Cantares gallegos: a conciencia nacional

Cantares gallegos: a conciencia nacional

Como xa se ten advertido en varias ocasións, pode comprobarse que dous poemas, inseridos no libro de Rosalía, non foron contabilizados por ela na enumeración arábiga do conxunto. Se nos cinguimos á primeira edición (1863), vemos que están ubicados entre o 25, “Castellanos de Castilla”, e o 26, “Vente rapaza”. Un deles, “La gaita gallega”, é un poema xa publicado antes en 1860, con dedicatoria a Murguía, polo seu autor, o poeta castelán, Ventura Ruiz Aguilera, amigo do matrimonio entón. O outro, que xustifica a presenza de aquel, é a resposta rosaliana, co mesmo título, mais en galego, “A gaita gallega”, e as mesmas partes correlativas. Forman, pois, un conxunto dialéctico, un diálogo, con cada súa visión de Galiza. No deixa de rechamar o feito de unha resposta a un poema en castelán se facer en galego, unha ruptura, polo menos no plano artístico, das normas diglósicas xa entón imperantes, o que reforza a aposta rosaliana por unha literatura nacional propia. O feito de non considerar estes dous poemas dentro da saga numerada parece indicar que non deben tomarse como glosas de cantares populares, que non entran na mesma concepción que o resto, malia mereceren integrarse no mesmo libro. Son a expresión directa de dúas persoas, de distinta nacionalidade e lingua, castelá e galega, cunha visión ideolóxica consciente e propia, uns manifestos sobre a situación da Galiza, país que é obxecto de reivindicación ao longo do libro. Non se trata, pois, de manifestacións da mentalidade popular, dos costumes e hábitos colectivos, de problemas, de sentimentos e afectos de homes e mulleres da colectividade, expresados formalmente desde dentro dela e deixando patente a súa dignidade. Constitúen, máis ben, o núcleo ideolóxico-político de Cantares, un libro, non o esquezamos, reivindicativo non só da capacidade artística da lingua galega, senón tamén da capacidade e dignidade do pobo galego fronte a quen o maltrata, denigra e despreza. No poema rosaliano enúnciase ese maltrato e denúnciase a quen o exerce, definindo así o cerne do conflito nacional que padece Galiza e que condiciona o seu futuro. O libro elévase, deste xeito, a un nivel diferente dos poemas que o anteceden, porque “A gaita gallega”, a contestación rosaliana a Aguilera, desvenda a causa da prostración de Galiza: o maltrato por España. Transcende a mentalidade popular sen romper con ela, coa temática e a intención do resto dos poemas.

Ler “A gaita gallega”, atendendo ao contexto no que foi escrito, deita unha potente luz sobre o seu atrevemento, heterodoxia e iconoclastia, sobre a súa portentosa ostentación de conciencia nacional galega. Non me cansarei de repetir que ningún poeta do século XIX se atreveu a propor, ou insinuar sequera, que Galiza non debera chamarse nunca española. Cando se estaban sentando as bases para a creación do Estado español, centralista, fundamentado na idea de nación española única, como símbolo de unidade, progreso e liberdade, fronte a división, atraso e escurantismo, había que ter moita coraxe psíquica e unha convicción ideolóxica fonda para, sen complexos, enunciar a necesidade de renegar de España. A renuncia á consideración de españois está xustificada, precisamente, nas consecuencias negativas que, para Galiza, está a ter a articulación do Estado español e a invención da idea de España como nación: esquecemento, infamia, vergoña, desprezo, soidade, desamparo e emigración. Galiza non ten Estado propio, non está amparada ou representada por ningún concepto de patria en ascenso que a recoñeza como tal con seus dereitos: “Galicia, ti non tes patria,/ti vives no mundo soia,/e a prole fecunda túa/ se espalla en errantes hordas”. Mais, por se non abondase, faise un paralelismo dos sufrimentos de Galiza co martirio de Cristo, a imaxe do Nazareno coa coroa de espiñas e a súa cruz ás costas, tan querida entón polos defensores dos pobos martirizados de Europa polos imperios, de forma moi especial para se referiren a, Polonia, como tamén o fai Ventura Ruiz Aguilera. Porén, Rosalía dá un paso máis e convérteo nunha Virxe mártir, feminízao para simbolizar Galiza: “Antes que Galicia suba/ coa cruz que o seu lombo agobia/ aquel difícil camiño/ que o pé dos abismos toca, / quisais cansada e sedenta, / quisais que de angustia morra./ Págueche Dios, bon poeta,/ esa esperanza de groria,/ que do teu peito surxindo/ a Virgen-mártir coroa”. Rosalía asegura que a dúbida de Aguilera respecto do son da gaita, o refrán ou estribillo do seu poema, “no acierto a deciros/ si canta o si llora”, debe mudarse na certeza do seu na súa resposta: “Eu podo decirche/ non canta que chora”. Tal é o sufrimento de Galiza neses proceso en curso da creación de España.

Aínda máis, cabe sinalar outros aspectos significativos. O poema de Aguilera e a contestación rosaliana sitúanse inmediatamente após “Castellanos de Castilla”, o número 25, a protesta máis dura, unha afirmación nacional contundente derivada da expresión dunha maldición case bíblica contra Castela polos malos tratos que se dispensan alí aos segadores galegos. Posto en boca dunha muller do pobo que vén de padecer a morte dun ser querido por esta causa, foi un poema recitado e moi valorado, sobre todo na emigración, durante a transición do XIX ao XX e en grande parte dese século. De forma insidiosa, acabou por padecer o cualificativo de xenófobo, desde dentro de Galiza, por quen adoita a recorrer á inversión das situacións como forma de racionalizar ou agochar o seu autoodio, desvalorizando e confundindo sobre a obra e a intención de figuras senlleiras da nosa historia, neste caso, Rosalía de Castro. Coincidindo cos 150 anos de Cantares, puidemos ler como no xornal La Voz de Galicia (26, maio, 2013) Fernando Salgado, exconselleiro socialista da Xunta e xornalista, enfiando coa demagoxia de Alonso Montero de hai case cincuenta anos, escribía: “Cantares gallegos cumple 150 años. Aquel hito poético, clave en la recuperación de la identidad gallega, supuso también la mayor afrenta sufrida por Castilla en forma de verso; Rosalía culpó a los “secos fillos do deserto” de degradar a los gallegos que, según la cantiga popular, iban “como rosas” a segar a los campos de trigo y volvían “como negros”. Apenas cinco años después, en 1868, otras dos insignes mujeres de Galicia- Concepción Arenal y Juana de Vega- reparaban parte de la injusticia”. Refírese Salgado á publicación en 1868, con motivo do padecemento de fame e enfermidades nos campos casteláns, dun opúsculo en defensa de Castela, titulado “La voz que clama en el desierto”, obra de Concepción Arenal, costeada pola Condesa. Nel facía propostas de medios urxentes de socorro e medidas para evitar que a catástrofe se repetise, alén de recorrer a unha exaltación do carácter heroico de Castela, como centro nuclear do Estado e da Nación, o que o señor Salgado obvia de forma interesada. Madia a leva! Estamos perante unha característica do colonizado progre en estado puro. A prédica e exaltación da solidariedade cos de fóra fainos totalmente insensíbeis coas calamidades dos de dentro. Non doutra forma podemos comprender que se contrapoñan actitudes e condutas de dúas mulleres, intentando desprestixiar, descualificar e condenar ideloxicamente unha delas como insolidaria, naturalmente a que tiña conciencia galega, mentres se louva como modélica e solidaria a que ten conciencia española castelanista. Semellante dialéctica simplista e maniquea ficaría rebentada só coa seguinte pregunta: Que valoración debe merecer entón a figura e obra de quen, coñecendo as fames e as enfermidades, recorrentes na Galiza, e a secuela da terríbel e constante emigración, por vivir mesmo aquí, non se preocupou de denuncialas, clamando no deserto, e moito menos de solicitar medios para palialas e medidas para evitar que se repetisen? Concepción Arenal só moi tardiamente, e de forma colateral, sen desprenderse dunha reflexión xeral española, acabou por aludir ao problema da fame e da emigración na Galiza (“Hai Irlanda pero no hay Cobden”, La Ilustración gallega y asturiana, 1881). Na súa boca, como na de tantos outros, Galiza era unha palabra que non se ousa pronunciar. Está claro que Rosalía practicaba a solidariedade co pobo galego, o seu, tan necesitado dela, e con tan escasos defensores desde dentro del mesmo. Condenar a expresión de rabia, expresada emocionalmente, perante un fenómeno de maltrato, coa secuela de morte, que ninguén se atreveu a negar nunca, cal foi o sufrido polos segadores galegos en Castela, é un exercicio de amnesia histórica que non ten sentido, e menos para desvirtuar a razón de ser dun poema extraordinario. Facelo en nome da solidariedade e da loita de clases só pode ser entendido como un exercicio de demagoxia infantil apto para cavar máis fonda a nosa submisión e acomodo servil.

Por que compara Rosalía os segadores galegos en Castela cos negros? Estamos nun intre álxido do debate sobre a escravitude. A guerra de secesión nos Estados Unidos está en curso. Pretende Rosalía, á vez que evoca o trato que reciben os negros como escravos, no substrato do poema, manifestar que o recibido polos segadores galegos en Castela é similar. O trato inhumano prodúcese en moitas partes do mundo e ás veces condenamos o que se dá a milleiros de quilómetros de distancia sen facelo co que se dá en ámbitos máis próximos. Esta é a forma rosaliana de incardinar moitas veces o nacional e o internacional. Para ela non podía ser doutra maneira a forma de tratar o tema da escravitude que conectándoo co papel que cumpríamos como emigrantes dentro e fóra do Estado, especialmente Cuba, onde a man de obra galega chegou a cumprir o mesmo papel que a man de obra negra, case en réxime de escravitude, como ben se sabe.

Vaiamos a outros trazos significativos. A partir de “Castellanos de Castilla”, entramos na parte final do libro: quedan seis poemas, se contamos só os numerados, e oito se contamos todos, tamén os dous que non son glosas de cantares, “La gaita gallega”/ “A gaita gallega”. Nótese que, após da denuncia e anatema, coa maior énfase e carraxe de todas até entón, derivadas dunha dura experiencia, a dos segadores en Castela, por boca do pobo, está colocado o núcleo ideolóxico-político do libro, directamente en boca de Rosalía. Do anticastelanismo pasamos ao antiespañolismo. Cal é o devalar do libro entón, a partir de aquí? Os seis derradeiros conxugan varias febras: a vida e mentalidade populares observadas desde dentro (“Vente rapasa”, 26); o sentimento de amor/desamor, o home como criatura amorosa construída pola afectividade feminina (“Cando a luniña aparece”, 27); un significativo por moitos conceptos, poema en boca da propia autora, de fundamento biográfico, “Como chove miudiño”, 28, ela formando parte do cadro nacional, identificación coa terra, coas xentes, coa familia, e constatación da evolución da historia. A seguir van poemas que alían voz popular e voz rosaliana nunha simbiose perfecta, como se se fusionaren a meniña gaiteira e a autora nunha unicidade, nun suxeito lírico híbrido. “Miña santa Margarida” (29) é a natural exteriorización dun amor e unha atracción feminina polo mesmo sexo, tan feliz e acertadamente musicada polo Sexteto Tempo Catro (“Rosalía de Castro, os ollos que falan”, AS-PG, 2013). “Vaite noite” (30), incitación, esconxuro, para un espertar popular, unha chamada á mocidade, unha alborada, foi escrita para tocar un gaiteiro de Padrón e adaptada para a súa música. Por último, está a que simboliza a mellor síntese ou simbiose da meniña gaiteira e espírito da autora, se se quixer, a transformación da meniña gaiteira, após cumprir a encomenda inicial, cantar na lingua que falamos, e a de Rosalía incardinada no espírito do país, do pobo galego, do que ela tamén forma parte: “Eu cantar, cantar, cantei”, 31. O libro debe rematar, após esta viaxe ou percorrido, escenificación multifacética, para defensa e dignificación do país, da súa lingua, das súas xentes, como capaces de historia e de futuro. Unha artista popular e outra artista culta, participantes do mesmo espírito patriótico, confundidas ao cabo, porque ambas as dúas senten amor da patria: “ o amor da patria me afoga”, di a meniña gaiteira ao final. Indiquemos que ela mesma advirte que o sentimento non abonda para explicar certas cousas. Está a reivindicar tamén o papel da razón, do pensamento, da filosofía, da ideoloxía, para comprender o mundo, o papel que ocupamos nel, pobos e persoas.

Como vimos, ten xustificación non numerar os dous poemas que intentan unha explicación, a condolencia allea sobre a prostración do país, e a contestación rosaliana, por canto non son glosas e teñen a función ideolóxico-política que analizamos. Agora ben, non sería acertado non telos presente desde o punto de vista do significado simbólico da estrutura, do conxunto do libro. Cumpren unha función dentro dela. Alén de significar unha culminación climática dentro do libro, abren unha fase final da saga numerada, máis claramente híbrida, como vimos, cunha presenza máis directa do espírito rosaliano. Polo demais, así o número real de poemas nesta primeira edición sería 33, número do que non fai falla ponderar o seu significado: Cristo foi crucificado aos 33 anos. O tres é un número recorrente na súa vida. Volvemos desta maneira ao contido, aos paralelismos, á identificación de Galiza co Cristo mártir, que o poema “A gaita gallega” aproveita, seguindo o de Aguilera, feminizándoo na Virxe-mártir. Inserimos deste xeito o conxunto do libro na simboloxía da redención dos pobos, das nacionalidades oprimidas.

Realmente partillaban os seus amigos españois esta conciencia nacionalista de Rosalía? Estaba, por exemplo, Ventura Ruiz de Aguilera de acordo con ela, tendo en conta que era un convicto da causa da soberanía dos pobos europeos oprimidos? Non podemos dar unha resposta xeral e sen matices. Para comprender os niveis de comprensión e/ou aceptación que podían ter do problema nacional, non confundíndoo coa unidade española, senón identificándoo coa pluralidade nacional do Estado, hai que ter moi presente o contexto ao que temos aludido ao comezo sobre a construción do Estado centralista en paralelo á invención de España como nación. Cabe unha certa ambigüidade en moitos deles. Porén, o propio Ventura Ruiz Aguilera é máis sensíbel e irritábel, naquela altura, perante os ataques a Castela, como centro nuclear da “nación”, que perante a negación da españolidade de Galiza por Rosalía. Alén de ser castelán, a súa actitude indica que está máis arraigada emocionalmente nel a idea de supremacía castelá na invención de España que o sentimento e a ideoloxía, que se estaba a construír aínda, o españolismo, como forma de asimilación. Así, na súa crítica de Cantares Gallegos (El Museo Universal, 29, maio, e 5, xuño, de 1864) non repara negativamente na proclama antiespañola de “A gaita gallega”, malia ser unha contestación ao seu poema como mesmo título en castelán, como non nega a prostración de Galiza. É como se comprendese que merece outro trato, outro amparo na España. Porén reaxe con virulencia perante “Castellanos de Castilla”, non só por consideralo un erro ou unha inxustiza que lle provoca dor até o extremo de querer velo borrado do libro, senón tamén porque: “¡Miserable fanfarrona Castilla, este pedazo de tierra heroica, de donde un solo puñado de leones llevó a los más remotos confines del globo nestras banderas, nuestra religión, nuestro nombre, nuestra hidalguía, nuestras artes y nuestro idioma, llenando el mundo de hazañas portentosas, de hechos increíbles, y atando a su carro triunfal poderosos imperios? (…) se ha distinguido siempre por la lealtad, por la nobleza, por el valor caballeresco, por el espíritu libre, por la virtud y por el genio privilegiado de sus hijos. Lo que ha sido, se lo ha ganado ella; los pueblos es preciso que tampoco lo esperen todo del acaso y de la generosidad extraña. Después de todo, si tan mal se porta Castilla con los gallegos que a Castilla vienen por pan, ¿por qué vienen? Ya ve Rosalía Castro que el remedio es fácil, y que si tuvieran otro mejor no admitirían éste, y harían bien”. Esta franca manifestación do seu parecer contén todos os elementos para analizarmos as limitacións dos demócratas e republicanos españois á hora de comprender o problema nacional, o galego en particular, e como neles se solapaban castelanismo e españolismo dunha forma moi íntima. Éralles moi difícil superar, no mellor dos casos, unha actitude paternalista.