Cataluña, boa excusa para recentralizar españa, triturando a Constitución
Un xornal berlinés de gran tirada, o Berliner Ilustrierte Zeitung, publicou un artigo dun tal Ph. K. baixo o título “Barcelona: Die Stadt der Polizisten” (“Barcelona: a cidade dos policías”). Para iluminar isto, ilustrouse cunha fotografía de dous gardas civís con sables e subfusil, avanzando a cabalo polo paseo de Colón, outros dous a pé armados de mosquetóns, un grupo de gardas de seguridade “apoiados, como de costume, sobre si mesmos” e unha parella de gardas municipais “tesos e armados unicamente cunha vara”, representando, evidentemente, a civilización.
Estou seguro de que os lectores atentos están percibindo notas disonantes que non lles permiten encaixar isto coa vergoña coa que o goberno español nos obsequiou en torno ao 1 de outubro, e ata hoxe: barco de Piolín cheo de policías, cargas brutais contra indefensos votantes, ridículos controis policiais abrindo maleteiros nas fronteiras e na mesma porta do Parlament, policías entrando e saíndo nos sumidoiros de Barcelona, etc. Efectivamente, hai algo no decorado que non cadra, o cal é lóxico, pois o tal artigo deuno a coñecer un gran periodista catalán, Eugenio Xammar, en La Veu de Catalunya, en xaneiro de 1923 [recollido en Xammar: El huevo de la serpiente. Crónicas desde Alemania (1922-1924)], oito meses antes de que, tamén alí, o xeneral Primo de Rivera decidise que a España lle conviña unha ditadura, da que el se encargaría de ser “mi Mussolini”, en verbas do Borbón Alfonso XIII. Casualidade curiosa –sen outro valor que a coincidencia- é que, sendo o ditador de Jerez de la Frontera, con mando en praza en Barcelona, teñamos agora a outra xerezana aspirando a gobernar -e case conseguíndoo- a nación catalá. A anecdótica conxunción podería pecharse con outro Rivera de xefe inmediato da aspirante Inés Arrimadas.
O desembarco en Cataluña do goberno de España, coa forza de todos os poderes do estado, a min faime pensar nunha táctica argallada a xeito de proba ou experimento dirixido polos que, nesta globalización marcada polo capitalismo salvaxe, reteñen os poderes fácticos mundiais. Dentro da súa estratexia, fan que os peóns suban un chanzo máis, pero xa sen disimulos, a cara descuberta, para comprobar a reacción da sociedade e verificar o nivel de alienación e estupidez no que nos atopamos, podendo preparar así o seguinte paso. Cando menos, a involución xeral cara a unha recentralización do estado está xa en marcha en todas as institucións e calando a fondo na sociedade. Unha boa proba témola nas esixencias de diferentes colectivos –baixo o falaz comodín de “igualdade de traballo, igualdade de salario”- de unificar o soldo dos funcionarios en todas as comunidades autónomas, degradando estas, por conseguinte, a meros entes administrativos. E admírame que algunhas reclamacións sexan apoiadas ata polo Bloque Nacionalista Galego, mesmo con protagonismo nas manifestacións.
A principios do século XVII, Cataluña sufría unha forte inseguridade e estaba infestada de bandoleiros; ao mesmo tempo, eran moi manifestas as desconfianzas e malas relacións entre políticos cataláns e casteláns. Podemos velo no contido dunha carta de Fray Rafael Franch, enviado oficialmente a Madrid desde Barcelona. Dise nela: “que nuestro país esté infestado de bandidos, y sobre todo que tengan sus bases en las cercanías de Barcelona, nos es imputado a mal aquí, y se nos trata como a negros [...] se me mira con tales ojos que prefiero no hablar de ello; [...] nuestro asunto está en manos de gentes que no nos quieren; y no comprenden nada”. Polo que segue dicindo, vese que o cariño é mutuo –o mesmo ca hoxe-, xa que, segundo el, en Madrid “todo el mundo se divierte en las fiestas; se caza y se juega; y que ardan el mundo y los negocios”. Nesas datas, concretamente en 1615, foi enviado como vicerrei a Cataluña o duque de Alburquerque. Para fuxir dos bandoleiros, viuse obrigado a entrar en Barcelona por mar, anunciando a súa chegada con dúas frases secas e rotundas que o cubriron de gloria; unha delas, en carta dirixida ao rei, sentenciaba: “En llegando a Barcelona, acabaré de poner en galeras todo el Principado”; a outra, enviada aos deputados cataláns, dicía: “Guardaré las constituciones que me pareciese y las demás no”.
As concomitancias coa situación actual son, mutatis mutandis, evidentes. A corte madrileña envía unha vicerraíña plenipotenciaria, Soraya Sáenz de Santamaría, disposta a implantar en Cataluña o goberno directo e férreo do estado. Énchese o territorio de policías e gardas civís baixo o mando do coronel Pérez de los Cobos e prodúcese o infame espectáculo que, aquel primeiro de outubro, avergoñou toda Europa (novamente, Barcelona: Die Stadt der Polizisten). Chegou o momento de xustificar aquelas cargas indiscriminadas contra unha cidadanía que só pretendía exercer o acto máis sagrado da democracia, a votación en urna, e Pérez de los Cobos xustificouse dicindo que só coñecía a parte dispositiva do ordenado pola xuíza (evitar a votación), ignorando a indicación -de igual rango- que lle seguía: “preservando a convivencia cidadá”. Claro que el interpretou que “o cumprimento da lei estaba por riba da convivencia cidadá”, inquietante expresión, por el pronunciada, que me retrotraeu ao “Dura lex, sed lex”, “Cúmprase a lei e pereza o mundo”, e incluso ao “É preferible a inxustiza ao desorde” de Goethe, máis tamén me levou, procurando alivio, ao Evanxeo de Marcos (2, 27): “Fíxose o sábado para o home e non o home para o sábado”.
Estamos todos afeitos a escoitar que, cando o presidente do goberno pretende marcar distancias con alguén, pasa a chamarlle “ese señor del que usted me habla” (Mariano, por descastado, non merece tradución ao galego). Nin tan sequera inventou el iso, pois a situación que se estaba a vivir na segunda década daquel século XVII fixo que, “a partir de entonces, el Consell de Cent no designó a los ministros españoles más que con la peyorativa expresión de ‘estos señores”. Comprobamos unha vez máis que case todo está xa dito nas páxinas da Historia: esquecemento de nomes, mandar a todo o Principado a galeras ou ás cadeas madrileñas, e o goberno de Madrid a cumprir soamente as normas e leis que lle apeteza. As citas do século XVII poden verificarse no tomo I, pp. 415-417, dos tres que compoñen a Cataluña en la España Moderna de Pierre Vilar.
Pasou o primeiro de outubro e todos os poderes do estado se lanzaron contra Cataluña. O goberno, co apoio incondicional de Ciudadanos e, como non podía ser menos, tamén do PSOE, conseguiu permiso do Senado para aplicar á nación catalá o que eles consideraron que quería dicir ou autorizaba o artigo 155 da Constitución, eliminando así o autogoberno, destituíndo e relegando a funcións administrativas ao Major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, nomeando a Sáenz de Santamaría vicerraíña ou presidenta de facto e convocando eleccións, das que saíu estrepitosamente derrotado, podéndoselle aplicar o que, sendo eu cativo, escoitaba no Porto do Son: “Foi buscar o pao á devesa para levar con el na cabesa” (co noso seseo a rima era consonante). Os fiscais, brazo directo do executivo diante do poder xudicial, acusaron aos implicados no procés de delitos gravísimos, e o xuíz do Supremo, Pablo Llarena, aceptou as acusación, detivo e aplicou prisión preventiva sen fianza aos que permaneceron en Cataluña e cursou ordes de busca e captura contra o president Puigdemont e os consellers que o acompañaron no exilio a Bruxelas. Sempre volvemos a Flandres, do que Justo Lipsio, naquel século XVI, no que pertencía á coroa de Felipe II, observando atentamente o que alí pasaba, chegou a cualificalo dicindo: Commune sepulchrum Europae sumus (“Somos o sepulcro universal de Europa”). Da industria e da pesca galega, sen dúbida, mais iso é outra historia. Son tan enormemente graves e, segundo moitísimos xuristas prestixiosos, fóra de lugar acusacións como sedición e rebelión que, cando a xustiza belga lles lembra que alí nin sequera contemplan tales delitos, se ven obrigados a recuar e a permitir que Puigdemont saia de Bélxica e vaia explicar a situación a Dinamarca. En canto a regresar a territorio español, comunicou que nin pola cabeza lle pasa, xa que se expón a caer dun terceiro piso.
O goberno de España está disposto a facer o que sexa para que Puigdemón non resulte reelixido. Para iso, envía por medio da Avogacía do Estado un recurso ao Tribunal Constitucional, malia contar co criterio negativo do Consello de Estado, que considera que, de ir adiante, se trataría dunha decisión preventiva sen encaixe xurídico. Dito en sermo vulgaris ou román paladino, o que se pretende é poñer a venda antes de que se produza a ferida, feito que, se na vida normal é propio de imbéciles, nestas instancias e cuestións indica o nivel de coñecementos xurídicos do consello de ministros e dos nunca ben ponderados avogados do estado, como Sáenz de Santamaría, Cospedal e un feixe de secretarios e subsecretarios. Entra o recurso, e o Tribunal Constitucional discute unha chea de horas para ver como poden facer o que o executivo lles pide sen caer no ridículo. Por se o anterior non chegase, fíxose público que o goberno chamou repetidas veces a este alto tribunal para inducir a súa votación na liña dos seus intereses, dito doutro xeito, houbo presións, inxerencias do executivo no supremo intérprete da constitución. O resultado foi un auto no que se dan un prazo para decidir se aceptan ou non o recurso do goberno; pero, entrementres, xa ditan, adiantándose aos posibles feitos, unhas condicións que fan imposible que Puigdemon poida ser reelixido president.
Por se todo isto non chegase, estes días andamos a ver e a escoitar a un ministro de xustiza que nos conta (el saberá quen llo dixo..., ou a quen llo ordenou) o que ten pensado facer en dous meses o Tribunal Supremo. Pola súa banda, o xuíz instrutor dese tribunal, Pablo Llarena, somete a interrogatorios aos presos, caso de Forn e, malia dicirlle este que renuncia ata a ser deputado, manteno na cadea (outro tanto fixo despois con Jordi Sànchez), porque non aprecia que mudase o convencemento que tiña, podendo volver a cometer o mesmo delito, e amais a súa ideoloxía coexiste cun contexto político no que non hai certeza de que desaparecese a intención de conseguir a independencia política de Cataluña. Vendo a cantidade enorme de xuristas de alto nivel, tanto na xudicatura como nas cátedras das diferentes materias de dereito, que non concordan coas acusacións nin cos procedementos, inxerencias, resolucións e declaracións ministeriais, e que mesmo consideran que manter os acusados en prisión responde a criterios políticos, os que, coma min, somos leigos no asunto e pouco máis sabemos que, para evitar problemas, hai que dicir que se respectan as decisión xudiciais –queda dito-, sufrimos unha subida de desconfianza cara á xustiza e á tan cacarexada división de poderes desde Montesquieu, autor que dixera que “non existe tiranía peor que a exercida á sombra das leis e con aparencia de xustiza”. Dixo tamén este filósofo que “as leis só se encargan de castigar as accións exteriores”. E, por se non quedaba claro, falando do tribunal da inquisición, escribiu que, se dúas persoas cometen o mesmo delito, mátase á que o nega e evita o suplicio a que confesa, e engadiu: “Iso deriva das ideas monásticas, segundo as cales, o que nega aparece como impenitente e condenado, e o que confesa semella estar arrepentido e salvado. Tal distinción non pode aplicarse nos tribunais humanos. A xustiza humana non ve máis que as accións e non ten máis pacto cos homes que o da inocencia, mentres que a xustiza divina, que ve os pensamentos, ten dous: o da inocencia e o do arrepentimento”. Mellor que Montesquieu non erga a cabeza nesta España actual!
Se a UE, Amnistía Internacional ou quen sexa non decide intervir e consegue parar todo este desvarío español, no que o PP gobernante, soberano nos tres poderes e submiso ás ordes do verdadeiro, do capital, a elección do president de Cataluña, con todo o mundo na cadea, pode rematar sendo tan doada como foi, a mediados do século XIV, anos da Peste Negra, a efectuada no mosteiro de Santa María de Ribes (Ribes de Freser-Girona), no que un monxe se elixiu prior a si mesmo, por ser o único que a peste deixou vivo. E as masas, directa ou indirectamente, clamando pola recentralización de España.