Celebración da batalla
"Quérennos emborrachar. Casan Marta e Marcial". Vemos ao longo do noso país pancartas penduradas até nas estradas referíndose ás vodas. Nos meus tempos de novo facíase isto cando un se licenciaba e referíndose ao colectivo de mozos que remataba o servizo militar, é dicir, a unha determinada quinta. Hoxe, salvada esa pedra, parece que lle toca ás vodas. Esta que describo ten o humor e enxeño característicos de Viveiro, ese fermoso barco de casas brancas que se reflicten na ría do Landro. A xente de Viveiro distínguese por iso, polo humor, pola graza, pola comunicación. Así son dous grandes amigos meus, Paco e Xulia, para máis datos, de Covas. En realidade Paco é de Celeiro, pero ao casar en Covas, pois alí fixo o seu fogar coa Xulia.
A nosa amizade comezou en Lugo polos anos de 1973 ou 74, a través dun programa de radio que eu dirixía, Galiza Sempre, e no que eles comezaron a participar. Logo viñeron os viños por San Roque, polo Chantada, e aquelas racións de xamón cocido acompañados do rico viño de Chantada que nos poñían locuaces, alegres e optimistas. Así naceu a conciencia nacionalista nun grupo de mozos e mozas que abriron a organización política e crearon, por dicir así, a base do que hoxe representa esta idea na provincia de Lugo. Eles, loxicamente, na zona da Mariña.
Paco Luís cumpriu o outro día 60 anos, ben levados e con ese humor e filosofía colectiva da que antes falaba. Celebrámolo con moita xente máis na súa casa de agora, que era a casa dos pais de Xulia, Antón e Xulia tamén, e da tía desta, Consuelo. Estivemos a ouvir as cancións que aos noventa anos cantaba Consuelo e a graza que tiña, cancións populares, cuplés, romances: Se ti queres e eu quero/ nena da cara redonda./ Se ti queres e eu quero/ unha cama nos abonda/. Ou, entre risos dela: Meniña, si vas al baile/ llevarás la falda maja/ que la lengua de los hombres/ corta como una navaja/. Nos últimos anos da súa vida perdeu unha miga a cabeciña e era divertidísima e graciosa e eles coidárona até a morte. Antón contaba historias de mariñeiros, dos barcos nos que el andou, como aquela do compañeiro afogado que ao cabo duns días atopou o sobriño cando levantaba a rede, entre os peixes. E de Xulia nai, a muller máis comunicativa e servizal que coñecín. Aínda hoxe, despois de tantos anos da súa morte, o seu nicho aparece arreo cuberto polas flores dos veciños e veciñas de Covas.
Lembramos tamén aqueles anos 70 e os apuros dos primeiros repartos de propaganda clandestina, as detencións e mesmo torturas, as reunións no meu piso que foi baluarte primeiro da rebeldía, as actividades culturais no Círculo das Artes con conferencias e mesas redondas nas que se xuntaban máis de 500 persoas (Central nuclear de Xove, Cota da S.S. Agraria, Tren de Laminado...) que desembocou nesa magna obra cultural e política que se desenvolveu na Mariña, en Viveiro, tamén institucional (el foi durante moitos anos concelleiro polo BNG, chegando a gobernar co PSOE) e que se multiplicou noutros compañeiros e compañeiras que a enriqueceron e con quen celebramos tamén o aniversario: María, César, Mitas, Ignacio, Gloria, Belén, Pacolo, Cedrón...
Porque somos vellos xa así podemos falar. Porque fomos fieis a unha idea e a levamos a unha chea de recunchos patrios, coa xente sempre e coa coherencia que nos caracterizou. Vin ese froito alí tamén, o outro día, nese prado de froiteiras e merlos que baixo a casa teñen, no amor e na variedade mesmo ideolóxica das persoas alí presentes; e tamén coa consciencia dos fallos que sempre hai e que nos axudan a corrixir o equivocado se temos a educación da dialéctica e da autocrítica, tan mal levadas hoxe polo xeral. Fillos deses pais e nais populares e activos, solidarios e comunicativos, sempre mesturados coa xente, había a praxe de Paco, Xulia e @s que nomeei, e moit@s tamén que alí non podían estar, había a praxe, digo, florecer tamén para o futuro se este non é derramado, porque o maxisterio destes anos, os ensinos das organizacións en colectivo, foron fundamentais para procuralo.
Quede aquí constancia pública desta celebración, desta homenaxe, deste amor, porque sen amor non é posíbel cambio algún, sen a humanidade que é o tesouro máis rico que calquera persoa poda ter, tampouco, pois daí parten as iniciativas, as alternativas, as ideas luminosas, as armas coas que resistir en tempos de caos e desnaturalización. Así que, amigos, amigas, lectores e lectoras, que esta copa erguida con viño da Ribeira Sacra vaia por eles e elas e polos milleiros de compañeiros e compañeiras que, coma os nosos amigos e amigas chegan á lúcida madurez da vida coas páxinas escritas deste longo e rico camiñar.