Cando as galiñas azuis acaban estorbando

Cando as galiñas azuis acaban estorbando

A noticia da privatización das garderías non debería coller por sorpresa a ninguén pois a liña da actual Xunta esta moi clara: privatizar todo aquilo que poidan e si de paso poden mellorar algún amigo que outro, mellor que mellor porque o que menos importa é a calidade da educación dos nosos fillos ou a conciliación laboral pero si é moi importante é manter ben nutridos certos sectores empresariais.

Seguen o formato de que canto menos se fai menos se queren facer porque privatizar non abarata os custes, nin moito menos garante a calidade do servizo senón todo o contrario. As empresas so miran o beneficio e si hai que facer recortes se farán, sendo sempre os perxudicados os usuarios nunca a empresa. Que non veñan co conto de que é para aforrar pois dubido moito que unha empresa que se presenta a un concurso de concesión de un servizo público colla a concesión se non vai obter un beneficio, porque monxiñas da caridade non che son, senón todo o contrario.

Non acabo de entender porque ese repelús a todo aquilo que sexa público será porque están acostumados aos servizos privados, a estudar en colexios privados, a levar aos seus fillos a garderías privadas, a ir a sanidade privade,... e non coñecen a realidade do estado dos servizos públicos e claro exemplo deosto e ver como se recorta na educación pública pero as subvencións a colexios concertados aumentan.

E outro exemplo claro esta na sanidade que cando te inclúen na lista de espera para operar enseguida che din que si queres podes operarte na privada polo convenio que teñen firmado e en menos de dous meses xa podes ter todo listo e vendo a diferencia de tempo tes que acabar operándote nos privados. E isto porqué? Porque lles convén pagar eses convenios en vez de contratar máis médicos e a vez que crean emprego conseguen que a sanidade pública mellore. Para que?

Non se pode falar de xestión cando o único que se xestiona é mirar a que empresa lle damos a concesión, pois si a única laboura e esa pois en vez de eliminar dúas consellerías: educación e cultura, tamén puido eliminar a de Benestar e traballo, porque benestar cada vez temos menos benestar público e si cada vez máis chiringuitos privatizados, e traballo?... xa non é que haxa menos senón que cada vez é máis precario, porque como segun a conselleira os mozos e mozas non emigramos en busca de traballo senón que o facemos para ampliar o curriculum e culturizarnos, razón pola cal educación e cultura estaban de máis dentro do organigrama popular da Xunta.

A solución non pasa por cobrar as menciñas de menos de dous euros, ou de cambiar o nome de galescola por galiña azul para rematar sendo un poleiro en mans de sabe quen, senón pasa pola xestión dos servizos e sobre todo por crer nun estado con servizos públicos. Pero iso require compromiso, capacidade e crer no noso país e non mirarse no espello de comunidades como Madrid e Valencia onde cada día saen novos exemplos de precariedade dos servizos e no ámbito laboral. E por iso vai sendo hora de quen xestionan os nosos bens senón cren neles que teñan a decencia de abandonar o cargo, e aqueles que aspiran a cargos noutros lares que vaian facendo a maleta e deixen de cobrar uns bos soldos a conta dos galegos mentres esperan esa chamada porque vergoña lles debería dar estar vendo como os dependentes galegos cada vez teñen menos recursos, como a educación dos nenos galegos se esta precarizando, de ver como ata as garderías lles supoñen un traballo telas que xestionar, de ver como os nosos hospitais cada vez funcionan peor pola mala xestión pero a fin de mes están felices vendo como parte dos nosos impostos son ingresados nas súas contas polos servizos non prestados a Galiza.

Porque moitos dos danos que estamos sufrindo no noso sistema non é culpa da crise senón da mala xestión que se fan dos recursos e a falta de capacidade e iniciativas para que Galiza avance. Pero mellor seguir sometendo o pobo con recortes e ter os galegos baixo o xulgo do seu bastón de mando non vaia ser que a xeración da galiña azul acaben convertidos nos lideres do pobo e non deixen que as gaivotas abandonen as illas salgadas e así non poderán volver meter os peteiros nos bens dos galegos.