte do Conde, que subministraba auga ao pazo de Andrade (séc. XIV), hoxe derruído. Os topónimos son suxestivos da riqueza forestal deste monte (as Fragas) e das impresionantes vistas (a Visura) sobre Cabanas, Redes, Ares. A partir do tramo medio do Breamo pódese albiscar a parte alta da cidade de Ferrol e da Coruña coa súa emblemática torre.
Na andaina participaron persoas de diferentes idades. Os máis cativos, portáronse como auténticos campións e fixeron de locomotora sobre todo nos tramos de maior dificultade. Tamén foi admirábel o esforzo de moitas persoas maiores que, malia a intensidade da subida e a calor, conseguiron chegar arriba, logo de formar varios “vagóns”, acomodándose cadaquén ao seu ritmo. Unha vez no alto, a sensación xeneralizada foi de xúbilo. Ademais das panorámicas que se poden entrever por medio de tanto eucalipto, paga a pena reparar, por fóra e por dentro, na ermida de San Miguel de Breamo. Alí, Marta, unha especialista no tema, deunos explicacións arquitectónicas detalladas sobre unha ben conservada e contundente mostra do románico, que reflicte unha etapa de esplendor do Reino de Galiza, e que, por desgraza, só se pode ollar por dentro os días da romaría (curiosamente en dous momentos senlleiros do ano: 8 de maio e 29 de setembro), nalgún culto esporádico ou nalgunha cerimonia nupcial.
Unha vez repostos física e animicamente, o descenso a Pontedeume fíxose polo camiño máis curto, saíndo ás Pedridas, Vista Alegre e, a partir de aí, formando grupos. O máis numeroso optou por seguir a estrada e chegar ao centro histórico desde o Souto da Vila. Un máis pequeno grupo de intrépidos, con algúns pícaros e maiores de setenta, non resistiu a tentación de coñecer a baixada polas chamadas Escaleiras do Monumento desde Vista Alegre. Aínda que non sen algún que outro susto e contratempo, debido aos estragos das arroiadas, conseguimos completar a baixada, séndomos compensados cunha xenuína e ordenada panorámica dos elementos máis senlleiros do centro histórico da vila: a igrexa parroquial de Santiago dominando por riba dos tellados das casas, o Torreón defensivo, prolongación do Pazo medieval (declarado monumento nacional nos anos vinte e derruído pouco despois para construír a estrada a Centroña), a ponte de pedra sobre a ría e, máis ao fondo, a do ferrocarril, ben integrada na paisaxe desde hai anos.
Logo dun pouco de parola, comentando sobre todo as incidencias do percurso, e algo de “terraceo” nas fermosas prazas da vila, ao tren, de novo!
Non é a primeira vez –seguramente tampouco será a última- que realizamos actos reivindicativos deste tipo para denunciarmos a progresiva marxinación de Ferrol e comarca no que respecta a servizos ferroviarios: viaxes-manifestación de Ferrol á Coruña, de Ferrol a Betanzos e tamén na liña de FEVE de Ferrol a San Sadurniño. Mesmo estes días, RENFE acaba de anunciar reducións drásticas para os vindeiros meses, suprimindo paradas e recortando nos sesenta servizos semanais até deixalos en pouco máis de vinte, sendo das liñas máis castigadas de toda Galiza. Como noutras ocasións, adúcense razóns de rendibilidade e óbviase a idea de que o ferrocarril é un transporte público básico e moderno, sempre chamado a cumprir un importante papel vertebrador da sociedade. Mais parece que o asunto non vai co Goberno da Xunta, que nunca se preocupou de esixir os investimentos necesarios na infraestrutura nin de pedir melloras no material rodante e no número de frecuencias dos servizos e a súa adecuación ás necesidades dos usuarios.
Chama a atención que, nestes tempos de tantos problemas para as clases traballadoras, ningunha forza política, agás o BNG que o leva facendo con contundencia desde hai décadas, denunciase o abandono e liquidación dos servizos ferroviarios entre Ferrol e a Coruña e viceversa. Non se pensa na comunicación destas dúas cidades, nas súas áreas de influencia e nas localidades intermedias, que, en conxunto superan os 500.000 habitantes. Ninguén máis se alarma do illamento a que se condena a cidade de Ferrol, xa de vello castigada. Non preocupan os traballadores e os estudantes que necesitan ir a diario aos centros de traballo ou de ensino da Coruña ou de Ferrol. O Goberno do Estado e a Xunta de Galiza confían o futuro ao transporte por estrada, aínda que estean saturadas, sexa máis contaminante, suban constantemente as peaxes de autoestrada,…
Curiosamente, nestes últimos anos, téñense gastado partidas orzamentarias inxentes noutras obras de dubidosa utilidade pública, téñense investido grandes cantidades no AVE e, pola contra, non se destinou un patacón a atender as demandas de modernización deste traxecto, incluída a execución dunha infraestrutura básica, como é o by-pass en Betanzos, que acurtaría o tempo do percorrido entre Ferrol e a Coruña.
Con este panorama que acabamos de esbozar, semella unha burla a organización dos actos de conmemoración do centenario da inauguración da liña de ferrocarril Betanzos-Ferrol do pasado domingo, 5 de maio. A efemérides, auspiciada polo Comité Organizador do Centenario, presidido polo Alcalde de Ferrol, ía contar coa presenza da ministra de Fomento, do presidente da Xunta e do presidente de RENFE. Pagando estes fastos con diñeiro do erario público, viñan conmemorar a liquidación do ferrocarril, non a anunciar a modernización nas infraestruturas e nos servizos. Non podemos máis que cualificar como maratón de despropósitos a viaxe en tren histórico destas autoridades e a colocación de placas conmemorativas en cinco estacións desde Ferrol a Betanzos. A Plataforma en Defensa dos Camiños de ferro convocou concentración e manifestación á mesma hora e respondeu debidamente á aldraxe destes actos oficiais. Tanto é así, que a ministra e o presidente da Xunta preferiron estar noutras ocupacións… Os organizadores dos fastos non tiveron tampouco o máis mínimo pudor á hora de organizaren exposicións nos días previos con material ferroviario de museo, algún traído de Madrid, gabándose de involucrar os dez Concellos do percorrido da liña que, unha vez máis, tampouco se significaron por recordar a débeda histórica co ferrocarril da comarca.
Ben puido aproveitar ocasión tan especial a Ministra de Fomento de España para anunciar que pretende eliminar máis de 80 frecuencias en trens; cerrar trinta estacións; deixar outras vinte con apenas unha parada por día; desmantelar, na práctica, as liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo-Monforte, Vigo-Ourense, Vigo-Ourense-Ponferrada e Ourense-Pobra de Seabra; e reducir sensibelmente o servizo no resto.
Ironías á parte, este episodio na historia do ferrocarril galego –que daría para estendérmonos moito- demostra a desconsideración con que se nos toma por parte dos gobernos do Estado, e a necesidade duns deseños soberanos en función dos intereses propios. Seguramente moito se esperaba hai cen anos da chegada do ferrocarril a Ferrol, unha infraestrutura necesaria para o desenvolvemento do norte de Galiza. Igual que as demais liñas construídas chegaba tarde, mal e arrastro, como se di vulgarmente. Non está de máis lembrarmos o inicio dos camiños de ferro no noso país: a primeira liña, Compostela-Carril, financiada con capital inglés no século XIX para sacar por mar a materia prima, neste caso carne de vacún. Galiza non ficaría incorporada á rede ferroviaria española até fins do XIX, cando Curros cantou a chegada da locomotora a Ourense, que traería o progreso e acabaría co fanatismo relixioso. Unha vez máis convén advertir de algo que aínda segue vixente: a construción do ferrocarril e todo o seu deseño non tiña en conta as nosas necesidades de comunicación internas, senón que perseguía máis ben a incorporación ao mercado interior español. A comunicación entre as dúas cidades máis importantes do país, a Coruña e Vigo non se completaría até os anos corenta do século XX. O nacionalismo galego das primeiras décadas do século tivo isto moi claro. As reivindicacións das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista, levadas ao parlamento por Castelao, son ben ilustrativas: instaban a rematar o tramo Zamora-A Coruña, a construír o ferrocarril central de Pontevedra a Ribadeo, a conexión con Portugal e o ferrocarril da costa.
Por poñer só un exemplo máis, para rematar, un dos primeiros cargos institucionais con que contou o nacionalismo galego, o concelleiro na corporación da Coruña en 1920, Lois Peña Novo, poñía constantemente o dedo na chaga desta débeda histórica do Estado para con nós. Sen dúbida formaba parte dos sectores do nacionalismo que consideraban a importancia desta infraestrutura para o noso dinamismo económico. Dous anos antes, analizando o problema agrario de Betanzos e comarca, lamentaba a escaseza do que el chamaba “ferrocarrís-vías industriais” galegos: só 624 quilómetros. Mentres o resto de Estado tiña 3 km de ferrocarril por cada 100 km cadrados, Cataluña tiña 6, Francia 12, Alemaña 15 e Bélxica 31, Galiza tiña tan só 2, non habendo nin un só quilómetro en construción nin previsto construír por esas datas. Que distancia tan abismal separaba xa a nosa terra dunha Bélxica que, coa mesma extensión, contaba xa con 8.900 km de ferrocarril! Curiosamente, alude ao último tramo en ser construído, o de Betanzos a Ferrol, a razón de dous quilómetros por ano!, toda unha apoteose de celeridade da Administración centralista.