Carta a unha desencantada

Carta a unha desencantada

Benquerida desencantada,

Ola miña anónima desencantada, preguntaraste que fago escribíndoche esta carta sen nen sequera coñecerte. Desculpa de antemán o meu atrevemento, mais se cadra temos máis cousas en común das que imaxinas. Permíteme, xa que logo, que me entrometa no teu fartádego, no teu desencanto e na túa frustración. Fartádego, desencanto e frustración polo mundo que che rodea, onde domina a inxustiza e onde todo parece estar escrito sen que caiba a máis remota posibilidade de mudar o curso da historia.


Permíteme, pois, compartir contigo esa mesma frustración que eu tamén teño. Cómo non frustrármonos cando vemos as taxas de desemprego e a crise económica que non cesa e como única medida salvadora só nos receitan axustes e recortes en gastos sociais e nos dereitos das traballadoras e traballadores! Cómo non frustrármonos co desfile de políticos corruptos que fan que cada día haxa unha fenda máis grande entre o sistema de partidos e a cidadanía! Cómo non frustrármonos ante un goberno que tiña por bandeira a creación de emprego cando cada día as oficinas do INEM teñén máis usuarios, un goberno que renega de galego e que mira para outro lado cando se defender a nosa calidade de vida e signos de identidade se trata! Cómo non incomodarnos ante un poder xudicial absolutamente dependente e con fondas servidumes -disque existe separación de poderes. Sí, os poderes están separados mais o PSOE e o PP teñen a custodia compartida e un réxime de visitas moi equilibrado!-


Sei que dá noxo ver as listas do PP ateigadas de tránsfugas e corruptos mentres por obra e graza dunha lei de corte fascista se inhabilita ao alcalde de Arzúa. Sei tamén que a ti, como a min, desanímate a inexistencia de pluralidade e democracia nos medios de comunicación públicos así como o golpismo mediático do principal grupo de comunicación privado que se di galego. Son consciente de que che atafega pensar en que todo un Premio Nobel da Paz -un tal Obama- acaba de ordear e aplaudir a execución extraxuducial dun inimigo de Occidente que antes fora un gran amigo dos EUA en contra do comunismo, cómo tamén acaba de xustificar o uso de torturas nos interrogatorios... Qué mundo verdade? Qué xeito de prostituir o Premio Nobel e qué xeito de prostituir a palabra PAZ!


Sí, xa o sei, se sigo ímonos desanimar, imos acababar dicindo iso de que "Todos os políticos son iguais", mais ti sabes coma min que iso non é certo nen xusto. Porque hai alternativa, porque afortunadamente non todos son iguais. Mira o BNG sen ir máis lonxe! Non temos que buscar a alternativa moi lonxe da casa!


De seguro que coñeces persoas involucradas no activismo político que teñen como única bandeira a de Galiza e como único obxectivo o de servir aos demáis, sen contraprestación algunha.


De seguro que tes reparado en que mentres o PP e o PSOE competían e compiten en ver quen é máis servil aos mercados e ao gran capital, só o BNG saía á rúa ao carón da clase obreira nas dúas recentes folgas xerais. Terás tamén reparado en que só o BNG, de todo o arco parlamentario galego, opúxose á reforma do mercado laboral, ou cómo só o BNG criticou e votou contra a operación militar en Libia. Sí, sí, en solitario! Esta vez a "progresía de salón" e o "famoseo" preferiu apoiar a guerra e deixar na gaveta as pancartas e os colantes. E non reparas tamén en que só o BNG ten a coherencia de defender o mesmo aqui, en España ou en Europa?


A que o teu miolo xa está a remoer en todas estas cousas que che estou dicindo? Canaliza o teu desánimo e actívate! Non deixes que te desmobilicen porque a túa desmobilización é a súa vitoria.


Veña, despídome. Se cadra véxoche estes días nalgún mitin do Bloque!