Cando matan por divertimento

Cando matan por divertimento

Respira con dificultade. Comeza a sentirse esgotado despois de facelo dar coa capa varias voltas ao praza. En pouco tempo, as lanzas e as bandeiriñas, rojigualda, esgazaranlle os músculos das costas e do pescozo e romperanlle os vasos sanguíneos e os nervios. Non poderá xirar xa a cabeza e só poderá, entón, escornar de fronte. Chega o momento de ser atravesado por unha espada de 80 centímetros até chegar ao corazón. Non terá sorte. A folla da espada rebéntase os pulmóns, atravésalle a pleura e tamén o fígado. Rómpelle a aorta. Agoniza mentres lanza vómitos de sangue. Trata de manter en pé os seus 450 kg. Apenas avanza un metro e sente como lle cravan na caluga un puñal que lle corta a medula espiñal. Reméxenllo ben entre toda os músculos e os nervios até que queda teso. Acabou. A boca, entreaberta coa lingua fóra. Agora arrástrano e só fica del un ronsel encarnado: o sangue.

Imaxinades que en vez dun touro for unha persoa? Faltarían leis para prohibir este esperpento que algúns defenden agochados baixo a tradición. Porén, tamén era unha tradición calcinar vivos os herexes, a execución a garrote, a escravitude... Cultura, educación e valores humanos foron superando estas salvaxadas. E por que non se superaron as touradas? A súa conservación responde a motivos político-ideolóxicos. En Galiza, estas prácticas bárbaras non teñen ningunha tradición, xa que foron importadas nas últimas décadas, responden a unha imposición españolista para a uniformización cultural. Os datos son claros ao respecto: apenas o 3 por cento das persoas galegas se declara afeccionado a esta barbarie. Aínda así, existen institucións, como o Concello da Coruña (PP) ou a Deputación de Pontevedra (PP) que dilapidan cartos públicos na organización das touradas. Lonxe de traballar por erradicar tan cruel práctica allea a Galiza, colaboran e promoven as corridas de touros con axudas directas e indirectas. Sen o apoio destas institucións, as touradas non pervivirían por si soas, ao non suscitaren adhesión social.

,A feira taurina da Coruña acumulou unhas perdas anuais de 560.000 euros nos últimos tres anos. Esta cifra ascendería a case un millón de non ser pola achega económica do Concello da Coruña, próximas aos 390.000 euros. Porén, a asistencia ao Colisem foi pobre: 5.400 espectadores (o 20 por cento do aforro). E isto, malia que no 2011 se repartiron 6.000 entradas de balde. O PSOE promoveu nos últimos anos a subvención directa á feira taurina –sempre co voto en contra do BNG– con 130.000 euros públicos para dúas tardes desta actividade tan cruel. Para xustificar este dispendio, cargos públicos do PSOE na Coruña mesmo chegaron a comparar as touradas con cocer centolas, “nadie le ha preguntado a un centollo qué le parece cuándo lo meten vivo en una olla”. Tal razoamento propio dun cativo de tres anos e tanta simpleza só busca argumentar a imposición do españolismo en Galiza.

Malia que o 73 por cento dos coruñeses e coruñesas rexeitan o uso de cartos públicos na organización das touradas, o PP seguirá financiándoas. E non o fará con subvencións directas, senón pola porta de atrás: co escurantismo transmutado en axudas, para que a cidadanía non poida coñecer o importe exacto desta actividade tan impopular. Que iamos esperar dunha concelleira de Cultura que rexeita o demasiado gallego? Pois que as touradas “tienen cabida como espectáculo igual que la danza o el teatro” e todo facilidades: un concurso público cun ridículo canon de 2.500 euros, a cesión gratuíta do Coliseum, a instalación e a ornamentación da praza por conta do Concello, ao igual que o acondicionamento das diversas zonas, os recheos da area, a limpeza, a desratización, o persoal necesario para a montaxe...

Tanto lle ten ao PP que desde que Negreira é alcalde o paro subira o 20 por cento, con 23.800 persoas desempregadas só na cidade; tanto lle ten ao PP que desde que Goberna, a cidade bata récords en débeda; tanto lle ten que A Coruña sexa a cidade de Galiza con maior risco de empobrecemento; tanto lle ten que os ingresos medios mensuais por fogar na Coruña sexan os que máis se reduciron de Galiza; tanto lle ten que máis da metade da cidadanía coruñesa chegue a fin de mes con moita dificultade; tanto lle ten que os habitantes da Coruña foran os que máis poder adquisitivo perderon... o importante é que haxa touradas en agosto. Así é que este verán volveremos ver nas rúas da Coruña pósters anunciadores da feira taurina co logo do Concello da Coruña (ou, posibelmente, de “La Coruña”). Ao igual que no debuxo de Castelao, ollaremos os cartaces e pensaremos... “Lástima de bois”.