Carta dun apoucado a un aluado

Si ollo ao Presidente da Xunta, con tódolos respectos –a vostede vai dirixida esta misiva- e contemplo que sempre acontece o contrario, ou algo moito menos desexábel para o común da xente do que eran as súas previsións, xa non me sinto tan apoucado porque o sentido común guíame e decátome de que vostede comportase así sempre a hora de informar, o apoucado son eu por non saber interpretalo.
Con todo, sabendo a representación que vostede ten e o peso que teñen, non so as súas opinións si non as súas decisións, sigo preocupado non so como ser social membro dunha comunidade si non como suxeito de carne, oso e sentimentos, porque si me descoido e lle fago caso a vostede poida que me cause molestias no lombo e no peto. Pregúntello aos das preferentes...
Din que hai xente apuntándose para viaxar a lúa, inda que a inmensa maioría dos galeg@s non podamos nin gozar dunha semana de vacacións ao ano. Como Presidente que é non lle quito o dereito a facer de embaixador no citado satélite pero non lle faga crer a xente que os galegos e galegas podemos viaxar como vostede.
Xa sei que a súa axencia de viaxes ten un bo satélite de comunicacións incluído e as mensaxes que vostede transmite están por todas partes. Non digo en todas partes porque iso so o fai Deus. De feito, en Suíza hai contas que so coñece Deus, e no Vaticano tamén, como é lóxico. Non pense que me perdín ou que me fallou o cabazo que teño por debaixo da boina. O sentido común dime que a maioría da xente recibe as interpretacións da realidade procedentes do seu satélite e descubrín ademais que o seu satélite ten unha linguaxe diferente a que ten o meu cabazo.
Si vostede me deixara a min poñer un satélite e non o interferira ou cortara, e si deixara que funcionaran os que moitos queren poñer a andar, nin moitos seríamos tan apoucados nin uns poucos estarían tan aluados.
Voulle a transcribir un listado de conceptos ( porque o que conta é o concepto, como diría Manquiña) que vostede e os seus -ou sexa a súa familia económica- transmiten dende a órbita estratosférica, e como os perciben os humanoides desta terra galega:
A economía vai a cada paso mellor
-Non sei a de quen, a da miña familia non. Imos aumentar as axudas aos que teñan fillos.
-Pois que os teñan eles, eu inda estou mantendo na casa un de 40 anos, e a outra traballa 12 horas polo prezo de 4 no negocio dun emprendedor que pronto pechará por falla de cartos nos petos dos seus clientes.
Temos un programa de axuda aos emprendedores para crear milleiros de postos de traballo
-Neste lugar sempre fomos moi emprendedores: Uns emprenderon para Alemaña, outros fixéronnos emprender para o paro, outros emprendían para as axudas laborais e sociais pro quitáronllas a ver se emprendían cara quitarlle cartos a alguén que os teña. Os mais emprendedores – como sempre- os bancos; emprenderon cara os nosos aforros, cara as nosas hipotecas, cara os nosos impostos, cara as nosas caixas, e xa avisaron por medio da Ministra que ían emprender dende o Goberno das Españas a devolverlle un préstamo a Alemaña e a UE. Porque o precisan moito mais que nos….. ¡Isto si que é un Goberno solvente Sr. Presidente!
Galicia non pide, Galicia da ( A España se entende) Repetiuno vostede dende o seu satélite. E tanto que ten dado Galicia a España…. E España a nos por onde nos da?...
Nesto si que o pobo Galego somos xenerosos. Como di aquí un veciño de Outeiro de Rei; “Eu sempre fun e serei da John Deere, do PP e do Real Madrid”. Este si que recibe na súa frecuencia, Sr. Presidente. E teña coidado cos do Real Madrid que non sei si andarán a competir ou compartir coa súa familia...
Os políticos son todos uns corruptos e a política é unha merda. O gasto dos Parlamentos arruína España. Aumenta a preocupación pola corrupción; seica di o CIS.
-Si Señor: Os políticos son todos uns ladróns e uns corruptos que había que matar, son os culpábeis de todo o que nos pasa. Os partidos políticos, os sindicatos, os Parlamentos, a política, todo unha merda. Mandalos a todos a merda e non votar. E como moito votar por quen nos avise de que esta merda podemos pisala. ¡Que ben entendido é o pobo galego cando lle explican as cousas así de clariñas…! Ate parece que se ergueu Franco para lembrarlle a xente o seu sabio consello: “fagan como fago eu,non se metan en política…” Unicamente as necesidades primarias lles fan desconectar das explicacións do seu satélite. Aquí si que a xente di o contrario das emisións de vostede e do Sr. Rajoi; e diga o que diga o CIS, insiste en que a situación económica empeora e o paro preocupa mais que a propia merda, coa merda inda se pode vivir, co paro non.
Imos rescatar a banca e logo devolveranos os cartos e ademais haberá cretos a esgalla.
-Xa, xa: “O Estado recuperou so ó 3% dos 61.495 millóns que recibiu a banca”. Despois disto, non sei se estou tendo un soño erótico ou me están fodendo de verdade…
Teño que recoñecer que como a miña ansia non é exclusivamente interpretar unha realidade social, ou denunciar un mundo inxusto e clasista composto por clases e non por castas, por pobos e non por redes, polo homo economicus e non polo homo sapiens, sigo a sentirme apoucado e ate inútil, sabendo con certeza que, mais aló da idea e do voto, so a acción social e politicamente organizada, e a loita en todos, PERO EN TODOS, os eidos da sociedade vai producir outra Galiza e outro mundo mais humano e mais feliz. Tendo en conta que eu considero que hai felicidade si está repartida e dosificada. Estes pensamentos non lle pido que os entenda porque non están no código do seu satélite e poden ate escarallarlle o disco duro.
Pero non quería eu quedar tan apoucado que parecese “gallego en el mal sentido de la palabra” e que vostede, inda quedando como un rei, non fora a quedar como o rei do mambo.
Levo un tempo, ademais de ollar para a lúa, ollando para o catavento electoral e observei certos ventos variabeis pouco usuais:
1. Moitos que levan toda a vida votando ao PP, votaron e seguen a botar chamas pola boca. As culpas bótannolas aos demais para non luxar a súa familia política. Nisto teñen bo mestre…
2. Aquelas propostas que fixemos de toda a vida os do Bloque parece que ditas por outros e dende algún satélite son un discurso “ fresco e achegado a xente”. Obrigados quedamos pola achega; si é así de doado so nos falta o satélite. A chamada “ teoría do significante flotante ou baleiro das verbas” é cousa moi doada para os galeg@s, nunca nos deixaron chamarlle as cousas polo seu nome.
3. Que a xente nova escoite discursos políticos con mensaxes xenerosas que a animen a participar é boa .
4. So nos queda axudar a baixar a xente desa lúa de auto-odio e enchela de AMOR POLO NOSO,que ademais de ser bo é o noso.
5. O día que os galegos e galegas, masivamente nos decatemos de que vivimos pobremente nun país rico, vostede baixará da lúa e eu deixarei de ser un apoucado, un nugallán e un nacionalista intolerante…