Cando a crise ten faciana de muller

Cando a crise ten faciana de muller

A dor de cervicais mátaa, mais non pode erguer a ollada da asa que está cosendo. O seu rol: fabricar suxeitadores a gran velocidade. Traballa nun espazo tan estreito que apenas pode darse a volta. Sabe que non vai cobrar as horas extra que fai cada día malia que o seu salario apenas lle dá para vivir. Apura as últimas costuras para chegar a tempo a casa: ten que lle dar a cea a súa nai, dependente, lavala e metela na cama; ten que atender o fillo e a filla; ten que preparar a comida para mañá. E, cando a xornada esmorece, métese na cama, exhausta, mais é incapaz de durmir. Apenas pode darlle un bico de boa noite ao compañeiro. Tenta tecer soños con fíos de cores, mais só pode pensar en que remata a campaña de inverno, e con ela quizais o seu posto de traballo. Que facer?, pregúntase. Maquina e maquina... mais todos os fíos rompen e non é quen de coser un futuro viábel.

Non falamos de Oaxaca, nin de Medellín... é unha estampa das fábricas téxtiles espalladas por Galiza: desde O Porriño até Ordes, desde Carballo até Vigo. Trátase da realidade que vivimos mentres albiscamos no horizonte que se achega un novo 8 de marzo. Un 8 de marzo en que o contexto laboral aínda vai ser máis cru como consecuencia da nova reforma aprobada polo PP, que afonda aínda máis na precariedade provocada polas reformas do PSOE. Esta nova reforma laboral converterá os homes en escravos, mais, sobre todo, as mulleres en escravas. E é que as mulleres sufrimos con maior gravidade as consecuencias da crise, padecémolas por partida dupla ou tripla, tratando de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel, porque tamén cargamos sobre as nosas costas as tarefas do coidado e atención á nosa familia. Aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións, súmaselle ese traballo invisíbel non remunerado e sen recoñecemento social ningún, ese traballo derivado da desigual asignación de roles entre o home e a muller no capitalismo que a crise acentúa.

Malia sermos a metade da poboación, constituímos menos da metade da poboación activa e, aínda así, case a metade da poboación en paro. Por todos e todas é xa coñecido que as mulleres que teñen a sorte de atopar traballo remunerado fano nunha situación de desigualdade respecto aos homes, con contratos a tempo parcial, maior temporalidade, salarios baixos, maior presenza que os homes na economía somerxida... Como mostra: só o 5 por cento das mulleres chega á idade de xubilación con 35 anos cotizados. Como todos e todas temos visto, lido e oído nos medios de comunicación informacións que recollen que a muller no Estado español cobra na empresa privada a metade que o home. Nin que falar da presión que sofre a muller en idade fértil -o empresariado fai todo o posíbel por evitar ter entre o cadro de persoal nais ou embarazadas- ou daquelas que pretenden compatibilizar as súas responsabilidades familiares co seu posto de traballo e que ven denegados permisos recoñecidos por leis e ven rexeitada a redución da súa xornada laboral. O triste é que a reforma do PP legaliza este mobbing ao permitirlle á patronal que cambie unilateralmente o horario, as funcións e mesmo o salario. E se non estamos de acordo coas novas condicións: despedimento procedente, con 20 días por ano traballado.

,A crise agrava as situacións de dependencia económica e emocional

Non esquezamos as mulleres traballadoras inmigrantes, cuxa situación de explotación é aínda máis acusada pola súa inserción en sectores máis precarizados e illados e pola vulnerabilidade á que están sometidas pola Lei de Estranxería. E tampouco esquezamos a aquelas que en Galiza levan a peor parte: as mulleres labregas, as mariscadoras e as empregadas do fogar, con condicións de traballo leoninas. Non esquezamos tampouco as vítimas da violencia de xénero nesta crise que acentúa a xerarquización do poder e a tensión social. A falta de recursos económicos adoita provocar un descenso no número de mulleres que denuncian malos tratos ao agravar as situacións de dependencia económica e emocional. De aí que a crise limite a posibilidade de interpoñer unha denuncia por sufrir malos tratos. A situación vai empeorar co recorte de dereitos desde o Goberno central e desde a Xunta de Galiza: aumento da carga da obriga social sobre as mulleres coas tarefas domésticas e de atención ás persoas menores, maiores e dependentes; retallamentos do gasto social e privatización dos servizos sociais. E todo, ao ditado da Unión Europea.

Son das que non gosta de celebrar os "Día Internacional de..." porque acredito en que cada día do ano é o día internacional da muller, dos dereitos humanos, da infancia, das enfermidades pouco frecuentes, do cancro, da sida, da auga, do pobo xitano, da educación física... Con todo, cómpre sermos conscientes de que estes "días" serven para que a sociedade reflexione, para que nas escolas falen da causa en cuestión, así como nos medios de comunicación ou nos clubs de lectura. O importante é reflexionarmos, neste caso, sobre a discriminación e a desigualdade que pesan sobre a muller. Non se trata de incorrer nun fácil vitimismo, senón de abrir un futuro, porque a dereita e os sectores máis reaccionarios da sociedade prefírennos na caverna, na caverna do fogar: caladas, co biscoito preparado para os fillos, co sorriso na faciana agardando polo noso marido despois da nosa xornada de traballo invisíbel e non remunerado. Eu non calo. Por iso apoio a campaña nacional conxunta do 8 de marzo baixo o lema "Mulleres galegas, en loita polos nosos dereitos".