Caza, para quen?
A situación da caza no noso país.
Actualmente o número de persoas cazadoras superan as 54.000 (a metade das que había a principios dos anos noventa), vivindo máis do 70% no rural e xerando un volume de negocio de 100 millóns de euros ao ano. No ano 2010 cazáronse uns 11.000 xabarins e 7.000 corzos, o que supón cinco veces máis do que se capturaba a finais do século XX.
A modificación da xestión cinexética no noso país coa entrada en vigor da actual lei de caza do ano 1997, fixo que pasáramos de ter 800 coutos de caza no ano 1999 aos 405 TECORES (Terreos cinexeticamente ordenados) da actualidade que ocupan 4/5 partes do noso territorio. O aproveitamento cinexético fundaméntase na cesión deste por parte do titular das terras, polo que debe existir un forte consenso entre as persoas que realizan a xestión cinexética (sociedades titulares de TECORES principalmente) e as persoas propietarias e titulares.
Hoxe en día, a actividade cinexética ten que resolver algúns conflitos importantes que enfrontan a distintos grupos da sociedade (persoas cazadores, labregas, gandeiras, condutoras, usuarias do territorio). Entre eles, temos que salientar os danos das especies cinexéticas nos cultivos (estimándose en 25 millóns de euros a cantidade de perdas anuais producidas aos gandeiros galegos) e na rede viaria (con máis de 2.500 accidentes de tráfico en todo o país).
Os cambios propostos no anteproxecto da nova lei.
Temos que esixirlle á administración que exerza con responsabilidade a súa función de regulación e control da actividade cinexética e non só con criterios clientelares. Esa responsabilidade, pasa por introducir medidas preventivas e correctoras modernas e duradeiras; todo o contrario do recollido no anteproxecto da lei de caza presentada a principos deste ano.
A redacción deste novo anteproxecto de lei comezou con polémica, ao externalizarse os servizos da súa redacción a unha empresa por 48.300 €; e presenta defectos na forma e no fondo. En canto á forma indicar que a tramitación fíxose só co peso dunha parte dos grupos de interese -e en concreto cunha parte das persoas cazadoras- esquecendo a administración que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte o mesmo territorio que outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros que se poidan dar no mesmo tempo e lugar.
En canto ao contido, a maioría dos artigos do novo anteproxecto son similares á actual lei de caza de 1997 e non existe unha clara xustificación da necesidade dunha nova lei, tendo en conta que esta foi modificada parcialmente no ano 2006.
Un dos elementos que máis repercusión social tivo o documento presentado é o feito de establecer a idade mínima para poder cazar en 14 anos. Desde logo, non é a única rebaixa introducida e indica o camiño que este goberno quere seguir na regulación cinexética. Outras modificacións significativas, corresponden a rebaixas das obrigas das persoas cazadoras (na seguridade propia e ante terceiras persoas, nas súas responsabilidades e no seu control), das sociedades que xestionan a actividade cinexética (na responsabilidades dos danos, na cesión dos dereitos cinexéticos, na sinalización, na obriga de ter vixilancia) e da administración (na súa intervención, no fomento, na sinalización, no seguimento e control da caza); aumentando pola contra de forma incomprensible a discrecionalidade nas medidas que poden poñerse en marcha a prol da caza (competicións fóra do período hábil, caza en zonas de seguridade e refuxios de fauna).
Existe unha usurpación dos dereitos de propiedade, xa que a cesión do aproveitamento establécese nun mínimo de dez anos; chegando a falar de prórrogas indefinidas da cesión do aproveitamento cinexético. Ademais a persoa propietaria ou titular que non queira ceder o aproveitamento cinexético, ten que soportar o custe de sinalización da súa propiedade.
Non hai referencia a unha prevención proactiva dos danos que as especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes). Hoxe en día esta é unha das principais facetas que ten que resolver a xestión cinexética, e na redacción actual desta nova proposta está limitada ao chamado fondo de corresponsabilidade (que estará dotado cos ingresos das taxas procedentes da actividade cinexética), que é a todas luces insuficiente para pagar os danos e solucionar o problema.
Non introduce aspectos novidosos na planificación e xestión cinexética e repite o mesmo esquema de ordenación para a actividade da caza que o existente na lei actual, a pesar de existir novos elementos transcendentes que obrigan a realizar unha xestión activa do territorio e da caza para dar solución aos principais problemas existentes citados con anterioridade.
Por último e como gota que colma o vaso, elimina a participación e o control da sociedade (como xa fixo con outros plans) na regulación da actividade cinexética, indo en contra das regulacións europeas, estatais e da transparencia na xestión dos recursos naturais. Neste sentido a nova norma elimina do Comité Galego de Caza e dos Comités Provinciais de Caza aos grupos ecoloxistas, aos representantes das persoas propietarias, ás universidades e ás persoas investigadores (presentes na actual lei de caza); deixando tan só á administración e a representantes das persoas cazadoras.
A necesidade de facer unha xestión cinexética adaptada á realidade.
Afrontar unha xestión cinexética no noso país, moderna e adaptada á realidade, supón introducir medidas de fondo que permitan facer unha prevención activa (que é aquela que se adianta as situacións, adaptándose a cada punto concreto do territorio). Trátase de convertir un problema, nunha oportunidade para o rural. Porén, este reto implica primeiro ser coñecedores da situación, segundo buscar solucións duradeiras e terceiro comezar a aplicar medidas encamiñadas a transformar o problema en oportunidade. A caza é, sen lugar a dúbidas, un recurso natural renovable que pode e debe dar riqueza ao noso rural; mais do seu bo uso depende que os tiros apunten na boa dirección.
Esta nova proposta normativa, supón un novo retroceso no desenvolvemento rural e unha oportunidade perdida para avanzar nunha xestión cinexética sostible que dea solución aos graves problemas que esta actividade presenta na actualidade.
Todas as partes (administración, cazadores e sociedade en xeral) deben poñer da súa parte para vertebrar un recurso importante para o rural, pero que non pode opoñerse ou ameazar outros usos e intereses do territorio (gandería, agricultura, sendeirismo, condutores. . .) nin, como pretende o PP, deixar fóra a partes interesadas na xestión do territorio.
En definitiva, o texto do anteproxecto presentado parece máis un encargo das persoas cazadoras, que un proxecto de lei impulsado por un goberno que mira pola interese de toda a sociedade. Neste sentido é preciso denunciar á rebaixa nas obrigas das persoas cazadoras e da administración en detrimento do resto da sociedade que é a gran prexudicada.
A actividade cinexética pode representar un recurso sostible de interese para o medio rural, mais o xiro que o goberno do PP quere darlle con esta nova regulación encamiña á sociedade a un conflito constante.