Cans, pulgas e carrachos

Cans, pulgas e carrachos


Comparar ó ser humano cos animais, na maioría dos casos, resulta odioso. Sensibilidades á parte, agardo que este conto sirva para unha reflexión sana sobre a nosa propia identidade colectiva.

A veces coido que somos un can fraco. Ladrámoslle ao inimigo dende a nosa condición de can atado. Ímonos enchendo por momentos de pulgas e carrachos e non hai mal que por ben nos veña.

Entendo a necesidade de renovarse, como o feito de rascarse contra o chan; terra que é causa é razón da nosa existencia: a defensa da nosa leira.

A nosa condición de encadeados maréanos. Volvémonos violentos, rabiosos, incluso hai veces que trazamos círculos ridículos tentando collernos a cola. Hai tamén quen reduce a nosa leira a parcelas inferiores onde sentirse máis a gusto, cegándose na loita por unha causa moito maior e máis ampla.

Na ignorancia dos de afora hai quen di que hai tres cans con distinto colar. Eu digo que non, que hai dous lobos na nosa leira: un con cara de malo e outro que se viste de ovella; e despois estamos nós.

Non podemos só ladrar e ensinar os dentes. Temos ese mandato honesto de liberar, dirixir e coidar dun rabaño que nos ve como alleo e diso ten moito que ver o lobo que o alimenta; cebador que o engorda na desidia cunha causa que nin é honesta nin é nobre. Lobo que o nutre na ignorancia duns pastos miserables e que os confunde cos contos dos raposos.

É un xeito excesivamente sinxelo de plantexalo, non?

Mais no fondo de isto veremos que na sinxeleza das verbas agóchase a complexidade dos conceptos.

Somos un can, fraco, que moito abriga e que por moito que digan si que ten o seu peso na historia. Achégase o momento de coller folgos para a loita: afiar os dentes e coller forzas. E sería bo que comezaramos a pensar se somos parte do can ou só somos pulgas e carrachos que o achuchan.

Se queres ser can, non penses que só con que nos brile o pelo nos verán con mellores ollos as ovellas porque non se trata só diso, que tamén. Se es pulga, eu recoméndoche dous lobos nos que poñer os teus ovos, comer e botarte a durmir. Mais sobre todo, se ó final do conto descóbreste como carracho, que saibas que a túa existencia depende da nosa e non á inversa. Deséxoche que abandones o noso can e goces das reservas de sangue que che queden porque o teu futuro non a de ser moi prospero sen o noso sustento.

Esta é a historia, seguramente moi simple para os filósofos e moi complexa para os simples. Que cadaquén lle saque o miolo.