Catro patas ten un gato


“Catro patas ten un gato, unha, dúas, tres, catro”. Así cantaruxan as crianzas para botaren as sortes, isto é, escoller totalmente ao chou, sen criterio de selección de ningún tipo. Dá igual que a opción que corresponda sexa a peor de todas: toque o que tocar, hai que achantar e non hai máis que falar.

Se cadra, este é un método de escolla moi axeitado para os xogos infantís, mais teño serias dúbidas a respeito de se resulta igual de atinado para determinar quen vai tomar desde as institucións as decisións que afectan directamente a vida da cidadanía. No entanto, o tufo da dedocracia xa leva algún tempo insinuándose subrepticiamente na vida política nas máis altas esferas sen nos decatarmos e, sobre todo, sen nos escandalizarmos.

Así, por exemplo, pasou case desapercibido o golpe de estado de luva branca que se deu na Italia e hai quen, mesmo desde a esquerda, aplaudiu coas orellas o nomeamento a dedo de Mario Monti após a dimisión de Berlusconi. Que Berlusconi sexa un bufón, un corrupto, un déspota e todo o que se queira non é a cuestión: o problema radica en que se infrinxiu as normas básicas da elección democrática. Tamén fica claro que o dedo que apunta e nomea non pertence a unha man tan inocente como a das crianzas que recitan a cantinela do gato: máis ben pertencen ao brazo longo dos intereses do grande capital, dos oligopolios e das transnacionais, de xeito que non debería sorprender ninguén que Mario Monti fose director europeo da moi neoliberal Comisión Trilateral, membro da directiva do selectísimo Grupo Bilderberg, asesor internacional de The Coca-Cola Company e Goldman Sachs durante o período en que axudou a tapar o déficit do goberno grego e membro do consello asesor de Moody’s. En fin, todo un palmarés de neutralidade ideolóxica: tanto Monti, Monti tanto...

Escusado será dicer, o procedemento é tamén o mesmo en calquer sistema monárquico, incluído o español. Seica o príncipe herdeiro é alto, guapo e moi preparado. Haberá quen máis e haberá quen menos, mais aínda que fose baixiño, feo e parvo tamén lle tocaría, como lles tocou reinar no seu día a María I de Portugal, alcumada ‘a Louca’, a Xoana I de Castela (tamén ‘louca’...) e a Carlos II de España, ‘o Enfeitizado’, ningún/ha del@s capacitad@s para reinar. É que a endogamia e a consanguinidade non son nada boas para o fundo xenético...

De paso, nunca vén mal facer un pouco de memoria histórica, así que non debemos esquecer que, mentres o nacionalismo galego sempre se opuxo á ‘transición’ española e a pasar unha esponxa sobre os crimes da ditadura e quen os perpetuaron, unha parte destacada das organizacións españolas que hoxe van de ‘rupturistas’ radicais tratáronnos de terroristas mentres non dubidaron en pactar a actual constitución cos franquistas do réxime –entre eles Manuel Fraga Iribarne– creando así o estado monárquico actual en nome da ‘reconciliación nacional’, que non contaba precisamente coa aprobación das nacións do Estado.

Como a sucesión está de moda nos palacios de Madrid, os secuaces das cortes menores do PP‘deG’ (que de ‘ga’ nada) non van ser menos e pretenden entronizar un novo alcalde (terceiro da lexislatura) na capital da Galiza sen que pase polas urnas. O certo é que os seus predecesores deixaron o listón moi alto, sumando entre os dous unha condena por fraude fiscal e unha imputación por un presunto delito de tráfico de influencias. O coitadiño fai o que pode, tras ser imputado por falsidade documental, mais a cuestión non é se Hernández Fernández de Rojas o fai mellor ou peor, senón que se está a burlar as regras máis elementais da democracia. Disque “a soberanía reside no pobo”, segundo reza esta súa constitución. Disque tamén vivimos en democracia. Disque...

Non hai que confundirse: a democracia burguesa en nada substitúe a verdadeira democracia exercida polas clases populares, do mesmo xeito que os dereitos laborais conseguidos tras anos de dura loita sindical non son sinónimo de revolución. Mais tamén sinto ter que dicelo: moito me temo que nos achamos aínda moi lonxe da revolución. Portanto, entrementres, algo haberá que ir facendo para mellorar o que hai, a non ser que prefiramos vivir nunha ditadura.

Tod@s sabemos que os dados están trucados polos partidos españois reinantes (léase o P/PSOE) para que o sistema se manteña intacto e se autoperpetúe, desde a lei de D’Hondt que distorsiona as preferencias, até a aplicación de circunscrición única para todo o Estado nas europeas para debilitar as forzas nacionalistas ao colocar o debate nun terreo ‘español’ e así evitar ter que mencionar os problemas da Galiza. Porén, por moi frustrantes que poidan ser os resultados, nos que o voto responde a factores que non sempre son fáceis de analisar nesta nosa sociedade complexa e ultramediatizada, e mesmo recoñecendo que se realmente puideren servir para derrocar o sistema abofé que non nos deixarían votar, as contendas eleitorais non deixan de constituír unha ferramenta de grande utilidade para ir mudando o sistema desde dentro.

Non hai por que renegar do traballo institucional e, en combinación permanente coa propaganda e axitación na sociedade e o traballo de base, actuar desde dentro do sistema para mudalo non implica colaborar con el, nin estar dentro del. A democracia burguesa é mellorábel e pódese facer decantar máis polos intereses da maioría social no canto de velar polos das oligarquías financeiras e os lobbies económicos. Hai que seguir loitando para que o pobo exerza un control democrático efectivo permanente mediante consultas populares en vez de votar cada catro anos mentres temos que aguantar como desde o goberno mexan por nós e se incumpre e contravén sistematicamente calquer programa ou promesa electoral que se teña realizado.

A celebración de referendos é unha das posibilidades que existen para o exercicio permanente da democracia, e agora que a esquerda española leva faixas proclamando o dereito a decidir das mulleres e se dedica a axitar a bandeira do referendo sobre a monarquía como única vía lexítima para coñecer a vontade soberana do pobo, espero que entendan estes dereitos non só como individuais, mais tamén como colectivos e, ao recoñeceren a pluralidade do Estado, fagan extensíbeis estas reivindicacións aos pobos que o conforman, no canto da quimérica entelequia do inexistente pobo ‘español’.

Do mesmo xeito que, desde a solidariedade internacionalista que sempre caracterizou o nacionalismo galego, apoio o dereito de o pobo saharauí poder expresarse e decidir libremente sobre o seu futuro, como tamén apoio un referendo para que o pobo español (no sentido proprio do termo) poida decidir sobre o réxime que queira que o goberne. Mais tamén desde os principios de reciprocidade e respeito mutuo que definen a solidariedade internacional de esquerdas, o pobo español e as organizacións que o representan politicamente non poden deixar de apoiar o dereito das nacións do Estado a decidiren libremente o seu futuro nun referendo similar.

Xa é hora de emprendermos a auténtica renovación democrática que ficou abortada co pacto da falida transición española. Mais, para ser verdadeiramente democrático, este novo proceso constituínte ten que recoñecer o dereito nas nacións do Estado a decidiren libremente do seu destino, pois, do contrario, non sería nada diferente do réxime actual, á súa vez herdeiro do réxime que o precedeu.