Cando no sector financeiro os malos costumes deviron en leis

Cando no sector financeiro os malos costumes deviron en leis

Os acontecementos dos últimos días confirman de novo, por se non estivese xa probado, que a liberalización e desregulación do sector financeiro conlevou de xeito parello o ascenso da indecencia. Cando consumimos os últimos instantes da agarda para que nos sexa entregado o certificado de defunción de "Novacaixagalicia", recibimos novas de que os máximos responsábeis de pechala no cadaleito e encomendar o seu enterro, outorgáronse a si mesmos indemnizacións multimillonarias, coa condescendencia das autoridades e institucións encargadas de supervisalas.

Estas prácticas non son novidosas no sector financeiro. Por citar só exemplos máis senlleiros, logo da falencia de Lehman Brothers, o seu executivo Richard S. Fuld, ingresou no peto 53 millóns de dólares. A aseguradora AIG, tamén intervida por estar inmersa na crise financeira de 2008, abonoulle a Martin J Sullivan 22 millóns de dólares. O executivo James Cayne, dirixente doutra entidade en apuros, Bearn Stearns, percibiu en total 98 millóns de dólares. A grande banca privada do Estado español, tendo en conta que aspira a xogar na primeira división mundial, tampouco racanea co finiquito-aguinaldo dos seus directivos: o BBVA pagoulle recentemente 52,5 millóns de euros a Ignacio Goirigolzarri, e xa hai máis dunha década, con ocasión da fusión do Banco Central Hispano co Banco de Santander, as indemnizacións por ceses de directivos sacrificados pola unión bancaria atinxiron os 43,7 millóns de euros para José María Amusátegui e 110 millóns de euros para Ángel Corcóstergui.

As nosas caixas, aínda que modestas, non podían apartarse da tradición, ademais pertencendo a un sector que optou por desregularse, por non ter normas, co consentimento, aprobación e gabanza dos gobernos e formacións políticas que partillaron a ideoloxía radical liberal que propagou as bondades da autorregulación bancaria e os perigos que supuña a contaminación de leis públicas que fixasen criterios reitores en función do interese xeral. Á falta de normas, o que rexe é a costume, e como se pode apreciar recopilando sumariamente algunha información pública e publicada, no sector financeiro o habitual vén sendo retribuír copiosamente, a fartar, aos directivos cando han de recoller os trastes e írense para a casa.

En fin, se non hai regulación, como di o dito, o costume fai lei. Poderemos entón reprochar aos beneficiados a súa catadura moral, mais non a comisión dunha ilegalidade. Non así, a gobernantes con competencias que fuxiron de meter en cintura ás entidades financeiras, que teñen responsabilidade directa por permitiren unhas regras de xogo que facilitaron o desbaratamento das entidades financeiras, por absterse en intervir no sector financeiro a pesar da enorme contía dos recursos xestionados e da función que debe desempeñar de asignación de recursos ao tecido produtivo. Que outros dispendios poderían ter cometido/estarán cometendo, en aras da liberdade coa que manexan os fondos ao seu dispor, á vista desta habilidade para xestionar o diñeiro dos demais en beneficio propio!

Efectivamente, hai que impedir, se estamos a tempo, que os antigos directivos das caixas de aforro se embolsen inxustas retribucións. E se chegamos tarde, hai que obrigar a que as devolvan. E de paso, tomemos leccións deste episodio para que non volva a ocorrer, con licenza de quen acuñou tan acertada expresión, nunca máis.

Un sector, o das finanzas, que ocupa un papel tan predominante na economía, que desempeña un rol tan central como o do sangue no noso corpo, levando osíxeno dun lado a outro, nutrindo a quen contribúe ao desenvolvemento económico das reservas ociosas que ten depositadas, ha de estar sometido a leis públicas claras, a control público, a fin de asegurar a estabilidade da economía produtiva. E con maior énfase, cando acaba de obter unha relevante inxección de recursos públicos.

A indignación cidadá perante estes feitos é comprensíbel. O mesmo sentimento expresado por autoridades e responsábeis directos de fixar normas ao sector financeiro, así como daqueles que son competentes da súa supervisión, é unha afronta á intelixencia de calquera persoa. Máis aínda, nun momento en que están dispostos a conceder, xa non simplemente unha saída persoal a antigos dirixentes da caixa de aforros deixando pasar este episodio unha vez se rebaixe o balbordo mediático, senón incluso a permitir que o sistema se manteña nos seus elementos principais baixo o mesmo esquema: que as competencias públicas no futuro sobre o sector financeiro se limiten a auxilialo cando estea en apuros, a extraelo do fondo dun pozo cando as fendas ameacen con tirar abaixo, alén das paredes do foxo creado, a economía real que o circunda.

A crise non pode, outravolta, ser valedora de políticas que nos guiaron a ela. Vaiamos polo camiño oposto, e non só esixindo o evidente, que caerá polo seu peso, unha regulación exhaustiva da actividade e das prácticas bancarias, senón mesmo reivindicando o regreso a exercer un control público directo sobre as entidades financeiras. Temos diante de nós unha oportunidade, cun esforzo de recursos públicos dos galegos e galegas asumíbel, poder atinxir presenza e participación públicas en NCG Banco, para asegurar o mantemento da súa vinculación con Galiza, cos sectores económicos estratéxicos do país, e cunha actuación subordinada ao interese das maiorías socias de Galiza e non das minorías xestoras.

Procuremos folgos para xuntar vontades e forzas que aposten por avanzar na dirección indicada. Desde as atalaias dos poderes financeiros, coa colaboración de dóciles gobernantes, están -parafraseando ao decadente sureño aristocrático caracterizado por William Faulkner- agardando a que vaiamos de novo de xeonllos a pedirlles que nos quiten o noso diñeiro. Non sexamos nós de novo os paifocos que o consintamos, sexamos os que demandemos un novo marco con control público do sistema financeiro.