Castelao e a mocidade galega

Castelao e a mocidade galega

O pasado 12 de agosto, coincidindo coa homenaxe que cada ano se lle rende a Moncho Reboiras, celebrouse na Casa Solidaria en Ferrol unha Xornada de Formación, organizada pola Unión da Mocidade Galega. Ademais da sesión formativa, á que fomos invitados o compañeiro Duarte Correa e mais un servidor, a Xornada complementouse cun xantar de confraternidade cos mozos e mozas chegados doutras partes de Galiza e posteriores visitas a lugares significativos do entorno paisaxístico e da propia cidade. Nesta ocasión un dos lugares elixidos foi o miradoiro de Monte Ventoso, impresionante por abarcar unha das mellores panorámicas do golfo Ártabro, e descoñecido para a maioría da poboación por pertencer a terreos de uso militar, hoxe abandonados, e non devoltos aínda ao dominio público. Sen dúbida, será no futuro un dos lugares de visita inescusábel para as persoas amantes da paisaxe litoral que se acheguen a Ferrol, polas súas grandes posibilidades e mesmo pola súa proximidade ao castelo de San Felipe. As vistas son fenomenais, alcanzando a albiscarse desde as illas Sisargas até as puntas de Valdoviño e as entradas das rías de Ferrol, a Coruña e Ares-Betanzos, malia que o día non era o mellor para o soleamento e a visibilidade. Din algúns cursis que acreditan na creación divina que aquí, ao sétimo día de traballos, tomou un respiro e apoiou a súa man o creador para deixar a pegada inconfundíbel da beleza da súa obra.

Este 25 de xullo veñen de cumprirse os cincuenta anos da fundación da UPG. Asemade conmemoramos –se se pode dicir que houbo algunha celebración- o setenta aniversario da publicación en Buenos Aires do Sempre en Galiza de Castelao, un libro que prestou moito alento e moitos folgos ao nacionalismo galego. Por tal razón quixemos facerlles reparar aos mozos e mozas alí presentes na importancia que tivo o libro de Castelao para a nosa formación no último medio século. Os que nacemos no 1964 coa UPG e estreamos a maioría de idade participando na fundación do BNG a comezos dos oitenta no Frontón de Riazor na Coruña, tamén consideramos que non seriamos ideoloxicamente os mesmos sen a influencia da obra de Castelao, e igualmente que o movemento nacionalista tampouco sería o mesmo.

Adoutrinamento no legado político e ideolóxico de Castelao! Sábese que a moita xente lle levanta proído escoitar a palabra adoutrinamento como se atentase contra a liberdade individual e fose algo completamente anacrónico nos tempos que corren. Por iso cremos conveniente facermos unha paréntese ao respecto e debullar algunhas consideracións. Vaia por diante que sempre usamos tal palabra cun ton certamente irónico, mais fun dos que sempre tiven claro que, nas diferentes esferas da vida, todo estaba impregnado de adoutrinamento. No ensino había adoutrinamento carca impartido por cregos, coengos, profesores de Filosofía, de Literatura ou de Educación física, que aínda nos adestraban manu militari, mesmo nos anos do postfranquismo. De por parte había tamén adoutrinamento progre, máis perigoso por sibilino, fundamentado no mito da liberdade individual, da modernidade e do progreso. Na esfera familiar, a educación que nos daban os nosos pais transpiraba o alento das instrucións emanadas do Catecismo patriótico español convenientemente amplificadas desde as tribunas eclesiásticas e os mandos dos cuarteis militares, adobiadas polas receitas que as nosas nais recibiran da Sección Feminina. Non pensedes que estamos a falar dos anos cincuenta ou sesenta, cando o Sempre en Galiza era aínda un libro clandestino. Estamos a nos referir a finais dos setenta e aos oitenta, cando o espírito revolucionario e sensíbel de calquera mozo chocaba de fronte coa mentalidade instalada á forza nas entrañas do pobo galego.

Ironías á parte, nós o que precisabamos era descubrirmos a nosa realidade, recoñécermonos no propio e chegarmos á autoestima. Adoutrinamento hixiénico e san, en definitiva. E iso oferecéunolo un libro como o Sempre en Galiza. Castelao situábanos no mundo desde unha realidade concreta, coas súas limitacións e coas súas contradicións –é certo-, mais tamén coas súas inmensas posibilidades de desenvolvemento. Mostrábanos como a través da particularidade iamos chegar á universalidade. Case nin intuïamos que os nosos clásicos do dezanove xa concibían a Galiza como unha nación, como unha patria. Descoñeciamos a existencia da Doctrina nazonalista de Ramón Vilar Ponte e nin por asomo oiramos falar de textos patrióticos pertencentes a etapa da depresión intersecular como a Doctrina galiciana de Constantino Horta. Tamén o Sempre en Galiza ten partes doutrinarias, escritas a xeito de catecismo (pregunta-resposta); porén este enfoque non pode molestar a ninguén se o contextualizarmos na produción textual do momento e na clara vocación pedagóxica do seu autor.

Non é a ocasión nin fica espazo para terciar na teima de criticar a actitude que se ten a respecto da obra de Castelao desde as esferas oficiais. Tanto debe preocupar que desde nós mesmos, desde o nacionalismo galego, desde as organizacións nas que actuamos, desde os gobernos municipais..., non se faga o necesario e o posíbel por aproveitar o legado de Castelao para impulsar a conciencia nacional. Alén de meritorias iniciativas illadas, a maior parte das veces ficamos instalados na mera homenaxe ritual do mes de xaneiro. Pouco se pode avanzar séndomos acomplexados e non priorizándomos as experiencias propias. Seguramente non haberá moitas nacións que conten con figuras de tanta proxección simbólica e tan pedagóxicas á hora de facermos política. Desde logo, as que as teñen aprovéitanas ben. Está instalada entre nós a inclinación a acreditarmos que as contribucións máis esclarecedoras para guiarnos van vir de fóra. E dígoo por experiencia propia, lembrando os tempos de formación universitaria. A tendencia nas nosas fileiras era procurarmos a variña máxica salvadora en textos do marxismo, do marxismo-leninismo, nas monografías sobre os PCs de calquera latitude. Atreviámonos a ler O partido com paredes de vidro de Álvaro Cunhal, o Secretário Geral do PCP; liamos a Gramsci, a Samir Amin, a Albert Menmi...; e, por suposto, o Manifesto comunista. Para nada quero dicir que fosen negativas esas lecturas. Agora tamén volvemos a ver algúns alumnos, minoría certamente, que len no Bacharelato o Manifesto comunista. Recordo ir nun grupo de alumnos con Francisco Rodríguez a unha libraría en Porto e mercar títulos que case espantan, malia que este profesor nos tiña educado no aprecio aos valores propios. Non pretendo que destas palabras ninguén extraia unha visión reducionista do que debe ou non debe lerse. O que se pretende transmitir é que non é normal desprezar o propio. Tanto daquela como hoxe, o mellor provedor de imaxes, a mellor fonte de citas, as verdadeiras revelacións oferécenolas o Sempre en Galiza, o materialismo aplicado nesta terra e neste tempo, non moitas daquelas esquemáticas lecturas. Mesmo entre os sectores da mocidade máis lúcida custa traballo superar o desprezo cara o propio que foi inculcado durante anos.

Castelao conta cunha obra pictórica e gráfica sumamente moderna e funcional nos seus contidos esenciais, malia se teren modificado as circunstancias socioeconómicas en que foi concibida. Conta tamén cunha produción literaria que, tanto no plano da innovación formal como no do contido, segue a resultar moi atractiva para a mocidade. E, por último, conta cunha traxectoria política e cun legado ideolóxico que ilustra a perfección o que cómpre elucidar sobre Galiza.

As nacións sen Estado apoian as súas causas en torno a referentes simbólicos. A lingua é un dos factores simbólicos esenciais. Castelao tamén adquiriu categoría de símbolo aceptado por unha parte importante da sociedade galega e interpretado con maior ou menor intensidade nun mesmo sentido de entrega a esa causa. É un símbolo poderoso do noso país, rodeado dunha iconografía tamén poderosa. Loxicamente, hai quen pretende debilitalo con todo tipo de desfiguracións e operacións de maquillaxe. Como símbolo do nacionalismo galego, nós temos a obriga de fortalecelo, facendo que estea presente e difundindo a súa obra e o seu pensamento.