Cando violan a unha están a violarnos a todas

Cando violan a unha están a violarnos a todas

Remata a xornada e a xente marcha. Eu quedo un anaco máis ca o resto, soa. Asegúrome de que o ascensor fique pechado. Deixo o caixón aberto coas tesoiras preto. Ao marchar, apuro o paso até o coche. Levo as chaves na man e unha delas metida entre os dedos e agarrada forte entre eles. Miro a un lado e outro. Poño o peche e marcho. Non me decato do ritual. Mais o repito a cotío.

Non é paranoia. É un mecanismo de autodefensa que unha aprende desde o berce. As mulleres temos medo a ser atacadas en espazos públicos e mesmo privados, cando nos atopamos soas, aínda que nunca sufríramos persoalmente este tipo de violencia. As agresións sexuais son xeradoras de temores e terrores. Condicionan a nosa vida. Desencadean cambios no noso comportamento e impiden que realicemos actividades libremente.

É un sistema de control levado a cabo polo heteropatriarcado en todas as sociedades do mundo. Tanto a violación como a violencia de xénero, son unhas armas poderosas no control social das mulleres, unha ameaza para que non poidan participar na vida pública, política e económica do mesmo xeito que fan os homes. A violación é unha arma, una ferramenta que se emprega nos conflitos bélicos para someter a poboación civil, unha arma efectiva para o xenocidio e a opresión. Mais en tempos de “paz” segue a ser unha ameaza constante para todas as mulleres, por parte de quen intenta reforzar a orde establecida e ter o control, mantendo en desvantaxe ao outro sector da poboación. E hai que recoñecer que lles funciona. Non só porque haxa multitude de energúmenos dispostos a seguir mantendo o status quo, senón pola complicidade de boa parte da sociedade que xustifica dalgún ou doutro xeito a chamada “cultura da violación”.

Prendede a televisión. Revisade a publicidade. Comprobade como banalizan a violencia sexual e empregan imaxes do imaxinario da violación, da masculinidade violenta para vender os seus produtos. Escoitade algunhas letras musicais. Ollade algunha película que teña escenas de sexo. Prima a sexualidade violenta. Os empurróns, as roupas rachadas, a loita, os azoutes. Dalgún xeito, a paixón demóstrase só con desexos violentos dos homes cara as mulleres. Mesmo cando amosan relacións entre persoas do mesmo sexo as prácticas sexuais seguen a ser violentas, e na meirande parte soen ter como protagonistas aos homes. Son poucas as interpretacións de relacións igualitarias, sen dominación, nas que exista complicidade e non sometemento.

,As mulleres medramos coas recomendacións de non levar escotes, nin a saia moi curta, en determinadas situacións e contextos. Que teñamos coidado por onde camiñamos. Con quen falamos. Se miramos e como miramos a un descoñecido. A cambiar de beirarrúa se imos soas e vemos un grupo de homes. A comprobar quen agregamos nas redes. Cando abrimos a porta de casa. Cando subimos no ascensor. Que non fagamos autostop. Coidado con quen compartimos piso. Se practicamos sexo, que non sexa con moitas persoas, ou se foi así, que non se saiba. Vixiamos as copas. Pechamos inconscientemente as pernas cando nos sentamos. Procuramos manter distancia nos medios de transporte público. Fuximos dos lugares escuros. De zonas despoboadas. Se nos di que non viaxemos soas. Estamos sempre en alerta, prestando atención, vixiando as nosas costas, atentas ao que sucede ao noso arredor, sen baixar a garda nunca. E se algún día nos agriden, é porque non seguimos todas estas regras, entón É CULPA NOSA.

A cultura da violación tamén é culpar á vítima. A cultura da violación é empregar o PERO. Son todos eses comentarios que aparecen nas redes sociais sobre as agresións sexuais no “ San Fermín”, culpabilizando ás mulleres por querer divertirse igual ca o resto, por quitarse a camiseta, por ensinar os peitos, por emborracharse. É ben certo o dito de que “o corpo das mulleres é o lugar común onde todo o mundo pensa que ten dereito a opinar”. Ninguén pon o acento na morea de homes que levan as camisetas igual de manchadas de viño, igual de pegadas ao corpo, ou aos seus peitos espidos, marcando os seus penes entre os mollados pantalóns brancos, que pese a todas estas circunstancias non mudan o seu comportamento, porque non temen ser agredidos sexualmente por unha muller ou por un grupo de mulleres. Non o fai ninguén, porque sinxelamente, iso non sucede.

Abonda xa de “PEROS”. As mulleres debemos poder exercer a liberdade de vestirnos como e cando nos pete sen ter medo a que nos agredan. E sen que se nos culpabilice. Por moito que unha non comprenda que se poida desfrutar e divertirse nunha praza ateigada de xente, nunha festa de exaltación da violencia contra os animais, elas teñen que poder facelo sen sentirse acosadas, sen ser agredidas. Na turba de testosterona os homes teñen que saber que os corpos son privativos. Propiedade de cada quen. Non hai condicionantes que se poidan esgrimir para xustificar que sen consentimento se produza ningún contacto de índole sexual. Non hai eximentes nas condutas violentas. Deixemos de empregar a dicotomía “santas” e “putas” para protexer a unhas e condenar a outras. Ou acaso hai escalas na graduación da falta, en función do número de persoas cos que manteñan sexo? En función de se vestimos dun ou doutro xeito? Unha agresión sexual o é desde o momento que pretenden obter satisfacción forzando á outra persoa. NON É NON. Se non hai consentimento é unha violación. E non hai outra.

Mais a realidade é cruel. Na meirande parte dos xuízos por agresión sexual podemos atopar comentarios sobre a presunta incitación á violencia por parte da vítima (mesmo se estamos a falar de crianzas abusadas), co tan manido “ela provocoume”. Son tantas as razóns que buscan para culpabilizar ás vítimas que asustan. A morea de eufemismos que empregan para non referirse ás agresións. As probas “de bo nome” aportadas polos agresores (era un “bo” pai, un “bo” traballador, un “bo marido”). O descrédito amosado ante a conduta feminina. E as penas, irrisorias. Tampouco hai condena social. Cantos casos coñecedes de directores de cine, actores afamados, escritores, denunciados por abusos sexuais ás fillas, por agresións a compañeiras de reparto, ás súas parellas ou exparellas, que a pesares disto seguen colleitando fama e arroupe social mentres as vítimas son illadas? Do mesmo xeito que sucede coa violencia machista, a prevención é cousa de mulleres. As campañas non van dirixidas aos agresores, senón ás vítimas. No mellor dos casos, recomendan a autodefensa, no peor, que tomen as precaucións sabidas para evitar as agresións, e que teñan sorte. Porque ás veces quen te viola é quen debería ampararte e protexerte, ou mesmo de quen saen todo ese tipo de recomendacións: pai, tío, profesor, policía, parella...

Como é posíbel que non poidamos convivir nun mesmo espazo homes e mulleres sen vivir co medo a unha agresión sexual? Acaso é sa unha sociedade na que as nenas de oito anos non poden entrar co seu pai no vestiario dos homes dunha piscina municipal? Nun baño público? Alguén reflexionou sobre este aspecto tan cotiá e tan aterrador? É verdadeiramente necesario segregar os espazos públicos para evitar as agresións?

Fagamos deste problema un asunto de estado. Eduquemos en valores ás futuras xeracións que van herdar esta terra. Loitemos por erradicar a cultura da dominación. E deixemos de crer que son enfermos, de dicir que son monstros. Son fillos sans do patriarcado. Son o resultado dunha sociedade que ensina á cidadanía desde que nace que o corpo das mulleres é un ben de consumo, que está a disposición dos homes. Que xustifica e consinte as agresións. Lembremos que entre o piropeador e o violador só hai escalas, mais proveñen da mesma instancia socializadora. Só fica saber que lonxe chegará cada un na súa violencia sexista, no acoso, na súa violencia. Quitémonos e fagamos quitar dunha vez por todas a venda dos ollos. Fagámoslles fronte, sen fisuras.

A violación, as agresións sexuais, a violencia machista son un problema social, non individual. Tampouco deben ser vistas como un problema das mulleres. O machismo está máis arraigado do que creemos. Castiguemos aos culpábeis con penas que sexan disuasorias. E fagamos un chamamento a sumarse á loita a todos aqueles que están dispostos a rachar co patrón estabelecido. Que resisten ao hexemónico. Que rachan coa masculinidade violenta. Que repudian e condenan a cultura da violación. Que fomentan o respecto. Que gozan de relacións igualitarias. Que respectan, que exercen e desfrutan da diversidade afectiva e sexual. Fagamos deste mundo un lugar onde poidamos cohabitar e vivir en liberdade.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.