Camiños confusos e camiños practicados

Camiños confusos e camiños practicados

A historia dos distintos grupo sociais que se unen baixo uns criterios comúns para un fin determinado demostra, como elementos básicos para a súa efectividade, a boa organización e os obxectivos claros. Sábeno ben as grandes empresas, os envalentados e mimados bancos, os equipos de fútbol, as distintas asociacións populares, os sindicatos ou os partidos políticos. .. Sobre todo, neste último exemplo, os que, de xeitos moi variados, representan ás grandes corporacións económicas.

O aparato organizativo montado polas forzas máis dereitistas e reaccionarias é sempre medido e coidado para acadar o seu triunfo. Miremos, se non, o artellamento dun partido como o PP que mesmo chega a aproveitar experiencias dunha longa etapa pasada para ese fin de eternizarse no poder.

Observemos con obxectividade os resultados da práctica, política e social, en función desa boa ou mala organización do grupo e tiraremos unha conclusión obvia: sen unha boa organización non é posíbel, no político, é dicir, a respecto dos intereses de mellora global que toda as persoa temos, avanzar en clave colectiva ou mesmo de grupo.

Por iso me estrañan tanto os ecos tan potenciados neste momento de diluíren eses dous obxectivos de ideoloxía e organización. Pensando no futuro das clases populares de calquera país, é difícil comprender que o concepto de ideoloxía non estea baseado nos principios que leven a liberar inxustizas e abusos e dereitos concretos de cada cultura ou nación¸e que as armas para a organización necesaria non se sedimenten nas claves fundamentais da unión colectiva real mediante fórmulas concretas e ben delimitadas que afirmen o avance e o futuro.

Porque isto é o primeiro que aseguran os elementos retardatarios que teiman en perpetuar un grupo de ricos fronte a unha grande masa de pobres. Eles non se andan con dilacións ou dúbidas ao respecto.

Coido que este momento histórico é dos máis confusos que tivemos nos últimos anos. Fronte a esa claridade ou intuición popular de que o sistema político e económico imperante comeza a reducir gravemente os beneficios dos avances dos últimos anos, resituándonos nunha nova Idade Media de nobres e lacaios, mais coa diferenza hoxe do avance técnico utilizado como máquina programada para a durmición da masa; fronte a esta consciencia, digo, do malestar, somos quen de learnos en alternativas desacertadas que, ao final , de seguir así, acabarán por deixar o gobernos das cousas, de novo, nas mans dos de sempre, dese bipartidismo encastelado ferreamente no seu poder.

Non imos avanzar reunindo a milleiros de persoas baixo criterios e obxectivos difusos e contraditorios, porque isto rematará nunha batalla no que cada un ou unha quererá que se aprobe o seu, a súa idea. E son tantos milleiros de ideas como persoas entren nese desexo de cambios e esperanzas. Pode ser alta a afiliación, pero tal como se leva (apuntarse desde unha máquina sen debate directo nen afinidade de ideas), tampouco resultaría raro que ao final a propia organización formada fose asaltada polos mesmos que se intenta combater.

Aínda aceptando que os diferentes métodos utilizados até agora nos partidos e outras formacións se teñen que adaptar á esta nova situación social que tanto mudou en pouquiños anos, e que por iso necesitan cambios , e profundos, parece obvio que da experiencia hai que aproveitar o bo para non caer nas trampas ditadas polos contrincantes e inimigos. É precisamente o que as novas alternativas etéreas non aprecian, axudando así, aínda que non queiran, a fortalecer aos que queren relevar. Isto traerá a desilusión da xente, pois comprobará que as armas novas non serven para darlle a volta á tortilla. E caerán na decepción e na convición desa frase tan desacertada e inxusta: todos son iguais. Pero sen a conciencia de asumir cada un a autocrítica de que tamén el axudou ao fracaso. E deste xeito a historia, de novo, poñerase da parte de quen nos asoballan.