Canto pagarías por mercar a unha muller?

Canto pagarías por mercar a unha muller?

Cando pasaba conducindo ao lado da súa casa nunca me chamou a atención ata que un día me contaron a historia, tal vez esaxerada ou non, de que aquel home mercara a súa muller por unha garrafa de viño. Dende entón, cada vez que o vexo, e sobre todo a ela, pregúntome: canto vale unha muller?.

Porque existiu un tempo, que nos acompañou dende os albores da nosa historia ata principios do século XX, no que a muller tiña un valor taxado por lei. Estoume a referir á dote que a muller tiña que aportar, como paso previo e imprescindible, para poder contraer uns matrimonios pactados previamente polas familias e nos que os cónxuxes pouco ou nada tiñan que dicir.

Anteriormente dixen que esta práctica nos acompañara dende os albores da nosa historia e non mentín, pensemos no que dicía Estrabón, quen chegou a afirmar que no mundo dos celtas eran as mulleres as que herdaban a terra, recibían dote e decidían, tras reunirse con outras mulleres de castros lindeiros, con quen ían casar seus irmáns.

A sociedade matriarcal que Estrabón nos amosaba desaparece cando Roma entra en escena no noso país. A partires deste momento a sociedade será eminentemente patriarcal convertendo á muller en moeda de cambio. Tanto na Alta como na Baixa Idade Media ou na Idade Moderna a muller no abandonou ese papel imposto polo home, de moeda de cambio que servía para unir familias, asegurar territorios ou consolidar estatus social.

Cal é a razón da dote? Por qué a familia da noiva ten que pagar ao marido?

Son dúas as razóns que motivan a existencia da dote:

A primeira é a de compensar ao marido polos gastos que ía ocasionar a chegada da esposa a súa casa.Esta tradición recollida documentalmente fala dun dato erróneo, se ben é certo que a chegada dunha esposa a unha casa significaba o aumento dunha boca á hora de comer tamén significaba dous brazos máis á hora de traballar e a muller galega, se por algo se caracterizou ao longo da historia, foi pola súa capacidade de traballo.

A segunda razón é dotar á esposa, por parte da súa familia, dunha independencia económica suficiente. En caso de morrer o marido os cartos ou os bens mobles que a familia aportara pola esposa quedan sempre en mans dela, iso sempre e cando o marido, que dende o momento do matrimonio podía xestionar os bens e os cartos aportados pola esposa como dote, non os vendese. Para levar a cabo a venda dos bens dotais da esposa necesitaba unha autorización previa da súa dona, feito ao que a familia da noiva soía opoñerse con contundencia, xa que esa autorización significaba a perda dos bens dotais. De igual maneira en caso de falecer a esposa sen fillos o seu viúvo estaría obrigado a entregar tódolos cartos e bens da dote ao seu sogro, sempre e cando non estivesen vendidos.

A dote convertía á muller nunha mercadoría ao longo de toda a súa vida. De nova era apetecida por todos aqueles que desexasen aumentar o seu patrimonio ca dote da noiva. Unha vez casada o seu valor decae pois os bens dotais son xestionados polo marido que pode incluso chegar a vendelos.

Qué acontece cando queda viúva? Se cando enviúva resulta ser unha muller aínda nova pode volver a casar. Ao seguir mantendo a súa dote faina apetecible a homes de igual ou superior escala social, teña ou non fillos. En caso de enviuvar xa cunha certa idade, a súa dote máis a terceira parte dos bens do marido, ao que tiña dereito legal, convértena en obxectivo apetecible para homes de menor categoría económica e social ca súa. un exemplo de que unha muller se podía converter en apetecible pola súa dote.

Pode unha muller casar sen dar unha dote?

Non hai ningunha lei que impida a unha parella casar sen que a noiva aporte a dote. Pero esta práctica está tan arraigada na tradición popular que casar no século XVI sen aportar dote era considerado como un insulto por parte da familia do noivo recaendo unha mancha de desprezo na familia da noiva. De aí que non se contemplase na sociedade unha unión matrimonial sen previamente ter aboada a dote.

Qué acontece con aquelas mulleres que por falta de medios económicos non poden pagar unha dote?

Para evitar que unha muller non quedase solteira por falta de cartos para aportar unha dote a sociedade crea as obras pías para doncelas, son fundacións piadosas ás que unha persoa pode deixar bens ou cartos no seu testamento e que teñen como fin poder casar mulleres ou pagala dote necesaria a aquelas mulleres que queiran ingresar como monxas. É innumerable o número de testamentos nos que se deixan mandas a este tipo de fundacións, ben sexa para casar ou para ingresar nun convento, algo excepcional é o testamento de don Lois Salcedo e Cañames, veciño de Torralba (Cuenca), dado no ano 1615, no que podemos ler que deixaba 300 ducados para “casar mujeres pobres y no monjas, por la necesidad que hay de gente y cuan conveniente es la multiplicación”.

Se quixésemos buscar un exemplo dunha cuantiosa dote escolleríamos o que ten lugar o 18 de febreiro de 1482. Nesta data don Pedro de Bolaño, xenro do mariscal Pardo de Cela, redacta en Torés (Lugo) unha carta de dote a favor da súa filla Leonor de Bolaño para que puidese casar con Afonso Vázquez de Cabarcos, na que lle outorga: “todos los bienes rayzes e heredades (...), en la parte dellos que vos mas quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espinera e Mariñas de Bibero fasta la billa de Bibero”.[1] Para que non coñeza a zona dicir que os bens cos que Pedro de Bolaño dota á súa filla sitúanse dentro dos actuais concellos de Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro.

Outros exemplos máis modestos podémolos atopar no ano 1598, un 29 de maio, data na que o veciño da Rilleira de Ambroz, Álvaro de Chao, organiza o matrimonio das irmás Dominga e Sabela, ambas menores de idade, das que el é titor por falecemento de seus pais. Dominga recibe como dote 12000 marabedís e varias pezas de roupa valoradas en 2000 marabedís. Estipúlase no contrato que en caso de falecemento de Dominga todos estes bens deben de volver ás mans do titor ou dos seus herdeiros. A outra irmá, Sabela, recibe a casa da Fonte do Torno, xunto cas súas herdades e a casería de Longarela, tamén cas súas herdades. Ademais recibe roupa por valor de 8000 marabedís entre a que destaca unha “saya clara de Londres”.

O acto de entrega dos bens dotais era considerado como algo moi oficial no que o sogro nomeaba unha testemuña pola súa parte, de igual maneira facía a familia do noivo. Estas dúas testemuñas eran as encargadas de estipular o valor de cada unha das cousas que o sogro entregaba ao xenro. O 10 de novembro de 1591, levántase un documento oficial en Mondoñedo para contemplar os bens que Antón Pardo outorgaba a Xoán de Cabaneiro como dote da súa filla. Neste documento, que está recollido nos protocolos da Catedral polo escribán Callobre, podemos ver como se anotan 2 mantas de saial e o seu valor, 24 reais, 2 cabezais de pluma valorados en 20 reais, 3 sabas de estopa en 18 reais e unha de lenzo en 12 reais, unha maseira nova de táboa de castiñeiro para amasar valorada en 4 ducados, bastante cara se pensamos que o carro ferrado que lle dá está valorado en 7 ducados. Dez días despois levantan outro documento oficial para anotar o gando que o sogro dá como dote. En ningún apartado do documento se pode ler se a noiva estaba contenta ou non, é o que ten ser mercadoría, que non podes opinar.

Qué acontece cando o futuro xenro con confía en que seu sogro lle pague a dote?

Esta é unha situación que adoitaba darse bastante, feito polo cal, a dote aparecía recollida nun documento oficial redactado ante escribán, pois en caso de non entregar o acordado sempre se podía denunciar. Tamén se acostumaba a empregar as figuras dos fiadores (persoas de respecto que se comprometían a abonar a cantidade pactada en caso de que o sogro non o fixese).

Así lle acontece no mes de outubro de 1593 ao cóengo Alonso da Fraga e Gaioso, quen pretende casar a unha parente súa, Inés Fernández de Montenegro, con Simón de Rois, veciño de Arante. O cóengo ofertara como dote 420 ducados, dos que 50 serían en roupa para ela e 200 a entregar no momento da voda. Os 170 restantes entregaríanse en cómodos prazos. Pero o futuro esposo non as tiña todas consigo e solicitou fiadores para eses 170 ducados. O citado cóengo buscou a outros dous cóengos de Mondoñedo, Álvaro Pérez Osorio e Pedro Vázquez, como fiadores. Para que o avalasen, o cóengo Alonso da Fraga, tivo que venderlles unha casa que tiña en Leiro, en caso de non abonar os 170 ducados os cóengos fiadores pagarían a cantidade pero tamén se quedarían ca casa de Leiro. Todo isto quedou recollido nun protocolos notarial conservado na catedral mindoniense.

En caso de que a familia da noiva e a do noivo non se puxesen de acordo sobre que cantidade de cartos ou bens deberían de pagar en concepto de dote recorríase a unha persoa de respecto para que actuase como xuíz sendo o encargado de ditar a cantidade económica ou de bens que o sogro debía de dar ao futuro marido. Así lles acontece en decembro de 1593 a Xoán de Castro que quere casar a súa filla, Sabela, con Antón de Quiroga. Ao non poñerse de acordo na cantidade buscan ao bacheler Fernando Sanjurjo de Montenegro para que actuase como xuíz, comprometéndose ambas partes en aceptalo ditame do xuíz.

Como pai dunha nena que son rexeito totalmente a posibilidade de que un pai poida decidir con quen casa ou non a súa filla. Penso que é totalmente ilegal e amoral que un pai concerte a voda da súa filla sen que ela teña nada que dicir. Pero non me estraño cando leo que membros de outras culturas, que viven dentro da nosa, realizan estes actos porque a sociedade levou a cabo este tipo de matrimonios ata hai moi poucos anos.


[1]
consultada o 06/03/2013.