Castelao 125 anos, conmemorar e conmover
O día 30 de xaneiro conmemorase o 125 aniversario de Castelao e hai quen non o pode esquecer e hai quen non o quere lembrar. Obviamente, quen máis o recorda é o seu herdeiro político, o BNG, porque é tanto como homenaxearse a si mesmo. Porque por moito que se empeñe o señor Alonso Montero, Castelao non encaixaría noutra organización.
Evidentemente que non estaría no PP -tal como se atreveu a dicir Fraga, Ministro de Franco- pois o seu ideario está nas súas antípodas e só grazas ao descoñecemento que existe do seu pensamento é posible dicir semellantes barbaridades en público.
Castelao tamén tiña moi ben calado ao PSOE. Tivo que combatelo toda a súa vida, especialmente desde que na asemblea de Monforte de 1931 se pronunciou contra o Estatuto. Batería con eles durante a guerra polo seu xeito de provocala, xestionala e perdela. Nas Cortes de Montserrat tería que aturar os seus ataques a Galiza, na Junta de Liberación de Prieto, mais tarde nas Cortes de México, no gabinete Giral, no pacto destes cos monárquicos, etc... Ninguén coma el soubo definir a corrupción estrutural deste tipo de organizacións oportunistas que se fan pasar por defensores dos traballadores para vendelos ao mellor postor.
Poderíamos lembrar algunha organización practicamente extinta que durante anos lograron enganar a poboación co seu apoio "crítico" á monarquía e a constitución centralista, mesmo ao neoliberal mercado común europeo, e agora tratan de resucitar como republicanos e alternativos, máis ao fin: españolistas. Razón pola cal Castelao tampouco aí estaría cómodo.
Finalmente referir centos de micropartidos fantasmas que se refundan a si mesmos cada vez que se descobre que non existen realmente. Son unha cortina de fume para ocultar a desertores que precisan inventar unha escusa para evitar comprometerse coas organizacións reais. Estes, como non tratan de ocupar o goberno nin este sente a ameaza de que os substitúan, ao fin chegan a un matrimonio de conveniencia no que o inimigo común é o nacionalismo actuante que pode facer perigar a hexemonía españoleira. Algún acaba por crerse as súas propias mentiras e pensa que está traballar por calquera dos seus delirios ideolóxicos cando na práctica funciona como un simple lacaio das forzas foráneas. Castelao non se acochou baixo ningunha ficción para evitar dar a cara polo país, non era un traidor egocéntrico, sempre estivo na primeira liña alí onde a nosa Terra se xogaba algo tanxible, e todo o seu labor foi para acadar poder obxectivable para o pobo.
Durante anos tratouse de desguazar ao Castelao político do artista. Tronzábano para escoller aqueles aspectos que interesaban en cada caso, mais hoxe resulta difícil descuartizalo dese xeito. Quizais por iso as institucións políticas refuguen de lembralo, mesmo como "xenial caricaturista". A Xunta e a Consellaría de Cultura, pero tamén moitas outras entidades que hai anos terían festexado o seu aniversario con diversos actos, na actualidade prefiren o silenciamento. Como dixo o alcalde de Silleda no seu día para negarse a homenaxear a Ramón de Valenzuela, "este era un político e non era do meu partido". E do mesmo xeito que a este extraordinario escritor de Bandeira se enviaba ao ostracismo e con el a súa obra -privando ao noso pobo do coñecemento dun patrimonio cultural importante- con Castelao faise o mesmo.
A Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA, terá novamente que rescatar a súa obra, como fixo o asociacionismo hai 40 anos. Do mesmo xeito que debemos lembrar a Cunqueiro no seu centenario polo legado que deixou ao país coa súa narrativa, a pesares de que algúns discrepemos das súas actuacións políticas; os Concellos, Deputacións e a Xunta -sobre todo- non pode ser tan insensíbeis que, por ser este autor dunha ideoloxía diferente da súa, caian na prevaricación para actuar partidistamente no uso dos fondos públicos, ocultando esta conmemoración tan importante para a cultura galega. É como se ao ser Conselleiro de Cultura un ateo deixara abandonado e na ruína o rico románico da nosa terra xa que as súas igrexas son de confesión católica.
Certo que Castelao era un militante nacionalista -hoxe ninguén pode negalo- mais a súa arte ten relevancia obxectiva suficiente como para que todos os que teñen responsabilidades políticas -por moi antinacionalistas que sexan- se vexan na obriga de recompilala, lembrala e difundila. É un escándalo -e así debemos denuncialo, desde hoxe até o último día do ano- que non se faga nada por celebrar o 125 aniversario dun creador da súa calidade. Por moi afastados que estean do seu ideario, que clase de seres humanos son estes que non logran conmoverse cos seus textos e os seus deseños? Non só non carecen de razón, tamén de corazón.