Catalunya ens roba


Un recente informe do Foro Económico de Galicia infórmanos de que a independencia de Catalunya suporía unha redución de fondos públicos en Galiza de entre 820 e 1.110 millóns de euros.

A mensaxe saltou de contado á maioría de medios de comunicación, ocupando grandes espazos. E é que estas mensaxes dos “expertos” que inciden na visión dun país dependente e incapaz, que vive a conta do estado salvador que nos protexe e alimenta son moi ben vindas para os defensores do status quo. E se aínda por riba isto se consegue atacando outra nación como é Catalunya, mellor que mellor. Ademais, co actual debate aberto polo proceso catalán a oportunidade de emitir esa mensaxes é máxima. E por desgraza a difusión de ideas tales atopa en Galiza terreo abonado, acadadando un outro obxectivo como é desprestixiar os argumentos do nacionalismo.

Punto e final. Fóra dos titulares que forneceu o informe pouco máis percorrido terá. O seu cometido está xa acadado. Nada hai tampouco nel que poida ser aproveitado alén da ensinanza de que galegos e galegas debemos opornos con forza á independencia de Catalunya. Ou ben si, quizais baixando un pouco ao seu contido poderiamos aínda atopar algunha que outra alfaia. Por exemplo que Galiza ten un saldo fiscal positivo, calculado como un 5 ou 6% do Produto Interior Bruto, o cal implicaría que temos que estar caladiños, non vaia ser que a Comunidad de Madrid –moi maltratada- nolo reclame. Ou que, alén de que “o sistema territorial español mostra uns resultados globalmente razonables” en opinión das persoas vencelladas ao PSOE autoras do informe, podería mellorarse a medio dun “acordo territorial estable (...) con regras iguais para todos, e na que, xa que logo, País Vasco, Navarra e Canarias asumen progresivamente os resultados do modelo común”. Isto é, acabar cos privilexios das outras nacións do Estado para maior gloria do modelo de dezasete autonomías, todas iguais xestionando a súa simple descentralización administrativa.

O estudo infórmanos tamén de que o Estado vería reducidos os seus fondos entre 11.000 e 15.000 millóns de euros de Catalunya se independizar. Malia isto, o que se quixo transmitir polo medios de comunicación só foi a afectación que lle suporía a Galiza, mantendo nun segundo termo (no mellor dos casos) a suposta incidencia respecto ao Estado. Claro que titular que España perdería 15.000 millóns de euros a nivel fiscal pola independencia de Catalunya suporía recoñecer abertamente que o titular deste artigo non é certo e si aqueloutro lema que inclúe Espanya no seu lugar.

Polo tanto esa ideoloxía reaccionaria non debe ser aceptada acriticamente. O informe limítase tan só a certos aspectos fiscais que teñen que ver co modelo territorial do Estado, e mesmo así con evidentes pexas. E o propio enfoque está xa distorsionado ao dar por bo o sistema de finanzamento autonómico actual con mínimos retoques cosméticos. Dende unha concepción galega desacomplexada os plantexamentos deberan ser outros. Deberiamos coñecer cales son as consecuencias dun outro modelo territorial no Estado, a nivel fiscal e máis alá, en todas as ordes da economía. Ou mellor aínda, queremos saber cales serían os beneficios económicos de todo tipo consecuentes á independencia de Galiza, máis ca culpabilizar outras nacións do que nos pase.

É obvio que na actualidade non se pode agardar que dende instancias como o citado foro ou as universidades se reflexione e se acheguen dados de cales son os mecanismos que relegan economicamente Galiza e a subordinan a través do Estado Español a unha Unión Europea antisocial e aniquiladora da nosa nación. Non interesa tirar á venda dos ollos do noso pobo e que fique en evidencia que somos un país rico empobrecido pola nosa falla de soberanía. Ben máis rigortosos e útiles para o noso país son por exemplo os estudos de Xosé Díaz sobre os fluxos fiscais de Galiza e do Estado. Algún deles está ao dispor neste mesmo dixital. Fan falla máis investigacións económicas de todo tipo e difundilas como se merece. Ese é o camiño.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.