Carros cheos de flores azuis

Carros cheos de flores azuis

Hai, quizabes por unha historia mal planteada, e en moitos sectores sociais galegos, a idea de que a política, entendida esta como forma de relación social en sentido amplo, ha ser, de por si, fría no seu campo de actuación, e tamén deshumanizada. Considero, pola contra, que a frialdade e deshumanización levan un fondo claramente burgués, contrario, por tanto, á idea de liberdade e liberación. Esta práctica converteuse nos últimos anos nunha especie de rutina na actividade de grupo, ben sexa de tipo político, sindical, cultural ou de todo o que teña como obxectivo un aspecto reivindicativo.

É fría, plenamente deshumanizada, toda teoría e práctica que leve ao abuso sobre calquera ser; que leve a unha relación de dependencia ou a un obxectivo de ganancia económica como fin, sobre as persoas, sobre os territorios. Que considere que o único xeito de conseguir os obxectivos, mesmo favorecedores dun colectivo, é dicir, xustos, pase por esa forma de relación pouco humanizada, mecánica e indiferente ás feridas que nas persoas causa este tipo de control mecánico sobre os sentimentos, as vivencias e iso que acertadamente damos en chamar calor humana.

Hai moitas historias tristes no desenvolvemento histórico da reivindicación galega dos últimos anos. E moi poucas, digamos, felices. Porque esa idea que rexía, rexe, sobre a actuación do grupo, acabou por ser lei e por se considerar dunha corrección absoluta. Un tanto machista, por certo. E desbotala, poñerlle sobre si toneladas de cemento para que a calor humana agrome e se desenvolva sen dificultade, pasou a ser revolucionaria, mesmo, por resultar difícil darlle a volta sobre a consideración e práctica de quen rexían os destinos do colectivo, en teoría, transformadores.

Cando agroman nos medios de comunicación ou en calquera outro formato as loas que serven para popularizar a individualidade e hoxe por hoxe, o egocentrismo, penso sempre naquelas persoas humildes que entregaron o seu tempo a conseguir que a súa idea triunfase para mellora dos outros, do país, da organización, de si mesmos. Ese traballo humilde como eles e elas, sinxelo e sacrificado, e sen o cal non sería posíbel que os ou as que abandeiraron a batalla, tivesen o papel que xusta ou inxustamente lles deron os feitos ou as comenencias propagandísticas.

,A pega de carteis, o reparto de panfletos, a visita aos domicilios, a conversa continuada para convencer, no bar, na rúa, no posto de traballo; a constancia sen claudicacións no idioma propio, ante o grupo de señoritos fachendosos ou na difícil xunta da comunidade de veciños; ante o alcalde pijo ou no propio corazón españolizador da escola ou da Universidade; a garda dese revolucionario orgullo de ser galego ou galega con acento firme e definidor sen camuflaxe; a disposición a correr cos gastos das distintas accións (a algúns-as, no reconto de tantos anos de batalla, chegaríanlles até para mercar un piso ou dous); a valente humildade de deixar paso e aplaudir a quen cumpre mellores condicións individuais para calquera obxectivo ou representación; e sobre todo isto, a difícil e angustiosa loita para manter arreo a propia dignidade... En fin, todos eses graíños de area construídos sempre con dificultades e renuncias para que o partido, o sindicato, a asociación cultural ou de veciños e veciñas... acadasen o obxectivo da autoorganización e da conquista polo pobo daquilo que lle roubaron.

Esa é a riqueza que sumada individualmente coa dos demais, crea os alicerces para a evolución da sociedade e o desenvolvemento en espiral da historia. Non sería xusto pasar diso ou esquecer o que cada quen deu. Será cruel abandonar a quen andou e foi desprezado por dicir ou facer o xusto e acordado, porque toda organización se compromete sempre a defender a quen forma parte dela e obra en consecuencia. Non terá futuro aquel grupo que esquece e acaba ignorando a quen enfrontou batallas e liortas nos momentos máis difíciles da historia. E afirmo con rotundidade que hoxe e aquí a humanización do grupo, a irmandade, o respecto e a humildade, o recoñecemento duns e dunhas polos outros , son as bandeiras imprescindíbeis para que o sorriso volva e a ilusión venza á fin este esboroar continuado da relación de quen trata de construír unha nova sociedade galega. Galega. Galega fronte ao mundo corrompido e uniformado.

Por todo isto e acaso máis que non queda dito, envíolle un carro de flores azuis ás e aos da CIG, a Suso Seixo, o seu secretario xeral, como representación do colectivo, por esas escarapelas do compañeirismo e recoñecemento que hai uns días entregaron por todo o país a quen levan moitos anos na batalla e na construción da autoorganización. Sirva o seu exemplo para que a iniciativa pase a ser camiño destacado nesta Galiza dos nosos amores e desamores, que de todo hai. E como sempre que temos algo que festexar —alivio poderoso para a forza imprescindíbel— abro a botella de mencía —da Ribeira Sacra, claro está, que un, como bo castrexo, tamén defende a súa parroquia de nacenza— e brindo aos catro ventos desde o Castro poderoso de Vigo, desde os castros todos da Galiza ateigados de galegos e galegas e alzo a cunca de barro de Gundivós ou a copa fina de cristal que tamén dá bo sabor, e berro, berramos coa forza rexa do corazón: por Galiza, por quen, na constancia e a pesar das cambadelas, fixeron avanzar a historia.