Censura na Internet

PSOE, PP e CiU impoñen no Senado a Lei Sinde, ao tempo que Mubarak bloquea o acceso a Internet en Exipto. A liberdade de expresión na rede periga.
A liberdade de expresión é un dos dereitos fundamentais do ser humano menos respectados polos estados nas situacións bélicas e de conflito. Acabamos de comprobalo de novo a raíz das actuais revoltas populares en Exipto, onde o tráfico da rede Internet, tanto de entrada coma de saída, estivo completamente bloqueado por orde gobernamental durante cinco días, do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro. O bloqueo foi levado a cabo directamente polos provedores exipcios de acceso á rede seguindo as instrucións das autoridades. De modo simultáneo, as operadoras exipcias de telefonía móbil recibían a orde de suspender todos os seus servizos nas zonas nas que se agardaban as protestas populares.
A estratexia de Hosni Mubarak constitúe unha tentativa desesperada de impedir a difusión informativa das revoltas e, ao mesmo tempo, de dificultar as comunicacións entre os organizadores e participantes nas manifestacións masivas contra o réxime que se están a producir desde o pasado martes 25 de xaneiro. Aínda que non é posíbel determinar con seguridade a influencia que o bloqueo gobernamental da Internet puido ter no desenvolvemento das protestas, a decisión mesma de forzar a súa aplicación por parte do goberno exipcio demostra o importante papel que acadou a rede na organización e difusión de actuacións políticas populares.
Nun país como Exipto, cunha taxa de alfabetización do 71% e cun índice de penetración de Internet do 21%, é difícil crer que as redes sociais como Twitter ou Facebook puidesen ser decisivas para vertebrar as revoltas. E moito máis probábel que a maioría dos participantes nelas acudisen guiados polos ruxerruxes locais. Con todo, o goberno de Mubarak considerou que unha parte desa minoría exipcia con acceso á Internet e descontenta co sistema (activistas dos sectores do xornalismo, da cultura, da política e das artes) podía chegar a ter unha influencia decisiva para o desenvolvemento das accións de protesta se tiña acceso ás facilidades de comunicación proporcionadas pola rede. Tras os acontecementos do 25 de xaneiro, nos que se produciron catro mortos, a decisión do bloqueo tomada por Mubarak foi practicamente inmediata.
A censura na Internet consiste en limitar total ou parcialmente a posibilidade de publicar información na rede ou de acceder a ela. A censura na Internet atenta contra dereitos humanos fundamentais, como a liberdade de expresión e a liberdade de acceso á información. O bloqueo da rede efectuado en Exipto representa unha das formas máis extremas de censura, aínda que non é a única forma de censura rexeitábel. No Estado español, a lexislación que permitirá a censura na Internet, coñecida como Lei Sinde, superou o pasado 1 de febreiro o seu primeiro trámite parlamentario no Senado, grazas ao apoio de PSOE, PP e CiU. O texto aprobado agora, coincidindo no tempo co bloqueo da Internet en Exipto, supón unha lixeira maquillaxe con respecto á versión rexeitada en decembro de 2010 na Comisión de Economía do Congreso. Se os tres partidos que a promoven non cambian de postura, a Lei Sinde, elaborada coa pretensión de limitar os dereitos dos cibernautas a compartir ficheiros, será aprobada proximamente no Congreso dos Deputados. Esta nova lei española, ditada polo lobby da industria cinematográfica estadounidense e aplaudida pola SGAE, non terá unhas consecuencias reais no uso da rede, xa que as descargas de contidos culturais e lúdicos van seguir existindo dun ou doutro xeito. Porén, a súa aprobación abre unha vía argumentativa moi perigosa para a incorporación de mecanismos de censura en Internet na lexislación española e supón un atentado flagrante contra os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información constitucionalmente estabelecidos. Con toda certeza, a liberdade de expresión en Internet non só está ameazada en Exipto.