Cambio climático: Xustiza ou mercado

O pasado 18 de decembro cerraba o Cumio de Copenhague sobre o clima (COP-15). Del esperábanse, con inocente inxenuidade, acordos explícitos para unha redución drástica dos actuais niveis de emisións de CO2 así como compromisos concretos de axuda dos países desenvolvidos do Norte ás economías do Sur e economías en transición para que estas puideran continuar ou iniciar o seu desenvolvemento por vías alternativas de baixa demanda en carbono.
O camiño aparentaba estar xa totalmente preparado ao efecto: a conciencia ambiental de Al Gore denunciando o cambio climático convertíase en negocio de enorme éxito económico no mundo enteiro; a Unión Europea que coa súa ampliación cara os desmantelados países do Este podería dispoñer de excedentes de CO2, anunciaba o seu compromiso de reducir as emisións nun 20% (e até un 30% se se daba un compromiso similar por parte doutros países); os chamados países emerxentes, con China, a India e Brasil á cabeza, mostrábanse dispostos a colaborar nos esforzos dos países ricos; os E.U.A. volvían ao protocolo de Quioto anunciando tímidas reducións de emisións en forma de proxecto de lei e o mesmo Obama mostrábase disposto a asistir ás reunións de Copenhague.
Pese a estas expectativas, non houbo boas noticias para o clima ao final do Cumio: e nos espazos mediáticos só destacou a acción de Greenpeace, quen, ao irrumpir cunha pancarta na cea de gala final do Cumio, viña a facer aínda máis visible o fracaso da comunidade internacional na loita contra o cambio climático.
Finalizado o Cumio sen máis que unha declaración non vinculante de boas intencións, só queda a esperanza en que Copenhague non teña sido máis que unha oportunidade perdida e que na cita de México, en Novembro deste 2010, poda retomarse o camiño das inaprazables accións a favor do clima. Mais ningunha esperanza vén dada por si mesma e será preciso avaliar as causas que subxacen no fracaso deste Cumio do clima para poder reivindicar, con xustiza e seguridade, outros camiños
Copenhague: o fracaso do mercado
Dende que, en 1.988, en Toronto (Canadá), se puxera en marcha o Panel Científico Intergubernamental para o Cambio Climático e dende que, en 1992, no Cumio de Río (Brasil), botara a andar o Convenio Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, as evidencias acumuladas polos científicos sobre o quecemento do planeta e as súas causas eran cada vez máis incontestables.
Con estas evidencias como preámbulo e cunha comunidade científica internacional que, con práctica unanimidade, recoñecía os graves impactos ambientais, sociais e económicos que este cambio climático, -inducido pola actividade humana-, podía provocar, e que, con idéntica unanimidade, insistía na urxencia inaprazable de actuar contra o quecemento global do planeta, en 1997, -na terceira reunión da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático-, apróbase o chamado protocolo de Quioto polo que os países máis desenvolvidos (anexo I) se comprometen a reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (medidos en CO2 equivalente) en non menos do 5% respecto ás emisións de 1.990 durante o período 2008-2012.
A redución de emisións aceptada en Quioto foi, na opinión de todos os expertos e grupos ecoloxistas, ben pouco significativa; mais, aínda así, non pode deixar de destacarse a indubidábel importancia do protocolo, por canto viña a recoñecer:
a) A gravidade deste cambio climático inducido pola actividade humana;
b) A necesidade de actuar globalmente para evitar o quecemento do planeta;
c) A responsabilidade dos países desenvolvidos na orixe deste quecemento inducido.
A pesar deste recoñecemento da responsabilidade dos países desenvolvidos, a reunión de Quioto evitou, sen embargo, discutir as responsabilidades máis concretas do sistema de lucro capitalista neste acelerado incremento das emisións de CO2 e, -en coherencia coa filosofía neoliberal de mercantilizar calquer ben de consumo-, o protocolo acabou aceptando crear, -pese á oposición dalgúns países e grupos ecoloxistas do terceiro mundo-, uns perversos mecanismos de flexibilidade que non tardarían en antepoñer o negocio á calquer vontade de redución de emisións: trátase, por unha parte, do mercado de dereitos de emisión, co cal as empresas poden especular libremente co dereito a contaminar, e, por outra, dos chamados mecanismos de desenvolvemento limpo, que permite que as empresas do mundo desenvolvido podan seguir contaminando mediante a fabricación de novos dereitos de emisión (=dereitos de contaminación) a partir, unha vez máis, da expoliación (sustentable?) dos recursos naturais dos países non desenvolvidos.
Estas novas formas de negocio ao redor dunha nova mercadoría, -toneladas de CO2 non emitidas-, creada ao efecto, non tardarían en manifestarse nas reticencias dos países máis contaminantes a subscribir definitivamente o protocolo (os EE.UU, o país máis contaminante do planeta, retiraríase xa no 1.999 ) e non deixa de ser significativo que este só lograra entrar en vigor no 2005 (co 55% das emisións necesarias para elo) despois que Rusia vira naquel mercado unha oportunidade de negocio para as emisións resultantes do seu agora desmantelado poder industrial.
A Unión Europea foi a primeira en estrear este mercado de emisións ( 1 de Xaneiro do 2005) sen apenas pronunciamentos discrepantes entre os grupos ecoloxistas máis representativos, se ben tampouco faltou quen, -ver artigo de Xurxo Muiños Dopazo en A Nosa Terra-, alertaba da inxustiza e perversidade dun mercado que, amais de servir para afianzar ideoloxicamente a discriminación, lles ía permitir ás empresas facer negocio con só deter a actividade ou seguir contaminando con só adquirir no mercado os correspondentes dereitos de emisión.
Con estes antecedentes, tras do fracaso do anterior Cumio celebrado na cidade de Hoznan en Polonia, (e sen sequera facer exhaustivo balance dos resultados de redución obtidos a través do mercado de emisións e dos mecanismos de desenvolvemento limpo) é como chegamos a esta reunión de Copenhague.
E efectivamente, ante un mercado de emisións, xa plenamente vixente dende xaneiro do 2008, no que participan as grandes corporacións financieiras e axentes de bolsa, disputándose entre eles a exclusividade dun negocio que necesita de excedentes de emisións cos que negociar; co amparo dunha ideoloxía totalmente neoliberal que delega na iniciativa privada e nos mercados o que tiñan que ser políticas solidarias de Estado, e fronte a uns países do Sur que reclaman, cada vez con máis forza, o recoñecemento e satisfacción da débeda climática que os países desenvolvidos do Norte teñen contraído cos países do Sur pola súa explotación en exclusiva dos combustíbeis fósiles e pola súa utilización da atmósfera global como vertedoiro gratuíto de todo tipo de emisións contaminantes, moi dificilmente o Cumio de Copenhague podería ter dado outros froitos: só, dende a inxenuidade, podía alguén agardar que chegaran a acordarse drásticas reducións de emisións fronte a un mercado do carbono que necesita da xeración artificial de excedentes de emisión cos que poder traficar; e só dende a inocencia política pode esperarse que a expoliación dos recursos naturais polo actual modelo económico consumista e neoliberal puidera deixarse transformar, sen máis, en (desinteresada) solidariedade cos pobos do Sur.
México 2010: construír a esperanza dun novo protocolo
Por máis que aínda perduren non poucas incertezas en torno a intensidade das manifestacións do quecemento do planeta e o momento da súa aparición, entre os expertos do cambio climático e a comunidade científica internacional hai completa unanimidade sobre os elevados riscos e os graves impactos ambientais, sociais e económicos que provocará este quecemento do planeta de non lograrmos estabilizar a emisión de gases de efecto invernadoiro a niveis preindustriais: a alteración do ciclo hidrolóxico con preocupantes enchentas no inverno e prolongadas secas no verán, o incremento do nivel do mar e a súa repercusión na produtividade das nosas rías; a inundación de importantes rasas costeiras e desaparición de moitos dos humidais do litoral e hábitats asociados; o desprazamento progresivo dos actuais ecosistemas forestais autóctonos e consecuente incremento no risco de incendios; o descenso na produción de pastos e na produtividade de leite, carne e alimentos en xeral, así como a nunca ben valorada degradación e alteración dos hábitats naturais ou os nada desprezábeis riscos sobre a saúde, son algúns dos impactos que os expertos pronostican para o caso de Galiza e zonas temperadas do planeta.
Unánime é tamén a opinión de que o tempo apura e que compre non demorarse en reducir drasticamente as emisións globais de CO2 co fin de lograr estabilizar o incremento de temperatura nun nivel no que os riscos e impactos derivados deste quecemento podan ser controlados e asumidos.
Necesítase, pois, actuar. Pero necesitamos, para iso, algo máis que fixar emisións. Necesítase antes que nada dun novo protocolo que, reexaminando primeiro e con rigor as emisións históricas e a súa orixe, e avaliando, logo, con detalle, os resultados dos actuais mecanismos de flexibilidade, non vacile e substituír a perversidade do actual mercado de CO2 por decisións políticas de Estado que aseguren a redución efectiva de emisións e estea disposto a transformar os chamados mecanismos de desenvolvemento limpo en mecanismos de xustiza e solidariedade que lles facilite aos países non desenvolvidos os recursos económicos e a tecnoloxía necesaria para saír da súa actual situación de miseria e/ou subdesenvolvemento por outros camiños de menor demanda de carbono.
Ademais, nunha economía totalmente deslocalizada e global que explota man de obra barata no terceiro mundo para producir moitos dos bens que consumimos nos países desenvolvidos, deberá contemplarse tamén unha nova contabilidade que impute as emisións reais ao país consumidor e non ao produtor: doutra forma, as grandes empresas contaminantes só teñen que trasladar a súa produción a terceiros países para eludir os compromisos de redución de emisións. (E isto tamén ben pode ser aplicado ao caso galego onde temos a central térmica máis contaminante do Estado: acaso é xusto imputarlle a Galiza as emisións dunha enerxía eléctrica que se consume en Madrid? Como explicar que as emisións de CO2 per cápitat alcancen en Galiza as 12,7 Tn/ano mentres na Comunidade de Madrid apenas chegan ás 4,5 Tn/ano?)
E, mentres tanto, dende Galiza, como dende calquer outro lugar do planeta, deberemos seguir reivindicando a redución de emisións esixindo a aplicación decidida de políticas orientadas ao aforro e a eficiencia enerxética: na xestión de residuos, substituíndo a incineración pola compostaxe; no transporte, promovendo o transporte público fronte ao vehículo privado e recuperando os camiños de ferro fronte ao transporte por estrada; nas cidades, poñendo o desenvolvemento urbano e os deseños urbanístico, de servizos e de mobilidade ao servizo das persoas e non do coche privado; no sector agrogandeiro, promovendo a gandeiría extensiva en base ao pastoreo e a terra fronte ao abuso de pensos, agroquímicos e fitosanitarios; no monte, defendendo a vexetación autóctona e as prácticas preventivas naturais fronte ás extensivas prantacións de eucaliptos e o cultivo do lume; na defensa, en fin, dos nosos recursos naturais, ten Galiza moitas posibilidades de reducir emisións. Non podemos deixar de reivindicalas.
Por aquí deberán ir, na miña opinión, as reivindicacións ecoloxistas e do nacionalismo galego. Vale a pena intentalo.