Cataluña como pretexto para a intolerancia española

Cataluña como pretexto para a intolerancia española

Coido non andar moi desencamiñado, se digo que o estado español está inmerso na peor crise política desde os inicios do actual réxime nacido na transición da ditadura. Xa van alá corenta anos que unhas cortes (ab initio non constituíntes) iniciaron, acollendo o desexo real, a elaboración dunha constitución. O lastre da ditadura que se incorporou ao articulado e, de xeito evidente, ao título VIII foi tan pesado que, despois de catro décadas, segue a actuar negativamente. Por certo, os nacionalistas galegos e vascos non votamos a tal constitución e lembro agora, cando, naquel 1978, un colega do Instituto Valle Inclán de Pontevedra, vello falanxista, me comentou que a súa filla, tras votar, lle dixo: “Papá votei o mesmo ca ti por razóns diametralmente opostas”. Naquela altura coñecín moi ben “carasoles”, como lles chamou Salvador de Madariaga na seu Sanco Panco, mais iso pertence a outro relato diferente do que hoxe me ocupa.

Dediquei a Cataluña, neste xornal, os artigos dos dous últimos meses, amais dos que fixen hai anos, como o de outubro de 2014, onde citei a frase, para min crucial, de Mariano Raxoi respondendo ás peticións catalás de referendo pactado: “no puedo y sobre todo no quiero”. Non hai que esforzar moito a cabeza para se decatar de quen é o verdadeiro (i)-responsable de que as cousas tivesen chegado a esta situación. Para os que pensan que os do bando contrario son menos intelixentes ca nós, trátase de torpeza “mariana”, opinión que non comparto, pois estou convencido de que toda a actuación do goberno do PP, coa axuda inestimable do PSOE (“Ciudadanos” non apoia, máis ben encirra), forma parte dun programa político latente durante corenta anos e que agora algúns xa consideran que “os tempos son chegados” para levalo á práctica. Por iso fago votos para que deixen en paz a constitución por aquilo de “Virgencita, que me quede como estoy”.

Políticos, xornalistas, comentaristas, analistas, falabaratos e, como teño escoitado de cativo no Porto do Son, “queiposdellano” fartáronse de repetir estes días que o presidente Puigdemont é un covarde e un traidor. Estrañoume non ter escoitado a ninguén chamarlle “capitán Araña”, o que me fixo pensar se xa se perdería esa lembranza hai anos tan manida. O outro slogan repetido por xentes ás que se lle presupón algo máis de formación ou menor dose de maldade está a ser en realidade dobre: os de dereitas inciden en que todos os males do mundo emanan dos nacionalismos, e os de esquerdas –ou aos que lles gusta encadrarse na banda de babor, como algo que coidan máis estético- sentencian que é imposible ser de esquerdas e nacionalista a un tempo. Os defensores dunha España preautonómica, ben ordenada en rexións, fixeron ata o de agora dúas manifestacións multitudinarias en Barcelona. Non dubido de que a rede segue pescando e de que volverán á rúa, xa que lembro que cando hai uns anos, en Madrid, perderon a virxindade, despois non querían deixar de se manifestar, e algúns dos participantes de Barcelona dicían emocionados que era a súa primeira vez e que había que recuncar. Pola idade que aparentaban os que así falaban, digo eu que terían que ter estado nas que se pedía “Llibertat, Amnistia i Estatut d’Autonomia”, mais é obvio que navegaban noutras augas que aínda lles producen señardade, pois, como dixo unha señora na contramanifestación fronte aos alcaldes en Bruxelas, “hai que defender lo único defendible: España Una”. Perdera memoria ou decidira economizar verbas.

Falou, na primeira, Vargas Llosa para repetir o que lle teño escoitado moitas veces, sobre todo desde que publicou El sueño del celta, malia saber que o Congo Belga, máis que de Bélxica, que non é precisamente unha nación periférica sen estado, era propiedade particular do rei Leopoldo II. A el dálle exactamente igual e mestura nacionalismo con nazismo, fascismo, xenofobia e colonialismo. Recoñezo a súa calidade como novelista, mais ideoloxicamente non me fai perder nin un minuto e ata me magoa que, por medio de Casement, xunguise o seu nome ao do meu admirado Joseph Conrad. Tamén arengou as masas constitucionalistas, monárquicas ou unitarias Josep Borrell, exministro de González e expresidente do Parlamento Europeo. A diferenza de Vargas, debeu de gustar moito, xa que foi moi entrevistado en días sucesivos e volveu á tribuna na segunda manifestación para cubrirse de gloria. Notábase sen esforzo que estaba gozando do baño de masas, víase como viña aceleradamente a lévedo e chegou a chamar totalitario a Oriol Junqueras e a clamar porque a xustiza fixese axiña o seu traballo. Nesa segunda manifestación tamén sacaron a Francisco Frutos para que nos dixese que o independentismo crea racismo identitario. Canta ignorancia! Menos mal que o PCE dixo textualmente: “Non nos representa. Reprobamos a súa actitude”.

Escoitou a xustiza a Borrell e obrou cunha urxencia inusitada neste país no que as súas actuacións demoran anos e anos, dando tempo a morrer investigados e a prescribir delitos. Un fiscal xeral, reprobado polo parlamento por ocultar a corrupción do PP e mantido no posto polo goberno, presenta unha querela cun relatorio de delitos nos que só boto de menos a acusación de ser Puigdemont o touro que matou a Manolete. A Audiencia Nacional, manifestamente incompetente para entender destes asuntos, segundo moitos constitucionalistas, penalistas e procesualistas, faise cargo do mesmo e nun visto non visto, cun desconcertante criterio oposto ao do Tribunal Supremo, manda a medio goberno catalán, así, en lote, á cadea. Preguntado o fiscal xeral se hai realmente en España división de poderes, cando xa algún xacobino do PSOE dixera hai moi ben anos que Montesquieu morrera, el, que intitulou o arquivo do comunicado das devanditas querelas como “Máis dura será a caída”, asegurou que si, e engadiu que o goberno nada lle pediu. Como se isto fose preciso, como se non chegase con que Raxoi sabía moi ben a quen nomeaba e a quen mantiña no posto, como se a sintonía non fose natural entre goberno e fiscalía. É evidente que non fai falla que lle pidan nada. Xa el se encarga de pedir na súa querela que se teñan en consideración delitos inexistentes, como rebelión ou sedición, e unha xuíza decide que os “Jordis” non sexan os únicos na cadea. Escoitei a un sabio do PP que, coa lei na man, en España non pode haber presos políticos, ergo non os hai. Abraiei e lembrei o argumento ontolóxico de San Anselmo. Así como as prisións de hoxe non son as do franquismo, nin os xuíces da Audiencia Nacional son os do Tribunal de Orde Público, nin as vítimas de ETA son as vítimas de Franco, os presos políticos de hoxe tampouco son os da Ditadura. Son outros.

O president marchou a Bruxelas con medio goberno, o que desorientou a todas as forzas reaccionarias que o acusaron de covardía e traizón. Estou relendo, para un traballo de historia, o libro de Henry Kamen Los desheredados. España y la huella del exilio. Indefectiblemente, todos os fuxidos, ao longo dos séculos, foron vistos polos seus perseguidores como traidores a España ou aos seus propios conmilitóns. Ate Felipe González, esquecendo que os deuses deben deixar que os humildes mortais resolvan os seus asuntos en por eles, dixo que Puigdemont deixou os compañeiros aos pés dos cabalos. É obvio que só pretendeu ofender, xa que a Felipe, o presidente que dixo que había que gobernar desde os despachos e desde as cloacas, os compañeiros do president só lle interesan baixo as gadoupas da xustiza, o mesmo que ao seu ministro Borrell.

Que doado e que barato resulta insultar cando todas as forzas do estado están detrás! A fuxida e os insultos a Puigdemont trouxéronme á cabeza a dun seu paisano, natural de Reus, o Xeneral Prim, o home que, despois de arengar as tropas en catalán, desbaldiu valor cargando sable en man en Tetuán. Loitou antes en Castillejos e despois en Wad-Ras e sempre na cabeza das tropas. Pois ben, cando tivo que liscar de España, outro xeneral, O’Donnell, daquela 1º ministro de Isabel II, dixo: “El general Prim no tuvo valor para presentarse de frente; no hizo más que huír cobardemente”. Si, o destemido xeneral Prim, progresista e gran defensor de Cataluña, tamén foi inxuriado como traidor e covarde. En abril de 1865, por uns ataques gobernativos á liberdade de cátedra, houbo concentracións e asubíos. Emilio Castelar, catedrático e futuro presidente da I República, foi suspendido de emprego e soldo e as autoridades ordenaron disparar ás masas, cun resultado de 10 mortos e 170 feridos. Prim tivo unha intervención parlamentar, criticando e protestando que o goberno respondese “aos asubíos con coiteladas e aos insultos con tiros”. Non sei porqué lembrei iso vendo as cargas desaforadas do 1 de outubro.

Antonio Pérez, Secretario de Estado de Felipe II, foi o home con máis poder da época ata que caeu en desgraza e, fuxindo da xustiza de Castela, pasou a Aragón, onde rexían outras leis que o propio rei tiña que respectar. Alí foi protexido polo xustiza maior, xuíz supremo do reino, e producíronse uns disturbios nos que foi asasinado o vicerrei. Felipe II enviou un exército de 12 000 homes que prenderon e executaron inmediatamente ao seu protector e máis adiante a outros dirixentes. Antonio Pérez fuxiu a Béarn, no outro lado dos Pirineos, e exíliouse en Francia, logo en Inglaterra e, novamente, ata a morte, en París, onde se queixaba de “esta nieve de Francia”. Nese tempo dedicouse a facer unha campaña contra Felipe II e a España da Inquisición, organismo que chegou a acusalo de rebelión, herexía, blasfemia e homosexualidade. A súa obra Pedaços de Historia ou Relaciones serviu, segundo o citado libro de Kamen, para “difundir a imaxe dunha España que non tiña nada que facer na Europa civilizada”. Pérez está considerado como o iniciador, xunto con Bartolomé de las Casas, da Lenda Negra española.

Obviamente, as circunstancias históricas e persoais de Puigdemon, a quen polo de agora non acusaron de homosexualidade, nada teñen a ver coas do anterior. Tampouco Mariano Raxoi, non sendo que os seus silencios e inactividade se consideren prudencia, é comparable a Felipe II, mais tamén enviou a Cataluña un continxente de miles de policías e gardas civís que utilizou para cargar contra pacíficos cidadáns. Que diría o catalán Prim? Raxoi foi máis alá que Felipe, xa que este non ousou aplicar en Aragón o 155 nin nomear vicerrei castelán. Se Pérez fixo ver a Europa o que era España, de Puigdemont, o máis suave que escoitei foi que é un pallaso que protagoniza unha ópera bufa e que difunde unha caricatura desta “gran nación”. No mundo actual as imaxes circulan sen atrancos e todo o mundo veu as cargas, escoitou as frases tabernarias dos policías que trasladaron os consellers á cadea e puido xulgar sobre calidade democrática e separación de poderes. Puigdemont explícase desde a capital de Europa en catro idiomas, mentres que Raxoi se atrapalla nunha única lingua fuxida da Historia, o que non impide que os palmeiros fagan o seu traballo, non vaia ser que os expulse ao ostracismo, que non consiste, precisamente, en ir comer ostras a Arcade.

Un antiilustrado do século XIX sentenciou: “A intolerancia é unha lei fundamental da nación española”. No século XXI andamos nas mesmas.