Cando as obrigas non son dereitos

Cando as obrigas non son dereitos

Moito se ten falado nestes días sobre o movemento dos indignados e son moitas, tamén, as interpretacións que se teñen feito ao respecto e, en consecuencia, tamén se teñen mostrado publicamente as contradicións de moita xente á hora de interpretar e analizar estes feitos. Mais aínda está todo por dicir, por resolver.

Postulando a opinión persoal de quen subscribe este documento como parte contratante deste ente disociativo chamado "sociedade" e participando daquela maneira na forma que considero máis acaída tentarei acometer esta densa xungla de terminacións nervosas nun compendio de verbas "en positivo" tal e como recomendan todos os bos manuais de comunicación. As reivindicacións transmitidas dende a voz deste conxunto de persoas son claramente razoables a simple vista. A crise motivada polos grandes poderes económicos que derriba nunha perda dos dereitos dos/as traballadores/as está orbitando acotío polas cabezas da cidadanía. O poder político adoutrinado e pregado á vontade destes entes mostrase claramente como un obxectivo ao que atacar directamente sen máis preámbulos nin conversas. E, de certo, que nunha gran parte de casos é merecido este decorrer dos feitos pero tampouco é menos afirmativo que existen alternativas ou propostas feitas publicamente que non están sendo avaliadas nin tidas en conta, e as ideas ou propostas toda vez que se transmiten están para ser avaliadas e aceptadas polos receptores co afán de poder ser asimiladas sen outra transcrición, pasando a ser un patrimonio de todos e de todas. Entendendo, pois, que a reforma da Lei Electoral na que os votos sexan proporcionalmente directos á representación, cancelación da débeda hipotecaria con entrega da vivenda, posta en marcha dun IVE progresivo en función das dispoñibilidades económicas, activación dun referendo sobre a monarquía, recuperación das empresas públicas que foron privatizadas, abolición das empresas de traballo temporal, etc, como parte importante das reivindicacións feitas dende este movemento compre tamén analizar varios detalles importantes sobre estes temas.

Algunhas voces que se escoitaron durante estes días a algunha das actuacións que tiveron dende este movemento non se corresponde co que, en definitiva, se pretende transmitir ou trocar. Son coñecedor de actos ( durante a campaña electoral ) fora de lóxica pero sen entrar neses detalles o que máis chama a atención é algunha incongruencia palpable, supoño que en aras desa famosa "independencia" política ou sindical da que tanto se ten presumido e que parece ser un lastre para que alguén che poda facer caso. Dicía que as contradicións están nas esixencias que como colectivo queres trasladar, xulgando a todos por igual. E eu pregunto, alguén dos participantes se preocupou de analizar ou ler os contidos dos programas electorais dalgunha formación política? Poida que a resposta non sexa necesaria, pero seguro que alguén dos que participan desta conciencia súpeta quedará estrañado ao comprobar que hai moita xente que xa ten loitado, e sigue, por conquerir un mundo máis xusto baixo premisas que son un calco dalgunha que puxen anteriormente. Entón, onde está o fallo? Onde está a responsabilidade de cada quen? Cando se fixo unha folga xeral no noso país en contra da reforma laboral, do decreto das pensións, onde estaba a xente?

Outro matiz é no de acreditar as solucións ao sistema vixente. Fala, este movemento, que son apolíticos e que nada queren saber, pero entón, como queren solucionar os problemas se non é mediante a interlocución da clase política? Para que se pide a reforma da Lei Electoral se non estamos de acordo co sistema de participación e consideramos que é un bulce máis na perversión e na honradez da humanidade? Como se van a trasladar estas premisas se non estamos dispostos a comezar unha nova revolución ou pola contra os últimos movementos de forza son un conato de por onde van ir as decisións?

En todas as casas hai pó que limpar o que non se pode é pensar que o único inmaculado é un mesmo. As responsabilidades son por activa e por pasiva e as ideas e reivindicacións son patrimonio xeral, non de quen as promulga nin de quen ten a oportunidade de ter os medios de comunicación diante para ser máis visible. Si temos todo isto claro, poderemos comezar a camiñar xuntos para rematar con esta desidia obreira, con esta lenta morte do sustento de calquera país: Os/as traballadores/as.