Capitalismo solidario
Rosalía Mera non é unha muller calquera. É unha Forbes. Habita nese listado que nos lembra, cada quince días, as persoas máis ricas (e ela figura como a segunda muller máis rica do mundo, que até nisto do sexo o capital fai distingos entre homes e mulleres), as máis guapas e as mellor vestidas (que soen ser tamén as máis ricas), as máis populares, e quen sabe se en breve nos indicará as máis corruptas, aquelas coas se se poida facer mellor negocio, pois por algo o lema de Forbes é ser "a ferramenta do capitalista" e o seu ideario predicar e divulgar o evanxello da globalización, esa doutrina que permite ao 1% da poboación mundial acumular a metade da riqueza dun globo terrestre que cada vez ten menos osíxeno.
Rosalía Mera non fai moitas declaracións públicas mais cando as fai sabe do que fala, coñece o valor das palabras e os fundamentos retóricos da lingua. Nos días pasados toda a prensa se fixo eco do seu sentimento de solidariedade cos campamentos do 15-M, mais por tras deses titulares e dunha información centrada na anécdota e nalgúns trazos humanos, ficaron ocultas as verdadeiras palabras desta empresaria coruñesa: o sistema está corrupto e todas as cores políticas son iguais; os mozos galegos, se queren de verdade progresar, ser emprendedores, como se lles chama agora, deben emigrar.
Bonita maneira de se solidarizar!
Seguro que Rosalía Mera coñece a historia e sabe que no pasado houbo movementos sociais moi fortes contra a opresión dos poderosos, que 80.000 galegas e galegos do século XV tamén se mostraron indignados porque os señores prelados e cabaleiros lles facían, como se di nos documentos da época, "moitos agravios e danos e males nas súas persoas e nos seus bens, roubándolles os seus bois e bestas e forzábanlles as súas mulleres e fillas e moitos dos ditos danos facíanse así das xentes que tiñan nas súas casas como nas súas fortalezas"
Daquela tamén o Conde de Lemos, que figuraría nas listas Forbes se as houber, foi solidario cos seus vasalos, como se deduce da súa resposta a Pardo de Cela, cando o mariscal o instaba a "encher os carballos de vasalos", e o de Lemos lle responde que "non se ía manter de carballos". Solidariedade práctica: non os matemos que teñen que seguir a traballar para nós.
Cóntanos Rosalía, nesta caso a de Castro, como no ano de 1853, coñecido na Galiza como "o ano da fame", unha serie de circunstancias colocaron os galegos nunha situación límite de miseria e fame, as cidades víronse cheas de persoas que acudían alí na procura de alimento, buscando a solidariedade daqueles que eran donos das súas terras, do seu sustento e das súas conciencias. Mais non a encontrando, millares e millares deles acabaron abandonando o país para morreren lonxe da Terra. Naquel contexto precapitalista non existía ningunha outra solución, ningunha outra oportunidade e a indignación resolvíase de xeito individual, se ben o Estado non permaneceu alleo e favoreceu a saída dunha poboación que aquí nada tiña a facer.
Dous séculos despois, a fórmula para o avance económico de Galicia, segundo Rosalía Mera, é o éxodo temporal de mozos galegos ao exterior como unha maneira de comprender mellor a globalización.
O capitalismo é o máis voraz dos sistemas produtivos, e ao mesmo tempo o máis adaptable ao medio, a cada contexto social e sabe que a súa supervivencia se fundamenta, no tempo presente, por un lado en fomentar a prevención contra todo movemento organizado que lle poda facer fronte, acudindo constantemente ao descrédito de "todos son iguais" ou "non te xuntes con eles" e por outro lado en sementar medos persoais perante a inseguridade dun futuro en desemprego e sen a cobertura dos servizos sociais que, previamente, están sendo desmantelados.
Pregúntome por que Rosalía Mera nada di da responsabilidade dos empresarios, das empresarias que presionan os gobernos para conseguir despedimentos máis baratos; dos banqueiros que neste momento de restricións económicas conseguen acumular máis capital que nunca, a costa de moita xente e, sen dúbida, tamén daqueles cos que ela se solidariza. Mais non é preciso que agardemos resposta, pois xa o di o cura da miña parroquia: facede o que eu vos digo, mais non o que eu fago.
Este é o capitalismo solidario, o do león solidario coas cebras, o do oso solidario co salmón. Por iso só cabe lembrar os versos de Rosalía (a de Castro) para definir tanta, e tan falsa, solidariedade:
No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana armoniosa da esperanza,
lonxe tocando a morto!