Capacidade de heroísmo
Nas imaxes que mostraba a televisión víase unha galería comercial pola que ía unha parella, vello e vella, a andar amodo, e de súbito un mozo a correr, por trás deles. Cando o mozo chega á súa altura, o señor faille a cambadela e aló van os dous para o chan. O mozo reponse axiña e foxe veloz, e o vello fica no chan a se queixar. Axúdalle a muller a erguerse con coidado, berrando el de dor, e ela rifándolle por atreverse a tal heroísmo, consciente de que tomou ao mozo por ladrón que fuxía.
Porque na mente do home estaría, aínda vello e débil, esa gana de facerse heroe, necesario, aplaudido pola xente ao tomar unha actitude que con seguridade levamos todos e todas no maxín despois deses milleiros de imaxes que nos falan arreo de violencia, terror, roubos e mala xente. Todo o mundo pode ser un asasino. O mundo está cheo deles. A desconfianza, a vixilancia constante, a reacción necesaria ao mal han ser lei obrigada e potenciada. Non cabe dúbida de que esta teoría, contrariamente ao deber e sentir común, é dicir, ao apoio colectivo ou solidario, constrúe un individualismo atroz, anárquico, desorganizado, que é precisamente o que leva ao caos.
A última imaxe do sucedido ficou coa muller prostrada ao pé do home, berrándolle, máis racional e consciente ela, e unha morea de xente arremuiñándose, mais que pola solidariedade, pola curiosidade e o propio acontecemento que dalgún xeito rompía a monotonía das súas vidas e lles daba satisfacción.
Debería ser doado analizar o transfundo, a base, os cimentos deste feito que nos levan, testáns, a reaxir como humanos ante as perigosas potencialidades de accións nada racionalizadas das que somos vítimas tamén. Se os terroristas, por poñer un caso, poden chegar, mesmo, ás nosas casas, teremos que transformalas en seguras fortalezas ás que ninguén poida acceder. Teremos que chamar a unha empresa de seguridade para que reforce portas e xanelas e rasque dos nosos petos unha millonada de cartos. Aquí está a razón desta historia, de todas as historias: a economía. Potenciar o verdadeiro terror nas nosas mentes, latexante el, até quitarnos o sono. E despois pasar a factura.
Quen é capaz hoxe e aquí, de controlar as súas reaccións cando un feito súbito nos colle por sorpresa e non temos posibilidade algunha de razoalo debido á súa celeridade? As imaxes incansábeis que recibimos minuto a minuto van transformando a nosa conciencia e preparándonos para unha reacción inmediata tamén que faga saltar o noso propio mundo, pacífico en xeral, polos aires. Acaso, despois, cando xa sexa tarde, choremos e vexamos con claridade a monstruosidade do noso acto. Despois, cando xa non pode ser posíbel a rectificación.
A capacidade ilimitada das novas tecnoloxías, da cultura violenta reflectida en mensaxes e imaxes de todo tipo, sen control, potenciadas por grandes empresas da comunicación que, baixo o principio sagrado do capitalismo de sacar tallada económica do acto máis simple, chegan xa á brutalidade máis arrepiante. E non existe, curiosamente, algún tipo de resorte legal ben definido, que coute o seu camiño e a súa fin. Porque, segundo os seus artífices, limitaría a mesma liberdade. A cantilena de sempre: romper o baseamento da liberdade e da democracia, coas propias falsidades con que estas foron montadas. É dicir, romper calquera posibilidade real de mudar o estado imperante da mentira. Romper calquera posibilidade de liberarse, individual e colectivamente, do control das nosas mentes que obrigatoriamente han seguir o camiño establecido.
Se os esforzos das conciencias realmente libres non afondan nos camiños reais necesarios para darlle a volta a tanta submisión reciclada como liberdade posíbel, o imperio do abuso legalizado terá aínda longo futuro. Se os partidos que na súa filosofía están contra estes controis ditatoriais non conseguen unha mínima luz que abra tanto escuro, a esperanza ficará definitivamente frustrada. Acaso sexa isto proba do que unha parte importantísima da poboación europea ten gravado a ferro no seu pensamento: sempre foi así e seguirá sendo así, poñamos como nos poñamos. Daquela só nos quedaría un camiño: a adaptación.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.